Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 3 de agosto de 2016

O Goberno en funcións e os concursos e oposicións en suspensión

Despexouse a incógnita e as eleccións autonómicas fican convocadas para o 25 de setembro segundo publica o DOG do 2 de agosto. Porén o  Goberno da Xunta non entrará en funcións ata depois dese día, cando se celebran as eleccións. Escoitánse moitos ruxe-ruxes de que agora vai quedar todo paralizado e mesmo que vai afectar a toma de posesión do concurso de traslados de corpos xerais que quedou adiado para despois do 15 de setembro segundo dixo o director xeral. Porén, na resolución publicada no DOG non se recolle ningunha data fixa nin sequera un miserábel "a partir de", o cal xa é a repanocha, como pouco, e andar xogando coas nosas vidas e os nosos dereitos. Será por non collerse os dedos.

En primeiro lugar, a Administración non nos ten comunicado ningún cambio no xa de por si lento transcorrer das cuestións que nos afectan como traballadoras e traballadoras públicas. Máis ben, todo o contrario, na última Mesa Xeral insisten en que a toma de posesión será en setembro (non antes do 15, probablemente na última semana). En segundo lugar, e consonte á lei, o que se lle prohibe ao Goberno cando entre en funcións, e salvo excepcións xustificadas, son, entre outras:  aprobar convocatorias de probas de acceso ou de provisión de postos de traballo para calquera categoría de persoal empregado público e aprobar ou modificar as relacións de postos de traballo do sector público autonómico. 

Nova proposta de acordo: grupo B de axentes medioambientais

E seguimos coa tolemia de acordos para dar saída a asúntos que durante anos estiveron parados e agora queren finiquitar en acordos (ou polo menos en borradores de) que logo xa veremos onde rematan. En calquera caso, e aínda asinados, sempre lles quedará a escusa da crise económica para suspender a súa eficacia.

Desta volta trátase dunha proposta de acordo de Función Pública sobre o "cronograma" da creación da nova Escala de Axentes Técnicos en Xestión Ambiental (novo grupo B). Descargar borrador

Proposta de acordo sobre o persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas e creación de novas prazas

Continuando coa febre dos acordos previos ás eleccións autonómicas, chega agora unha proposta de acordo da Axencia Galega de Infraestruturas con relación á restruturación do persoal laboral que presta servizos na dita axencia: refundición de categorías, definición de funcións e a dotación de 30 novas prazas de "Técnico/a práctico en control e vixilancia de obras, explotación e conservación de estradas" para o ano 2017, entre outras cuestións.

martes, 2 de agosto de 2016

Incumprimento reiterado da Xunta de Galiza de non cubrir os postos de traballo que ten vacantes

Nota da Sección sindical da CIG na Consellaría de Medio Ambiente na Coruña

Dende a CIG Administración denunciamos de novo o incumprimento reiterado da Xunta de Galiza de non cubrir os postos de traballo que ten vacantes, xerados por xubilacións, baixas, excedencias e, o máis escandaloso, a non cobertura de baixa por maternidade.

Na Xefatura Territorial da Consellaría de Medio Ambiente da Coruña levamos moito tempo reclamando a cobertura das baixas por maternidade, cousa que xa sucedeu en máis  Xefaturas Territoriais da Coruña.  Esta non cobertura supón que o incremento de expedientes do departamento de espazos naturais de medio ambiente teña que ser asumido polo resto de traballadores/as do departamento, provocando un considerable aumento de traballo e impedindo axilidade na tramitación dos mesmos.

A CIG reclama medidas para recuperar os niveis de emprego público e rematar coa precarización laboral nas administracións

A Área Pública remitiu as propostas e reivindicacións ante a “futura” Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017


A Área Pública da CIG vén de remitir as súas propostas ante a “futura” lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017, que o executivo en funcións está a utilizar como arma propagandística en plenas negociacións para a formación de goberno. En calquera caso, con independencia da cor do próximo executivo ou de que finalmente se prorroguen os orzamentos deste ano, as demandas da central teñen un obxectivo claro: a recuperación dos servizos públicos de calidade e con carácter universal e a reposición dos dereitos e condicións laborais das traballadoras/es das administracións.

luns, 1 de agosto de 2016

Postos que foron retirados do concurso de traslados de corpos xerais e outros datos

Á clásica retirada de postos vacantes dos concursos por "vindeira amortización" ou "modificación substancial" previa á convocatoria, uniuse desta volta un par de ocasións de amortizacións adicionais unha vez xa convocado o concurso. Agora, trala resolución, a Administración fai uso da base da convocatoria que permite retirar postos das resultas que vaian ser tamén amortizados. Parece que isto non ten fin, así como outras polémicas que rodean os concursos de traslados, por non falar, dese concurso permanente que non dá chegado, ou do resto de concursos que fican na cuneta.

Informou o director xeral que na adxudicación definitiva foron liberados da fase de resultas un total de 564 postos dos que suprimiron 14 polo que cree que "usou moderadamente" a facultade de retirada de postos das resultas por vindeira amortización. Non informan dos postos concretos. Estes son os datos:

Borrador da vindeira convocatoria de 55 prazas do proceso selectivo de persoal veterinario da Xunta de Galiza

Achegounos a Dirección Xeral da Función Pública o borrador do proxecto de orde de convocatoria do vindeiro proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de persoal veterinario.

Trátase dun total de 55 prazas, das cales 41 son de acceso libre e 14 son para a quenda de promoción interna;  4 das prazas da quenda libre resérvanse para persoas con discapacidade igual ou superior ao 33%. O sistema selectivo será o concurso-oposición. Alegacións até o 5 de agosto.

ACTUALIZACIÓN (02/08/2016): amplían o prazo até o 2 de setembro, aínda que deberan dicer até o 25 de setembro ou más aló.

Descargar borrador