Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 25 de xaneiro de 2022

A CIG gaña a demanda contra as encomendas de xestión en Patrimonio Cultural

E agora qué? A quen cesamos? Quen vai devolver os máis de dous millóns de euros gastados?

A Dirección xeral de Patrimonio Cultural no ano 2018 decidiu que para facer os informes técnicos de arqueoloxía era máis doado encomendarllo á Tragsatec que crear prazas de arqueólogos/as na RPT, ou mesmo cubrir as que tiña vacantes con xente das listas. E comezou a facer encomendas de xestión a esgalla (ata o día de hoxe van 7).

Dende a CIG xa advertimos a ese centro directivo da desfeita destas encomendas que eran manifestamente ilegais por extraer da esfera pública un traballo que só deberían facer o persoal funcionario (informes técnicos que causan efecto sobre as resolucións). 

Ademais gastábase unha inxente cantidade de diñeiro público que ben podería servir para crear esas prazas estruturais en RPT da escala pertinente, neste caso persoal arqueólogo.

E sen mencionar a fraude que se lle facía ás persoas apuntadas nas listas de contratación, que eran directamente ignoradas nos seus dereitos ou mesmo contratadas de novo por Tragsatec; pero claro con peores condicións económicas e laborais.

A CIG denunciou esta situación e  interpuxo un contencioso ante o TSXG no 2020 que acaba de resolverse, botando por terra todo este amaño e anulando a encomenda de xestión feita por Patrimonio Cultural. 

Con un razoamento contundente, ilegaliza todos os actos e institúe as funcións de inspección, elaboracións de informes e asesoramento técnico nos corpos funcionariais, neste caso de arqueólogos/as pero serve de aviso a navegantes para outras consellerías (Política Social, Mar, Medio Rural) que andan xogando coa mesma dinámica de privatización do traballo do persoal funcionario.

Agora só queda saber como van a arranxar este asunto (nova creación de prazas) e a quen lle toca dimitir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario