martes, 24 de abril de 2018

A represión fica acampada dentro de San Caetano

Desde a nosa sección sindical do persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, queremos manifestar o noso apoio á mobilización das compañeiras e compañeiros de Xustiza e á folga indefinida que manteñen durante máis de 77 días  tentando que a Xunta se volva a sentar a negociar. Na enésima mobilización, acamparon diante de San Caetano pero non é esta a única acampada, senón tamén acampou a represión do Goberno da Xunta e nomeadamente o do seu Vicepresidente, Alfonso Rueda, acosumado a impoñer a súa vontade e usando a policía para fins políticos.

Desde hoxe a Policía xa non deixa entrar ás compañeiras e compañeiros no edificio administrativo (acudían tranquilamente á cafetería ou ao noso local sindical en San Caetano) e todo porque levan as camisetas de cor azul co lema de "Xustiza en loita. Dignidade e Resistencia". Ao PP xa non só lle molesta o amarelo, tamén o azul e como segan con esta represión de protestas pacíficas o único que van deixar é o gris da época de Franco.

En varias ocasións acudimos a visitar e acompañar na acampada, onde se bota en falta xente dos sindicatos CSIF, CCOO e UGT, máis próximos a ese famoso "preacordo" do que se fala desde a semana pasada; xa sabedes, divide e vencerás. E é que para unha Administración que "tan bos resultados económicos ten" igualar os salarios ao nivel medio do resto resulta "demasiado". Que é iso de pedir igualdade salarial!? Iso só para as forzas e corpos de seguridade que hai que ter contentas, que  o resto de persoal público somos de segunda ou terceira división.

Un grupo de resistencia continúa e nós estaremos con elas porque non é a súa loita, é tamén a nosa, a de todas as traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza e a de todas as persoas que cren nuns servizos públicos dignos pero sobre todo na liberdade de expresión. Non dubides ti tamén en pasar pola acampada a amosar a túa solidariedade e apoio.

A represión fica acampada dentro de San Caetano mais a dignidade fica acampada fóra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario