Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 19 de novembro de 2024

ALFONSO RUEDA: UN GALEGO OU UN MARCIANO?

 

Alfonso Rueda ten en conta a xente e a terra na que vive ou dálle exactamente igual?

É unha persoa achegada que quere axudar os/as galegos/as ou observa todo como si vivira nun planeta a millóns de quilómetros e os problemas non foran con el?

Sirve os intereses da maioría ou sirve só ó seus propios intereses e o dos seus amigos/as?

É un galego ou é un marciano?

Agora me explico.

Nestes momentos hai un proxecto infame auspiciado directamente por Rueda que supoñerá unhas das maiores catástrofes ambientais da historia da terra na que vivimos e que hipotecaría o futuro de xeracións enteiras. Chámanlle proxecto GAMA, coma se un acrónimo que imita a unha letra do alfabeto grego aumentase a súa credibilidade ou importancia.

A empresa portuguesa ALTRI está detrás da posible desfeita.

Segundo fontes como Greenpeace, o Consello da Cultura Galega e outras, as consecuencia de tal desatino son as seguintes:

luns, 11 de novembro de 2024

CIG-Administración convocará mobilizacións para denunciar “a conxelación salarial” nos orzamentos do Estado e da Xunta

A CIG-Administración convocará mobilizacións contra os orzamentos do Estado e da Xunta de Galiza para o ano 2025, coincidindo co debate da Lei de Orzamentos. Denuncia que este ano remata o acordo marco para unha administración do século XXI, sen acadar o seu obxectivo porque “aumentou a perda de poder adquisitivo do persoal empregado público e non derrogou a lexislación que impuxo os recortes”. Por iso considera un acto de “hipocrisía” que CSIF anuncie agora protestas cando “é cómplice desta situación como asinante de todos os acordos que levaron a esta situación”.

Así o explica o secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, que considera que a demanda do CSIF dunha suba salarial igual ao IPC de 2024 “é o mesmo que pedir a conxelación salarial”, porque iso non permitiría achegarse, sequera, ao poder adquisitivo perdido ao longo destes anos.

martes, 5 de novembro de 2024

Subiuche o soldo a Xunta a tí?, a min non. Posición da Permanente da Xunta de Persoal de SSCC

De seguido podedes ver escrito aprobado na Permanente da Xunta de Persoal con data 30/10/2024 e enviado o Sr. Presidente da Xunta de Galicia e o Conselleiro de Facenda sobre a suba salarial de determinados funcionarios da Xunta de Galicia, este escrito presentouse no Rexistro Xeral da Xunta con data 05/11/24 as 10:32h.:

Asunto: Suba salario a determinados funcionarios (letrados e interventores) da Xunta de Galicia segundo o proxecto de Lei de Orzamentos para o ano 2025

Na reunión da Permanente da Xunta de Persoal de Servizos Centrais de data 30/10/2024, aprobouse por unanimidade o seguinte comunicado para o Sr. Presidente da Xunta de Galicia:

Nos, como representantes dos traballadores de Servizos Centrais (SSCC), non nos parece mal a subida de salarios, o que si estamos totalmente en contra e que a quen se lles suba e aos que teñen os mellores emolumentos da administración da Xunta de Galicia, estamos falando de niveis 30 e 28A, aos que se lles quere subir segundo o proxecto de Lei de Orzamentos para o ano 2025 entre 4.156,32 ata 10.195,36 euros/ano, para igualar o complemento específico o persoal letrado do Consello Consultivo que e de 29.316,00 euros/ano, compre dicir que estes colectivos (letrados e interventores) aos que se lles sube o especifico teñen xa respectivamente un complemento de 25.159,68 e 19.120,64 euros/ano, respectivamente, a xustificación básicamente e a carga de traballo, cousa que non e certo, xa que a carga non varía por máis que se cobre mensualmente.

Lembramos que a Xunta de Galicia ten funcionarios traballando con niveis 10 e 12, os cales teñen de especifico 6.477,94 e 6.813,80 respectivamente (fonte Orde de confección de nóminas para 2024 DOG 15/07/24). Tamén lembrámoslle dende esta Permanente que o Fondo de Acción Social esta con unha sola liña de axudas, que e para discapacitado a cargo, o resto das axudas cargounas esta administración da Xunta de Galicia coa Lei de Medidas temporais do 2012, con esa norma tamén mutilaron as pagas extras de todos os funcionarios da Xunta Galicia, a día de hoxe non cobramos as pagas extras completas.

mércores, 30 de outubro de 2024

A Xunta aproba unha suba salarial de entre 4.156,32 a 10.195,36 €/ano para o 2025

Segundo recolle a DA 15ª (Medidas de homologación retributiva aplicables a determinadas escalas de persoal funcionario) do proxecto de Lei de Orzamentos


Trátase de acabar co agravio retributivo que se dá cos postos do Consello Consultivo e o Consello de Contas. A medida non afecta a todas as escalas de persoal funcionario e nin sequera comezan polas máis desfavorecidas. Só afecta aos niveles 28 e 30 das escalas de persoal letrado e de finanzas. Non hai como estar preto do poder e ter que dárlle sempre cobertura legal e financeira ás ocorrencias políticas máis diversas, para que se teñan en conta as súas prestensións lexítimas de melloras retributivas mentres o resto do persoal da Xunta fica conxelado a espera do que diga o goberno central.

venres, 25 de outubro de 2024

As novidades que nos trae a Lei de Orzamentos en material de persoal para 2025

O que diga o Goberno central e, se lles dá a gana, convocan o grao II ordinario e III extraordinario da carreira profesional (e a ver con que requisitos). A realidade é que cando chegue o 1 de xaneiro de 2025 subirán os prezos de todo e o noso salario ficará igual que no 2024.

E nada de recuperar os dereitos perdidos na lei de medidas do 2012 (aquela que ía ser temporal): fondo de acción social, 9 días moscosos de base, artigo 19 do convenio colectivo... E tampouco nada de solicitarlle ao Goberno central que elimine o recorte das pagas extras de 2011: as nosas pagas extras querémolas completas!

mércores, 23 de outubro de 2024

Calendario laboral 2025: dous días moscosos a maiores e outros dous que non


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou en data 24/07/2024, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o calendario laboral de Galiza para o próximo ano 2025. 

A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, 9 son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (18 de abril), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro (este ano coincide en domingo e Galiza cambiao polo 17 de maio), 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. 

O Comité Europeo de Dereitos Sociais admite o caso da "CIG contra España"

Admite a reclamación referida ao insuficiente SMI español, que o Goberno intentou que se declarara “inadmisíbel” argüíndo que a central sindical só representa á clase traballadora galega

Aínda que na Administración pública o SMI non nos afecta nas nosas retribucións, como sindicato nacionalista e de clase preocúpanos xa que o SMI afecta de xeito capital á clase traballadora e moito e máis nun país empobrecido como o noso. Grazas a esta acción da CIG, Galiza conta e a clase traballadora tamén; non se pode permitir que o Goberno máis progresista da historia 2.0 siga a incumprir as indicacións europeas de ata onde ten que chegar o SMI. E que non nos venda motos de que coa ultradereita peor e mellor pouco que nada. Na CIG non nos conformamos con migallas. Nós producimos, nos esiximos.

Podes acceder á decisión de admisibilidade.

luns, 21 de outubro de 2024

As mesas de «negociación» coa Xunta: o maior espectáculo do mundo. Pasen e entretéñanse!


MESA PREVIA E MESA XERAL DE EMPREGADAS PÚBLICAS DO 15/10/2024. COMISIÓN DE PERSOAL E MESA XERAL DE EMPREGADAS PÚBLICAS DO 16/10/2024

Señoras, señores, pasen e vexan! O maior espectáculo do mundo… está en San Caetano e é de balde, aínda que de entretido ten ben pouco… 

Nun novo alarde de hipocresía e desvergoña inadmisíbeis, propios de sistemas de ultradereita, que dinamitan calquera posibilidade de albiscar ese fenómeno estraño que, para eles e elas, é a BOA FE NEGOCIAL, dende a Dirección Xeral de Emprego Público convócasenos a un maratón de mesas de «negociación» onde o eixo central, como ben di o seu nome, é supostamente a NEGOCIACIÓN, neste caso a «negociación» nin máis nin menos que do Anteproxecto da Lei de medidas (materia de persoal) e da Lei de orzamentos para 2025.

Lotería de nadal CIG 2024

Temos á vosa disposición a lotería de Nadal da CIG para o sorteo do vindeiro nadal (22/12/24).  Xogamos o mesmo número que anos anteriores, e as participacións voltan a ser de 5 euros sen recargo.

Os puntos de venda están no local da CIG en San Caetano, soto de Educación, teléfono 981 545 909.

E no local da CIG en San Lázaro, baixo da Consellaría de Promoción do Emprego, teléfono 981 546 999.

Ante as desilusión que nos dan cada día os responsable da Xunta (procesos selectivos eternos, concurso eterno, comisións de servizo sine die, promocións internas eternas...) a ver se podemos darnos unha alegría.

xoves, 17 de outubro de 2024

Concursos de traslados e procesos selectivos... seguen traballando (sic)!

 

Nas mesas xerais que se celebraron estes días insistimos no que preguntamos na anterior Comisión de Persoal do 19/09/24: cal é a situación de TODOS os concursos de traslados convocados (listados provisionais de admitidos, elección de postos, toma de posesión), e dos NON CONVOCADOS (cando pensan comezar as negociacións, cando convocan, etc...)?

Facemos constar que neste momento hai convocados 6 concursos e queremos coñecer en que estado están:

F0424 - CONCURSO DE ADMINISTRACIÓN XERAL 2024.
F0324 - ESCALAS DE ENXEÑARÍAS, ARQUITECTURAS, CIENCIAS.
F0224 - INSPECCIÓN E AXENTES INSPECCIÓN DE CONSUMO.
F0124 - CONCURSO DE GARDACOSTAS 2024.
F0223 - ESCALAS SERVIZO DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS.
F0123 - AXENTES AMBIENTAIS/FORESTAIS.

Non acabamos de entender por que non se convoca o resto tendo en conta que en moitos deles o número de efectivos que vai concursar é mínimo, poñemos por exemplo a escala de arqueoloxía onde ademais o anterior concurso se convocou dentro do de especiais.

De telos convocados e resoltos “sobre o papel” xa se tería avanzado para no momento de finalización de procesos selectivos e promocións internas, facer todas as tomas de posesión simultáneas.

Están traballando neles.

Están traballando coas consellerías o asunto dos concursos específicos.A directora xeral comenta que están traballando nas listas definitivas de algúns como por exemplo o de administración xeral. E aí remata a explicación.

Procesos selectivos

Informacións das mesas xerais: carreira profesional, lactación, Illas Atlánticas, trienios, etc.


MODIFICACIÓNS DO DECRETO 151/2022 DE MOBILIDADE DO PERSOAL FUNCIONARIO DE CARREIRA

A maiores da aberración na que finalmente deron marcha atrás en relación á medida a prol dos homes, manteñen estas outras outras:

1. Modifican o artigo 15.2 para que as persoas das comisións de valoración dos concursos ordinarios non teñan que pertencer ao corpo ou escala do concurso de que se trate senón simplemente a un grupo de titulación igual ou superior ao esixido nos postos convocados. Isto débese a que en escalas con pouco persoal e onde pode concursar un grande número de efectivos pode haber problemas para constituír as comisións.

2. Outra modificación é a dos puntos 3 e 4 do artigo 38 relativa á obriga das persoas a dispor ou adscritos provisionalmente de solicitar determinados postos nos concursos ordinarios, onde suprimen a opción de facelo a unha das grandes cidades, por a elección da localidade do posto ao que estea adscrito provisionalmente a persoa funcionaria. Argumentan que ás veces é difícil en determinadas escalas dar postos definitivos nalgunhas localidades.

Neste punto observamos aspectos positivos pero tamén o perigo de que se poida utilizar, en prexuízo das demais persoas concursante, ao poder adscribir a unha persoa á localidade onde pretenda concursar.

Evidentemente opoñémonos a que unha modificación deste calado se leve a cabo querendo despachar este asunto enviando a documentación horas antes para que non poidamos estudala.

ROLDA ABERTA DE INTERVENCIÓNS

Entrou VOX na Xunta?. A deriva ideolóxica en materia de Emprego Público

 

Na produtiva mesa xeral do día 15/10/2024 agromaron unha serie modificacións normativas que parecen ditadas pola ultradereita unhas e pola facción da boina outras, pero todas cunhas marcadas connotacións ideolóxicas e políticas.

Os homes por riba, por suposto...

En algo tan sinxelo como unha modificación do Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira relativa ás comisións de valoración dos concursos ordinarios introducen unha CLÁUSULA IDEOLÓXICA, que parece sacada dun texto de VOX: aplicar unha medida de discriminación positiva A FAVOR DOS HOMES, no sentido inverso ao que se establece na normativa en materia de igualdade utilizando medidas de acción positiva no sentido contrario. Non sabemos de onde saíu ese texto ou quen lle intentou colar este catecismo á DXEP.

O caso é que despois de que puxéramos de relevancia tal asunto e de que lles fixéramos ver que incluso iría contra a normativa de igualdade, a directora xeral reflexionou e finalmente retirou esa modificación.

¡FUERA GALLEGO!

Coa desculpa da falta de persoal en determinadas escalas e categorías, traen a mesa outro punto ditado por VOX. Propoñen eximir do coñecemento de lingua galega ao persoal de determinadas categorías sanitarias. Queren dar a entender que van ter que recorrer a persoas doutras comunidades, países ou estados, ante a insuficiencia de persoal sanitario na Xunta de Galiza. Facémoslle notar que isto se debe entre outros factores, a que unha parte importante de persoal que se formou neste país ESTÁ FORA, noutras comunidades e noutros países en condicións mellores. E que incluso o persoal propio marcha para o SERGAS en canto pode. Así que a cuestión non é que non haxa persoal formado en Galiza, senón que determinadas políticas teñen determinados efectos.

venres, 11 de outubro de 2024

Até cando imos sufrir a ineptitude da directora da EGAP?

   

O sindicato presenta máis de 30 demandas e reclamacións sobre a xestión da EGAP e 285 propostas de cursos recadadas de entre as traballadoras e os traballadores, afiliación e persoas delegadas do sindicato, ante a ausencia de oferta formativa para moito persoal e diante da diferenza abismal entre a oferta e a demanda en formación como a linguaxe administrativa galega, a igualdade ou a formación do Marco Galego de Competencias Dixitais

Dende a CIG criticamos e denunciamos a falta de negociación para a planificación e deseño dun plan anual de formación e actividades para todo o persoal da Administración xeral da Xunta e entes instrumentais que estea ben elaborado e estruturado, e que dea resposta ás necesidades de formación reais e actuais en todas as áreas temáticas, sen exclusións. En todo o proceso de elaboración do plan de formación o persoal e sindicatos non cortamos nin pinchamos, todo é decisión unilateral da directora da EGAP. Este proceso é moi sinxelo e básico, a diferenza do que fan outras escolas de administración pública, e consta destes 2 pasos:

1. Envío aos sindicatos dunha circular unha vez ao ano para recibir achegas nun prazo estipulado.                                          

2. Recepción das achegas dos sindicatos (a maioría ignoradas ano tras ano) e, sobre o esquema do plan de formación anterior, repetición da maioría das actividades e das mesmas persoas formadoras para o ano seguinte.  

A opacidade é absoluta á hora de decidir e deseñar ano tras ano os plans de formación en calquera aspecto que nos veña á cabeza, como calquera dos seguintes:    

luns, 7 de outubro de 2024

Erro 500---Erro da Xunta

 

Durante a semana pasada foi imposible acceder á moitos procesos selectivos da páxina de Función Pública.

Publicáronse varias resolucións e baremos provisionais e iso implica a existencia duns prazos que hai que respectar e polo tanto, para dar garantía plena aos interesados, deberíanse poder consultar durante todo o período de alegacións eses baremos. Incluso se poderían publicar con anterioridade pois nada o impide.

O día 04/10/2024 publícanse no DOG unhas resolucións relativas á baremación provisional de varios procesos selectivos de concurso da agrupación profesional de persoal funcionario e de varias categorías do grupo V que afecta a miles de persoas, pois son procesos masivos, e a páxina da un erro:

Error 500--Internal Server Error

Dende a CIG foi imposible contactar telefónicamente coa DXEP polo que nos puxémos en contacto a través de correo electrónico para que trate de solucionar este problema e habilite unha solución para canto antes.

mércores, 4 de setembro de 2024

Cambio das datas de exames e desculpas absurdas: cando a palabra da directora xeral vale CERO

 

Antes do verán tivemos novas sobre o aprazamento dos procesos de promoción interna e de libre, que nos obrigaron a esixirlle á directora xeral en varias ocasións aclaracións.

Despois de eludir o tema varias veces, respondeunos finalmente o 21 de xuño nunha comisión de persoal que “...se comprometían a poñer os medios necesarios para que se puidera cumprir o calendario anunciado.” Esta parecía a resposta correcta para non contradecir ao Presidente da Xunta que nunha nota de prensa anunciou as datas de exames de 22 procesos.

Pois ben, apenas mes e medio despois, Función Pública colga un novo calendario de exames no seu web, no que figuran cambios nos procesos de libre e promoción interna. No caso concreto da promoción interna de corpos xerais se apraza do 14 de decembro aos días 1 e 2 de febreiro de 2025. A maiores atopamos outras eivas como que no novo calendario poñen a data de exame de dous procesos da escala de veterinarios o mesmo día, cando se comprometeran a dar opción para que as persoas aspirantes puidesen concorrer ás dúas probas.

A desculpa de mal pagadora no caso da promoción interna a corpos xerais é que hai 21 persoas que están matriculadas na promoción interna e son á vez membros dos tribunais dos procesos de estabilización. Isto é de traca: na Xunta hai máis de 15.000 funcionarios e funcionarias de carreira e non se atreve a cesar a 21 membros dos tribunais e nomear outros 21?

Se non os/as atopa que non se preocupe, que lle facemos nós o traballo e buscámoslle 21 titulares e 21 suplentes se fai falta. Pero nos tememos que son desculpas e que realmente NON QUERE resolver o problema e acode á vía máis doada e cómoda para ela: adiar, que é o tradicional principio informador das políticas de persoal na Xunta.

Moitas/os compañeiras/os reservaron días e vacacións para o mes de outubro ou decidiron seguir matriculados/as en academias, ou simplemente organizaron a súa vida persoal en función das datas que esta directora xeral garantía.

Polo que podemos observar nesta dirección xeral cambian as persoas titulares pero arrástranse as mesmas políticas: cambian caras para que nada cambie.

venres, 28 de xuño de 2024

A CIG aposta por tribunais de selección democráticos e non dactilares

 

Dende o primeiro momento da súa creación a Xunta de Galiza impuxo o sistema de que os tribunais se decidían dende arriba, e por moito que se criticou o sistema por sindicatos e persoal opositor, nunca se puido eliminar este proceder.

E se hai vontade política pódese facer, e seguramente funcione moito mellor que as persoas designadas a dedo dende a Dirección Xeral de Emprego Publico e Administración de Persoal, si se mudan por persoal voluntario.

De feito a Academia Galega de Seguridade Publica xa está a facer algo parecido, elaborando unha listaxe de persoas funcionarias voluntarias aspirantes a ser propostas como membros dos tribunais. Véxase na recente resolución publicada no DOG do 26/06/2024 pola que se fan públicas as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas para a formación das listaxes de persoal funcionario aspirante a ser proposto como membros voluntarios dos tribunais.

martes, 25 de xuño de 2024

A CIG recorre en reposición as listaxes de postos dos concursos de traslados de corpos xerais e especiais

 

Dende a CIG presentamos sendos recursos de reposición diante da publicación das convocatorias de concursos de traslados dos corpos xerais e corpos especiais publicados neste primeiro semestre do presente ano. Nas dúas convocatorias non se publican todas as prazas vacantes existentes, por exemplo, no caso dos corpos xerais son darredor de 180 prazas as vacantes que non saen no concurso de traslados sen darnos ningún tipo de explicación ao respecto.

En ningún dos dous procesos se convocan todas as prazas vacantes existentes e se a isto engadimos as que se atopan bloqueadas pola situación totalmente anómala e irregular das prazas de CONCURSO ESPECÍFICO (lembremos que estas prazas están cubertas en fraude de lei, mediante comisións de servizos eternas), a situación aínda é pior.

Cómpre falar tamén das prazas sobre as que existe reserva de praza, das cales sería un exercicio de transparecencia e bo facer, que se nos facilitase a información das causas que motivan tales reservas de praza.

Evidentemente son concursos de traslados deturpados, porque unha cousa é a potestade da Administración galega de organizar os seus servizos, e outra que as persoas empregadas públicas non teñamos dereito a mobilidade ao substraer unha inxente cantidade de postos destes concursos

Moito máis sangrante é a situación das escalas de corpos especiais xa que as convocatorias dos concursos de traslados levan sen convocar moitos máis anos.

martes, 18 de xuño de 2024

Se non sabes, pregunta

 

Sra. directora xeral de Emprego Público:

certo é que non levas moito tempo no cargo, pero deberías ser consciente que hai miles de persoas esperando que lles confirmes SE O 14 DE DECEMBRO VANSE CELEBRAR OU NON os exames da promoción interna de corpos xerais.

E se chegas á mesa xeral sen documentarte non vale que nos digas que ignoras si había un calendario de exames colgado ou non da páxina de Función Pública. Se non sabes pregúntalle a Rueda que o anunciou despois dun Consello da Xunta de Galiza.

Pero é que ademais, como podes supoñer, sra. Directora, o que lle interesa ao persoal non é si estivo, está ou estará un calendario, senón que ti CONFIRMES OU NON se os exames vanse celebrar nesas datas.

E se na reunión da mesa xeral non podes aportar datos o que terías que facer é ao día seguinte confirmar a suspensión dos exames ou o seu mantemento, porque non facelo é rirse do persoal que está organizando a súa vida, pagando academias, detraendo horas da vida familiar para o estudo e facendo grandes esforzos para mellorar a súa situación profesional.

E se non sabes, pregunta.

EGAP: convocatoria de actividades de formación continua

 

No DOG do 14/06/2024 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2024 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Convocan as actividades de formación continua correspondentes ao segundo semestre do ano 2024 para o persoal ao servizo da Administración xeral autonómica de Galiza, da Administración institucional e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza que se detallan nos anexos desta resolución.

O prazo de presentación de solicitudes principiará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza e rematará o día 25 de xuño de 2024.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a tres.

venres, 24 de maio de 2024

Convocatoria do mal chamado «Fondo de Acción Social» do ano 2023

 

Vén de publicarse no DOG do 22/05/2024 cada vez sae máis tarde— a convocatoria do mal chamado «Fondo de Acción Social» do ano 2023. Trátase exclusivamente dunha axuda por persoa con discapacidade a cargo coa que Función Pública pretende seguir substituíndo sine die o auténtico FAS.

Resumo da convocatoria: 

Solicitude: será única con independencia do número de persoas causantes con discapacidade polas que se solicita a axuda. Xerarase de xeito telemático dende a aplicación do FAS.

Presentación: no rexistro ou de forma dixital a través da sede electrónica da Xunta de Galiza mediante solicitude xenérica PR004A. Dirixirase á Consellaría de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal. No obxecto do asunto indicarase: convocatoria do Fondo de Acción Social do ano 2023. Xunto coa solicitude achegaranse tamén as copias auténticas dos documentos que se exixen e das certificacións que xustifiquen os feitos alegados.

Prazo: do 23/05/2024 ao 05/05/2024.

Orzamento: máximo de 180 €/mes/persoa

Requisitos:
- Ser persoal funcionario ou persoal laboral do VCCU que prestara servizos durante o ano 2023 na Administración xeral autonómica ou entidades instrumentais da letra a) do art. 45 da Lei 16/2010 (isto é, organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos); ou ben ser persoal docente ou profesor/a de relixión.
O restante persoal da administración xeral ou entes instrumentais non ten acceso a esta axuda.
- Ter a cargo unha persoa causante cun grao de discapacidade entre o 33 e o 75 % e rendas inferiores aos 14.000€ anuais en concepto de rendementos de traballo ou de prestación que teña tal consideración. Cando a discapacidade é superior ao 75% non son de aplicación os límites referidos a estes ingresos.      
- Cumprir os requisitos para ser beneficiaria/o desta axuda e que se lle denegara a prevista no art 35 do VCCU.      

 Que foi do verdadeiro FAS?

mércores, 15 de maio de 2024

Convocado o concurso de traslados da Administración xeral da Comunidade Autónoma

 

No DOG do 15/05/2024 publican a Resolución do 13 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEPAP, antiga D.X. de Función Pública), pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.

Observación 1: neste momento NON se solicitan as prazas

Como xa chegan as primeiras consultas, lembramos ás persoas interesadas que inicialmente só presentarán a súa solicitude de participar no concurso de traslados, e que neste momento NON se solicitan postos, algo que será nun momento posterior, cando a DXEPAP publique un novo listado que conterá as vacantes publicadas nesta convocatoria xunto co listado das prazas das persoas que solicitaron participar no concurso, como "potenciais vacantes".

Observación 2: poden participar as persoas de escalas?

Este é o concurso de traslados que chamamos de "corpos xerais". Isto é, de postos de Administración xeral sen escalas. Os compañeiros e compañeiras que pertenzan a calquer escala (tanto de administración xeral como de administración especial), poderán participar soamente para optar a aqueles postos que a maiores de corpos xerais, tamén estean abertos a súa escala.

Poderán participar neste concurso:

xoves, 2 de maio de 2024

Alegacións da CIG ao Acordo do Fondo de Acción Social para o ano 2023

O día 20 de maio as 10:00 horas os axentes sociais tivemos unha reunión con representantes da Función Pública por o mal chamado Fondo de Acción Social (FAS) xa que só queda unha axuda (por atención de persoas con discapacidade) dende os recortes que fixo esta Administración no ano 2012.

A proposta de Acordo do FAS segue a vir únicamente con axudas para atención de persoas con discapacidade, polo que segue a manter limitadas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

Todos estes recortes no FAS comenzaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do estado español xa ten levantado todas as limitacións de orzamento que puideran ser xustificación destes recortes. No cadro que vai deseguido vese a diferenza do FAS do ano 2010 comparado có actual.

xoves, 25 de abril de 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais

 

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar). 

Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados:

Concurso de traslados de corpos xerais

Concurso de traslados de escalas sociais

  • Sen concretar datas, anuncian que o seguinte será o concurso das escalas sociais.
  • Para isto, teñen que rematar primeiro a RPT de política social (inclúe a RPT do consorcio). Fala de rematar “nas vindeiras semanas”.

O resto dos concursos de traslados

  • Recoñece que faltan algúns, pero non lles pon data.

A CIG segue a reclamar a convocatoria dos concursos abertos e permanentes.

xoves, 18 de abril de 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

 

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación.

Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público de Galiza, que suspendeu todas as medidas do fondo agás a axuda por persoa con discapacidade.

Dende a seguinte ligazón podes descargar a proposta, e si é do teu interese, contacta coa CIG.

martes, 2 de abril de 2024

Campaña da renda 2023

 

Como todos os anos, a CIG ofrece un servizo de realización do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) aos afiliados e afiliadas.

A campaña da declaración da renda deste ano comeza o día 3 de abril (por internet), finaliza o 25 de xuño para declaracións a ingresar, e o 1 de xullo para o resto.

Para máis información, vai ao web de CIG que temos para a Renda do 2023: ligazón.

martes, 5 de marzo de 2024

EGAP: convocatoria de actividades de formación continua


No DOG do 01/03/2024 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2024 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal empregado público destinado na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza, e na Administración institucional, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.

Os criterios de selección que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 10 de maio de 2023 (DOG núm. 96, do 23 de maio); corrección de erros (DOG núm. 130, do 10 de xullo, e DOG núm. 148, do 4 de agosto), sen prexuízo dos criterios específicos establecidos na epígrafe «Persoal destinatario» de cada actividade formativa incluída no anexo II desta resolución.

venres, 9 de febreiro de 2024

Concursos de traslados de corpos xerais e de escalas de enxeñarías, arquitectura e ciencias: para aprobación o luns 12/02/24

 

O xoves 8 de febreiro participamos nunha xuntanza co director xeral de Función Pública (DXFP), para falar de diversos asuntos. Entre eles, os concursos de traslados de corpos xerais e o das escalas de enxeñarías, ciencias e arquitectura (A1 e A2). O luns 12 van quedar aprobados na Comisión de Persoal.

Na intervención da CIG, a primeira queixa foi polos tempos. Levamos anos a voltas cos concursos permanentes, e nin sequera temos un concurso anual. Meses en que ás nosas preguntas respostan indicando as prioridades, pero non os prazos. Prioridades que nen sequera cumpren.

De súpeto, envían os borradores dos concursos sen tempo a moita discusión. E envían a relación de prazas vacantes con só dous días para revisar e alegar. Esto é inaceptable, pois falamos de 3.500 prazas entre os dous concursos.

O DXFP afirma que aínda que se aprobe o luns, haberá marxe para revisar e alegar ás prazas, ata a publicación en DOG (segundo conta, sería unhas semanas máis adiante).

En canto ás prazas que serán ofertadas, serían todas as vacantes agás aquelas que as consellerías certifiquen que queren amortizar en futuras RPTs. A CIG reclama que se convoquen todas, pero si levan adiante a retirada de postos por propostas de amortización, sería inaceptable que se concedan comisións de servizos a tales postos.

venres, 19 de xaneiro de 2024

A Xunta non mobilizou os medios propios, con competencias ambientais, na crise dos pellets

 

Hai máis de 3.000 compañeiros/as que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar


Un mes despois de que a Xunta coñecera a chegada destes residuos as praias non ten mobilizado a ningún medio propio (a maiores do habitual nesa zona en calquera época do ano) para o seu control, coordinación ou recollida aínda que á CIG-Autonómica cónstalle que o persoal si llo pediu e ofreceuse voluntario.

A Consellaría de Medio Ambiente ten persoal de campo, vixiantes de recursos, peóns e oficiais de recursos naturais e axentes ambientais en todo o territorio. Máis de 3.000 compañeiros e compañeiras que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar.

En concreto, que no colectivo de persoal funcionario hai 107 axentes; 2 axentes ambientais coordinadores; 19 axentes territoriais e 35 axentes zonais. E no colectivo de persoal laboral, 63 peóns forestais; 3 técnicos/as ambientais; 15 técnicos/as superiores ambientais e 98 vixiantes de recursos naturais.

Xunto a isto a Xunta conta con medios e vehículos e que están preparados. Ademais, no caso das e dos axentes ambientais pode activarse o período extraordinario cun sistema de gardas, polo que pasan a facer xornadas de 12 horas e poden mobilizarse por todo o territorio nacional.