Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 4 de febreiro de 2015

Denuncia xudicial polo dispendio público na revista "Medio Rural"

Sobor da denuncia do dispendio público da revista "Medio Rural" da que se abandonaron varias caixas por varios centros da Consellaría, achéganos a asociación Pladesemapesga a seguinte información adicional sobre este caso de dispendio público que consideramos de interese. 

A maiores, e grazas a información difundida dese este blogue, a dita asociación ampliou a denuncia no xulgado contra a xefa do Gabinete, encargada da edición da revista, por mal uso dos fondos públicos.

Se sabes dalgún caso máis de dispendio público, fáinolo chegar.

Medio Rural: "temos case 400 postos vacantes e só amortizamos 130"

Achega Medio Rural a súa relación de vacantes; un total de 383. No apartado de observacións sinálanse as 130 propostas para amortizar, así como aquelas que actualmente están pendentes de cobertura por considerar a consellaría "absolutamente necesarias e imprescindibles". Recordamos que a estas 130 novas propostas de amortización hai que sumar as 86 postos amortizados no 2013.

Rexeitamos de plano estas amortizacións como unha "obriga" porque as limitacións orzamentarias as impón a mesma Administración que prefire a xestión de servizos públicos vía encomendas de xestión a Tragsa ou contratación con empresas privadas como Natutecnia. É unha decisión libre reducir o servizo de prevención e defensa contra incendios forestais ou as oficinas agrarias, por exemplo. + información.

Rexeitamos esta proposta na reunión, a rexeitamos fóra da reunión, chovendo a mares, nunha concentración pública e a través dos grupos parlamentares que se fan eco da nosa negativa ao desmantelamento dos servizos públicos.

A próxima reunión terá lugar o vindeiro mércores 11 de febreiro, ás 10.00 horas na sala de xuntas da Secretaría Xeral Técnica desta Consellería. A data límite para presentar alegacións á proposta remitida o pasado 27 de xaneiro será o día sinalado para a reunión (11 de febreiro).

Denuncian desatención das persoas maiores e dependentes nas residencias públicas de Traballo e Benestar

Como pode a conselleira seguir viaxando de sarao en sarao no seu coche ofical mentres ten os usurios das residencias públicas sen persoal suficiente ou con só 3 cueiros ao día!?

Facemonos eco da nota feita por un membro do Comité de Traballo da Coruña trala rolda de prensa conxunta de CIG e UGT para denunciar a desatención das persoas maiores e dependentes nas residencias públicas de Traballo e Benestar. CCOO e CSIF non quixeron participar. Vai video da rolda de prensa no interior.

O martes, 3 de febreiro, houbo en Compostela unha rolda de prensa da CIG e UGT na que estivemos presentes membros dos Comités de Traballo e Benestar de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra para denunciar a política inhumana, antilaboral e antisocial da Conselleira Beatriz Mato.

martes, 3 de febreiro de 2015

Aberto o prazo de convocatoria para os cursos da EGAP do primeiro semestre de 2015

A finais do mes pasado anunciábase na reunión do Consello Reitor da EGAP o seu Plan Formativo para o 2015. Unha das convocatorias máis temperá foi a do persoal da Xunta para este primeiro semestre.  No DOG do 3 de febreiro publícase a convocatoria destes cursos na que no seu anexo II podes consultar as actividades ofertadas.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación. O número máximo de cursos que se pode solicitar limítase a seis. Demasiada limitación para quen despois ve denegadas todas as súas solicitudes xa que existen determinados cursos que sobrepasan amplamente o número de solicitudes, máis tendo en conta a intención que amosou Función Pública (nos borradores da promoción eterna) para que a validez dos cursos caduque aos 8 anos.

As solicitudes de participación realizaranse exclusivamente mediante o formulario de matrícula electrónica dispoñible na seguinte ligazón, desde as 8.00 h. da data de inicio do prazo e ata as 14.00 h. da data de finalización.

luns, 2 de febreiro de 2015

A reforma no IRPF: outra achega de fume para a recuperación salarial do persoal público

Neste mes de xaneiro o persoal público tivemos dous pequenos incrementos nas nosas nóminas: o pagamento da metade do que xudicialmente nos deben da paga extra de 2012 e máis unha lixeira suba debido á baixada nas retencións do IRPF. Con estas achegas de fume a Xunta trata de tapar os recortes aínda vixentes sobre as nosas nóminas e a perda de poder adquisitivo destes 4 últimos anos.

Do primeiro xa falamos abundamentemente en notas anteriores. Nelas explicábamos detalladamente o que íamos cobrar (menos que noutras Administracións), o que está pendente e que non se trata dunha regalía, senón do pagamento dunha débeda recoñecida pola Xustiza. Porén, gusta o Goberno da Xunta en troceala e mostrala diante da cidadanía como un xesto de magnanimidade e mesmo de exemplo de recuperación económica.

Do segundo, denunciamos no seu momento, e volvemos denunciar agora, a falta de progresividade desta reforma e que son as rentas máis altas (a partir de 60.000€) as que saen máis beneficiadas. Iso por non falar, das grandes empresas que pagan menos impostos que un traballador e levan os seus beneficios cara paraísos fiscais.

Prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos

No DOG do 2 de febreiro publícanse as bases polas que se rexerá a concesión da prestación familiar polas fillas ou fillos menores de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2015.

Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2015 (nacidos entre o 2.1.2012 e o 1.1.2015, incluídos) e que, durante o ano 2013, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigadas a iso.

A solicitude formalizarase no formulario que estará dispoñible na seguinte ligazón e acompañarase da documentación recollida na orde. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Campaña de vixiancia da saúde 2015 para o persoal da Administración Xeral da Xunta de Galiza

Do Servizo de Prevención de Riscos Laborais:

Comeza a campaña de vixilancia da saúde para o ano 2015 para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galicia, polo que se abre o prazo para solicitar o recoñecemento médico para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galicia. 

No DOG do día 2 de febreiro, publícase a convocatoria para anotarse, de xeito voluntario, aos recoñecementos médicos periódicos. O prazo de inscrición rematará transcorridos 30 días naturais dende o día seguinte ao da publicación da resolución do DOG (do 3 de febreiro ao 4 de marzo).

A solicitude farase de xeito telemático, para realizala poderá picar no seguinte enlace á páxina web do Servizo de Prevención de Riscos Laborais.