Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 4 de abril de 2025

A CIG denuncia a opacidade da EGAP na selección, retribucións e compatibilidades do persoal formador

 

Entre os cometidos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) atópase a formación do persoal propio da Administración. Boa parte desta formación impártea persoal empregado público, que é  seleccionado polos órganos de dirección das diferentes consellerías en colaboración coa EGAP.

A Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas; o Real Decreto 598/1985, do 30 de abril, sobre incompatibildiades do persoal ao servizo da Administración do Estado, da Seguridade Social e os Entes, Organismos e Empresas dependentes; e o propio Estatuto Básico do Persoal  Empregado Público, regulan as actividades das persoas que traballan nas adminisracións públicas en canto a posibles incompatibilidades se refire.

Na CIG preparámonos para iniciar posíbeis accións xudiciais contra a EGAP

A CIG leva solicitando dende hai meses unha serie de documentación en canto a retribucións, criterios de escolla do persoal docente, e outras cuestións da formación; información toda ela á que como representación legal do persoal temos dereito para exercer un control e vixilancia. A día de hoxe non tivemos ningunha resposta por parte da EGAP, polo que vimos de remitir outra solicitude, como paso previo ás accións xudiciais, na que instamos tanto á EGAP como á Dirección Xeral de Emprego Público, a que:

1) Certifiquen que a docencia que se imparte na EGAP se fai consonte a normativa de compatibilidades dos empregados e empregadas públicas.

2) Fagan público e accesible o rexistro das persoas que imparten a formación na EGAP con indicación das condicións das compatibilidades.

3) As retribucións específicas durante os 5 últimos anos de todo o persoal formador empregado público, desagregando os conceptos salariais e outros pagamentos.

4) Nos dean acceso á base de datos de formadores/as da EGAP e fagan públicos os criterios tanto de inscrición como os de selección establecidos para este persoal formador nas súas distintas modalidades (docencia, dirección, coordinación e titorización).

A EGAP e Emprego Público non poden seguir ocultando estes datos, que afectan á súa propia credibilidade como xestores/as, á ética profesional, á transparencia, á obriga de render contas sobre os investimentos e gastos dos cartos públicos en todas as súas actuacións, de garantir no acceso ao emprego e toda actividade laboral a igualdade de oportunidades e de cumprir con toda a lexislación de aplicación.

Se queres facernos chegar as túas suxestións, tes unha canle permanentemente aberta coa CIG-Autonómica. Escoitámosche!

Ningún comentario:

Publicar un comentario