Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 30 de marzo de 2016

MALDITA PRENSA SUBVENCIONADA (II)

A prensa subvencionada magnifica o que resta da devolución da nosa paga extra de 2012 e non se pon nin de acordo na cifra.

Estes días sorprendeunos a Xunta, en pleno período festivo, cun reparto de 841.000 € para os medios de comunicación convencionais. Esa que lemos nos bares e que adoita a ter EREs, a traballar con bolseiros e bolseiras, a ter ao seu persoal sen contrato ou, no mellor dos casos, en condicións laborais fraudulentas. Que moitos, como o Correo Gallego, están na quebra económica total pero se adican a facer curiosas campañas noxentas contra outras administracións cando non os untan tan ben.

A Voz de Galicia lévase 481.236,44 €, máis da metade dos 841.236,44 € que se reparten total. O resto dos medios non din nada, todos asumen a supremacía do medio de prócer coruñés, como algo normal porque todos reciben un cacho de pastel suculento. Todos teñen a súa parte e todos calan. Hai un xénero cinematográfico que aborda moi ben este tipo de ambientes...

Aberto o prazo para solicitar o Fondo de Acción Social relativo á axuda para a atención de persoas con discapacidade

No DOG do mércores, 30 de marzo de 2016 publicouse a resolución da Dirección Xeral da Función Pública, cos  criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2015, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.  

Esta axuda é incompatible coa do artigo 35 do V Convenio Colectivo para o persoal laboral. E isto é todo o que queda da "Acción Social" nesta empresa chamada Xunta de Galiza tras a lei de medidas "temporais".

As solicitudes cubrense electrónicamente a través desta ligazón, imprímense e logo hai que presentalas nos servizos de persoal para a súa certificación. Finalmente presentaranse por rexistro.

Ollo cos prazos!

luns, 28 de marzo de 2016

A Xunta paga outros 840.000€ en convenios coa prensa para comprar xornais en papel e outras cuestións

É posible así agardar obxectividade e independencia nas novas que falan da Xunta?

No DOG do 23 de marzo publicáronse unha serie de convenios da Secretaría Xeral de Medios cos clásicos xornais galegos de prensa escrita por un valor total de 841.236,44 €. Desta volta destacan polo seu orixinal motivo para repartir pasta, no sentido que son destinados maioritariamente ao "fomento da lectura da prensa escrita" ou "do uso das novas tecnoloxías" nos centros docentes galegos. Do total deses cartos, o grupo da Voz de Galicia volve arrasar, levando desta volta un total de 488.519,92€.

Dentro desta cifra atópanse tamén un par convenios clásicos coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U. para "a divulgación de información sobre a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en Galicia" (120.000€) e máis "a difusión informativa da capitalidade de Santiago de Compostela nos medios de comunicación" (125.000€); por este motivo tamén van outros 115.000 € para Editorial Compostela, S.A.

Convenios de colaboración para comprar xornais para os centros educativos

Aumenta a sinistralidade laboral nun 10% na Xunta de Galiza

O 2015 foi outro ano máis con malos datos de sinistralidade laboral no noso país e tamén na Xunta de Galiza, onde subiron un 10% o número de accidentes laborais, pasando de 458 a 506 accidentes de traballo con baixa laboral cunha media de 22 días de duración. A estas cifras hai que sumar 413 accidentes laborais rexistrados sen baixa.

Igual que no país, desde 2010 levamos un aumento contínuo do número de accidentes laborais, o que ten que ver cos recortes, a diminución do reforzo do persoal e a sobrecarga de traballo. Se ben a maioría veñen catalogados pola mútua como accidentes leves, o ano pasado houbo un falecemento, un accidente moi grave e 7 graves. Destacan as consellarías de Política Social e Medio Rural pola alta taxa de accidentabilidade.

O infarto como continxencia opcional nas ofertas de adxudicación da poliza de accidentes para o persoal da Xunta

Outra vez nos pregos de contratación que dan pé ao contrato do vindeiro seguro colectivo de accidentes do persoal ao servizo da Xunta de Galiza non figuran os infartos como continxencia cuberta se non son declarados como accidentes laborais.

A Xunta de Galiza, coma tantas outras entidades públicas e empresas, ten concertado un seguro colectivo de accidentes do seu persoal. Este seguro cubre ao persoal que traballa na Administración Xeral da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos, axencias autonómicas e entes públicos.

Na actualizade ese seguro é bianual e remata a súa vixencia o 30 de xuño de 2016. Xa que logo, desde principios de marzo aunciouse o novo contrato de servizos de seguros. Admítense ofertas até o 13 de abril. Se ben este ano sube o diñeiro destinado dun orzamento máximo de licitación de 1.988.000,00 €  a  2.300.000,00 €, e  mantéñense as garantías e capitais asegurados.

Tes máis información na nosa páxina do Facebook

No enderezo https://www.facebook.com/CIGSanCaetano tes a nosa páxina nesta rede social. 

Nela poderás atopar, compartir e comentar a información dun xeito máis inmediato, con resumos de prensa e publicacións de interese dos boletíns oficiais, mobilizacións, denuncias, convocatorias, actualidade, etc.

mércores, 23 de marzo de 2016

Ampliáse a Oferta de Emprego Público da Xunta con 10 bolsas de "formación"

Segue a Xunta fomentando a política de traballo precario nas súas instalacións, desta volta desde a Axencia Galega de Turismo. No DOG do 23 de marzo publícase a convocatoria de dez "bolsas de formación práctica en diversas áreas" desta axencia para o ano 2016; 8 para traballar en oficinas de turismo e 2 para traballar na Área de Estudos Turísticos. No DOG do 2 de marzo do 2015 xa figuraba a convocatoria do ano pasado e sume e segue.

Chega o verán, vacacións e repunte do turismo e se hai que reforzar as oficinas de ídem pois tiramos de bolseiros, iso si, para a súa formación práctica, a pesar de que puntúea a "experiencia previa" na propia convocatoria. Ou a caso o 100% do traballo derivado desa formación, desbótase ou non se aproveita? E aí xa temos materia de demanda laboral. Precisamente, no eido laboral recordamos que existe un modelo de contrato de formación para persoas con titulación universitaria ou de formación profesional de grao medio ou superior que se chama "contrato de traballo en prácticas".  No eido da Función Pública e visto que se repite, non estaría de máis crear as prazas necesarias en RPT e cubrilas consonte aos procedementos legalmente establecidos.