Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 19 de abril de 2018

A CIG empraza a UGT e CCOO a abrir o debate para a convocatoria inmediata dunha folga xeral

Paulo Carril: "É o momento dar unha resposta contundente na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno para a clase traballadora.

A CIG remitiu este mércores unha carta ás direccións de UGT e CCOO en Galiza e ás súas respectivas direccións estatais emprazando a ambas centrais sindicais a iniciar un debate serio e sosegado no que analizar as propostas reivindicativas e un calendario de actuacións que leven á convocatoria inmediata dunha folga xeral na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno para a clase traballadora.


Para a CIG este é o momento de acumular forzas, intensificar a mobilización e dar unha resposta contundente que, ao igual que se fixo en 2012 coa convocatoria de dúas folgas xerais masivas, obrigue ao PP a retroceder nas súas posicións antisociais e antiobreiras. Con este obxectivo, a central nacionalista iniciou un debate interno arredor da convocatoria de folga xeral que levou á celebración, durante a pasada semana, de asembleas de delegados e delegadas en todas as comarcas, como primeiro paso para trasladar o debate aos centros de traballo. 

É a resposta necesaria ante ao intenso retroceso das condicións de vida que padece a clase traballadora

Nesta proposta que a CIG remite a UGT e CCOO, recóllese tamén o clamor dos milleiros de persoas que o domingo 15 de abril saíron ás rúas nas manifestacións e concentracións realizadas ao longo de toda Galiza, e que demandaron unidade sen fisuras na defensa dos sistema público de pensións. A participación nesta xornada de protesta evidencia que a clase obreira galega reclama que se loite para lograr a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013, das reformas laborais e das negociación colectiva.

Por iso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, apela aos secretarios xerais de UGT e CCOO a abrir un debate no seo das súas respectivas organizacións, intensificar a mobilización social e camiñar cara a convocatoria dunha folga xeral "conscientes do que significa, pero no convencemento de que é a resposta necesaria ante ao intenso retroceso das condicións de vida que padece a clase traballadora".

Situación de empobrecemento xeneralizado


A este respecto, Carril advirte que nesta última década, baixo a escusa da "estafa social" denominada crise económica, os diferentes gobernos do Estado e de Galiza intensificaron a aplicación das políticas neoliberais que, lonxe de seren medidas conxunturais, como se nos asegurou, van camiño de consolidar unha situación social de empobrecemento xeneralizado.

E canto máis tempo se manteñan en vigor as reformas laborais e da negociación colectiva impostas en 2010 e 2012; as reformas do sistema público de pensións de 2011 e 2013; a privatización continuada dos servizos públicos e o recorte dos dereitos e liberdades públicas e democráticas -nomeadamente a través da Lei Mordaza e da reforma do Código Penal-, "máis nos precipitaremos a esta grave situación". 

A caída dos salarios e a precarización constante pola proliferación de novas formas de explotación laboral esixe dunha folga xeral

"A caída dos salarios e a precarización constante e imparábel a través da proliferación de novas formas de explotación laboral, esixe dunha folga xeral que demostre a disposición de resistencia e de loita da clase traballadora pola recuperación dos nosos dereitos", subliña Paulo Carril. Mais tamén, engade, como a mellor defensa ante o deterioro das pensións e do sistema público de seguridade social e ante as próximas reformas que están a preparar no chamado Pacto de Toledo.

Neste senso, o secretario xeral lembra que as reformas de 2011 (contra da que a CIG convocou unha folga xeral en solitario) e a de 2013 supuxeron, entre outros retrocesos, a desvinculación do IPC na revalorización das pensións, a introdución do factor sustentabilidade, a ampliación dos anos para o cálculo da base reguladora, ou a extensión da idade de xubilación aos 67 anos. As consecuencias destas medidas son evidentes: dificultade para acceder a unhas prestacións dignas, caída xeneralizada da contía das mesmas e posta en cuestión da viabilidade do sistema público. O obxectivo tamén resulta evidente: deteriorar as pensións públicas para favorecer o negocio dos sistemas privados de pensións.

“Se queremos evitar o risco de vivir en peores condicións que as xeracións anteriores, a clase traballadora ten que afrontar o desafío de intensificar a mobilización. Como CIG decidimos actuar, acreditando no potencial e a capacidade de loita da clase obreira, que ten na súa man unha ferramenta fundamental: a folga xeral”, conclúe Paulo Carril.

Ningún comentario:

Publicar un comentario