O día 24/02/2020 tivemos reunión ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Servizos Centrais, despois de ano e catro meses sen reunir dito comité, cando a lei di que se ten que reunir cada tres meses (a acta da reunión anterior e do 15/10/2018).
Dicir que o presidente, que é o que organiza hora, dia e convocatoria, non asistiu, e mandou un substituto. Comentar tamén que sendo a hora e tendo un comité paritario entre representantes da administración e representantes das organizacións sindicais de 10 membros por cada parte, estaban 9 membros das organización sindicais e 4 da Administración. O presidente substituto tivo que facer varias chamadas para que asistira un máis para ter quorum, e facer un paripé de reunión con catro “mariachis” que non tiñan materia para dar explicacións (non se avaliara ningún centro da súa consellería) e onde faltaban os principais actores.
As avaliacións da orde do día eran as seguintes:
- Avaliación de riscos da Axencia Galega da Industria Forestal.
- Avaliación de riscos da D. X. De Desenvolvemento Pesqueiro.
- Avaliación de riscos do Fondo Galego de Garantía Agraria.
- Avaliación de riscos do Instituto Galego de Seguridade e S.L.
- Avaliación de riscos do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal.
- Avaliación de riscos da S.X. de Industrias e Calidade Agroalimentaria.
Polo que respecta ás avaliacións nos puntos relativos á Consellería de Economía, Emprego e Industria, estaba unha representante, que dixo que leva pouco tempo no posto e que non lle dera tempo a ver como van os plans de acción, que nolo dirá a través do correo electrónico. O resto de avaliacións, que son da Consellería do Mar e da Consellería do Medio Rural, non enviaron a ninguén para dar conta de como van os plan de acción. Despois de mais de ano e medio dende que se avaliou non dan explicacións ao órgano onde se debe debater os plans de acción e onde se deben estudar as medidas propostas e cales serían as adecuadas. Nin envían representacións.
Isto á CIG parécenos como mínimo impresentable. O mesmo pasa con outros comités, algúns aínda peores, por exemplo o de Sanidade, que leva mais de catro anos sen se reunir. Tamén podemos falar das avaliacións feitas por unha empresa externa á medida da Administración: onde haxa temas conflitivos, nin os nomean.
Por todo o comentado anteriormente, dende a CIG-Autonómica nos Servizos Centrais, denunciamos publicamente esta situación e podemos afirmar, sen risco a equivocarnos, que á Xunta de Galiza non lle importa a saúde dos seus traballadores e que, tanto os comités de saúde laboral como as avaliacións, fanse por obriga legal, para simplemente aparentar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario