Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 26 de xaneiro de 2022

A despromoción interna na Xunta de Galiza

Todas as Administracións públicas coidan do seu persoal, tratan que desenvolvan habilidades e coñecementos ao longo do tempo, que incrementen a súa formación e que acaden novas cotas de responsabilidades a través da promoción interna; e así o din as leis que regulan a función pública nas  institucións públicas. Pero todas?....Todas non!!! Unha irredutible Administración do Noroeste ibérico segue a machucar ao seu persoal que para poder superar a promoción interna (PI) vai ter que ir de procesión a Fisterra.

E así o manifestan os datos novamente; se o barullo que se montou coa PI de C2 onde con 48 prazas só 13 compañeiros/as foron quen de aprobar; temos agora un novo capítulo desta desfeita co acontecido no A1 onde de 46 prazas, só aprobaron o proceso selectivo 9 persoas: 37 prazas vacantes o que supón deixar de cubrir o 80% das prazas convocadas. Que sentido vai ter agora a fase de concurso?? Isto si que é un récord mundial e non o de Usain Bolt!!!!

Pola contra temos as promocións internas dos grupos A2 e C1 onde acadan o pase á fase de concurso entre 2/3 persoas por praza, cousa razoable  a todos os efectos.

Que pasa logo que os compañeiros do A1 e C2 son máis tontos que o resto? Pois de ningunha maneira!!!, esta débese a unha situación de descontrol nos Tribunais onde cada un fai o que lle peta e o nivel dos exames sube ou baixa como a bolsa de Londres.

E xa non entramos a profundar o que pasou na oposición de bioloxía onde directamente cargáronse a toda a PI  con un sistema de notas que ninguén entende e que fixo que persoas da quenda libre con menos nota superasen ás persoas que ían pola quenda  de  promoción interna (supoño que irá ao contencioso).

E todo isto, no marco da futura consolidación por concurso de méritos de outros compañeiros/as, ou en procesos de estabilización "ad hoc", o que fai que  a promoción interna siga sendo (como levamos dicindo hai anos) unha "putada interna".
.

Reclamamos logo dende a CIG de SSCC unha promoción interna, factible, equilibrada, que recoñeza, valore e examine as funcións que desenvolven diariamente o persoal  e que non volva a ser un mero trámite memorístico que tenda a buscar máis o suspenso que o aprobado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario