Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 11 de xaneiro de 2016

Novo borrador de instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas

Nova proposta das instrucións que regulamentan o réxime de vacacións, permisos e licenzas. Dan de prazo ata o 15 de xaneiro para formular novas alegacións. Para descargala PREME AQUÍ 

Temos que congratularnos de que Función Pública eliminase (por petición de todas as organizacións sindicais e, por pura lóxica, para variar) este desfortunado parágrafo contra a flexibilidade familiar:

Os empregados públicos que teñan concedida a flexibilidade horaria por motivos de conciliación familiar e laboral, deberán xustificar a imposibilidade de cumprir cos seus deberes de conciliación no dito horario para poder facer uso deste permiso.

xoves, 7 de xaneiro de 2016

Resposta da Fundación Cidade da Cultura sobre a queixa de prezos abusivos na cafetaría do Gaiás

Entre as poucas respostas que temos aos escritos da Xunta de Persoal, unha delas é a da Fundación Cidade da Cultura con relación a unha queixa que nos formulaba o persoal da Xunta de Galiza que alí traballa sobor dos prezos flutuantes da cafetaría do Gaias. 

En resumo, que a concesión está ben feita e que se alguén pensa que cobran por riba do prezo máximo que figura nas táboas expostas ao público que reclame, que din que non lles figura ningunha reclamación. Porén, non entra no fondo de asunto sobre o desfase dos prezos respecto á cafetarías de San Caetano ou EGAP, ou do de andar bailando cos prezos. Animamos ao persoal da Xunta que alí traballa a que faga as queixas individuais oportunas.

Descargar resposta

Novas relacionadas:

Probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou no DOG do 7 de xaneiro a convocatoria da Secretaría Xeral de Política Lingüística de diferentes probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4 para o ano 2016.

Son destinatarias todas aquelas persoas maiores de 16 anos, ou as fagan antes de finais do 2016, nacionais ou estranxeiras. As probas terán lugar en abril en Santiago de Compostela e en Ponferrada. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación será dun mes.

martes, 5 de xaneiro de 2016

A CIG denuncia escaseza de persoal e material na Residencia de Maiores de Volta do Castro de Santiago de Compostela

A CIG diríxelle un escrito ao conselleiro para denunciar a escasez de persoal e material na Residencia de maiores Volta do Castro, recordándolle os seus compromisos parlamentarios.
A sección sindical da CIG de Política Social da Coruña, pon no seu coñecemento os seguintes feitos que consideramos moi graves e que están a dificultar a calidade dos servizos prestados a 150 residentes de Residencia de Maiores Volta do Castro:

Publicadas a Lei galega de orzamentos para 2016 e a súa Lei de acompañamento

No DOG do 31 de decembro de 2015 publicáronse os dous textos legais que supoñen a partitura principal da música que tocará a Administración autonómica para o 2016: a lei de orzamentos e a lei de acompañamento. Este será un ano importante na Xunta de Galiza dado o actual panorama de incerteza política.

Para o persoal público temos unha nimia recuperación do 1% do salario, á par coa ridícula suba do 1% do SMI, e por baixo da tamén nimia recuperación do sector privado que se sitúa nun 1,5%. A maiores, na Xunta está orzamentado para o 2016 a recuperación do 49,73% restante daquela paga extra de Nadal do 2012. No plan non retributivo haberá un aumento da taxa de reposición que concretarán na oferta de emprego público que publicarán a comezos deste ano en función do previsíbel adianto eleitoral.

Nada recollen de recuperar as pagas extras completas, os complementos detraídos (ou canto menos o que recoñece a Xustiza), o salario completo en caso de enfermidade ou accidente non laboral, o Fondo de Acción Social, os artigos suspendidos do Convenio colectivo, os 3 moscosos restantes ou algo máis da perda do 30% do poder adquisitivo desde 2010; nada de cubrir temporalmente, ata que se cubran definitivamente, eses postos que van publicar na oferta de emprego 2016, nada de cubrir sequera con carácter xeral as baixas por maternidade, paternidade, reducións de xornada e outras que non lle supoñen gasto adicional.

luns, 4 de xaneiro de 2016

Terceira reunión das cartelerias do persoal da Consellaría de Política Social da Coruña

Terceira reunión coa xefatura territorial para coñecer os criterios das carteleiras de 2016, o comité de empresa demanda que se cumpra o artigo 18.6 do convenio e ter unha negociación por unhas quendas de traballo xustas e equilibradas.

NOVA REUNIÓN: luns, 28 decembro 2015, a Xefatura Territorial tendo en conta a petición formulada polo Comité de Empresa respostou por escrito ás alegacións ás propostas de carteleiras de traballo de 2016, e nesta reunión tratase de valorar a contestación da Xefatura Territorial.

Feijoo arranca a campaña electoral antes de finalizar o ano publicando no DOG a orde que regula o “cheque bebé”

A Secretaría das Mulleres considera insultante que esta sexa a medida estrela do PP para atallar o gravísimo problema de perda e avellentamento da poboación

O mércores, 30 de decembro, publícouse no DOG a Orde que regula a concesión da axuda económica para as familias con crianzas nadas durante o ano 2016, a través da tarxeta benvida. Como a CIG xa denunciou no seu día, esta axuda forma parte do paquete de medidas electoralistas recollidas nos orzamentos da Xunta para o ano 2016, coas que Núñez Feijoo pretende gañar as eleccións, intentando, cunha pequena capa de verniz, agochar o desastroso legado do seu goberno, e coller folgos que lles permitan seguir gobernando, sen lles importar a realidade económica e social imperante.