Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 30 de xuño de 2017

Reunión co director xeral de Función Pública. 29/06/17. Suba salarial 1% e outras cuestións trala aprobación Orzamentos do estado español.

Contan con aplicar ese incremento, se é posible, na nómina de xullo cunha pagiña extra cos atrasos desde o 1 de xaneiro.


O anuncio tivo lugar onte oficialmente tralo Consello da Xunta e trala aprobación dos Orzamentos do Estado español que recollen unha suba similar para o persoal da Administración Xeral do Estado. O mesmo anuncio chegaba case ao mesmo tempo que o director xeral da Función Pública llo comunicaba de xeito oficial aos sindicatos.

As pagas extras querémolas dobres

Houbo un tempo breve, moi breve, que o persoal funcionario chegamos a cobrar as pagas extras realmente dobres dun mes normal, cando se incorporou o 100% do complemento específico no 2008. Porén, en xuño de 2010 tivo lugar o recortazo do 5% do Goberno do estado español, de aquela ao mando do PSOE/Troika. 

Aquel recorte aplicouse de xeito lineal para todos os grupos no persoal laboral e en termos anuais. Porén, para o persoal funcionario a aplicación foi máis progresiva e repartida tamén nas pagas extras e como resultado temos uns compoñentes de soldo e trienios da paga extra que non son os mesmos que os de un mes normal. O resultado: as pagas extras non son o dobre dun mes normal, outra vez.

Aquí unha táboa explicativa:

mércores, 28 de xuño de 2017

CIG-Área Pública rexeita os orzamentos estatais "que non garanten nin dereitos nin servizos"

Desenvolveu unha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña


Delegadas e delegados da Área Pública da CIG (Federacións de Administración, Ensino e Saúde) realizaron unha concentración este mércores diante da Delegación do Goberno na Coruña, para reafirmar o rexeitamento aos orzamentos estatais que veñen de ser aprobados e que "non contemplan a reposición de dereitos roubados aos empregados/as públicos nin a recuperación do emprego e, pola contra, afondan no desmantelamento dos servizos públicos".

martes, 27 de xuño de 2017

317.000 € para a difusión de actividades da Consellaría de Presidencia de "interese para a cidadanía"

Suma e segue: publicanse os convenios da Consellaría de Presidencia coa prensa escrita no DOG do 27 de xuño por valor de 317.000€


Con algo de atraso, con bastante en realidade, publicanse no DOG os convenios da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza coa prensa escrita. Os convenios foron asinados a finais do ano pasado, salvo o da Voz de Galicia (en marzo deste ano) e aínda veñen de publicarse agora. Curiosa coma sempre a motivación do convenio para a difusión das actividades desta consellería de interese para a cidadanía, durante o ano 2017.

luns, 26 de xuño de 2017

Resumo da xuntanza co director xeral da Función Pública. 23/06/17

A xuntanza estaba convocada para tratar as RPTs de Política Social, Sanidade e procesos selectivos de persoal laboral por promoción interna. 

Tamén se falou doutros asuntos como os procesos selectivos de persoal laboral de acceso libre, varias comisións de seguemento ou os actos de elección de destino de corpos xerais, entre outros.

xoves, 22 de xuño de 2017

Función Pública pretende aplicar o Dereito Divino nos futuros concursos de traslados

Nos baremos que rexerán nos concursos de traslado de persoal laboral e funcionario incluirán un mérito que valorará a vontade da deidade. Quedará baixo a autoridade dos responsábeis políticos da Administración a prerrogativa para asignar a puntuación correspondente a cada súbdito.

A aplicación da prerrogativa divina consistirá na asignación dun plus de puntuación a quen teña sido unxido a dedo para ocupar un posto en comisión de servizo ou en libre designación.


Esta podería ser a tradución do borrador dos criterios dos futuros concursos de traslados achegado por Función Pública, pois en último caso o que pretende a Administración é restar peso aos criterios obxectivos e ao esforzo do persoal e primar a discrecionalidade.  A CIG, grazas a achega de moitísimas críticas con este borrador, vén de presentar unhas completas e argumentadas alegacións a estes criterios e dará a batalla para que non saían así publicadas cando e onde faga falta.


Proposta de modificación da RPT da Consellaría de Sanidade

Achega Función Pública a documentación da modificación da relación de postos de traballo da Consellaría de Sanidade. En principio está relacionada coa inclusión das áreas funcionais, pero aproveitan tamén para amortizar varios postos, a maioría de niveles baixos, seguindo así coa inversión da pirámide dos recursos humanos na Xunta.

Na documentación incorporan a memoria funcional, a táboa de equivalencias, a listaxe de postos que queren amortizar e un anexo do ámbito territorial para os servizos veterinarios da consellaría. Descargar.