Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 31 de maio de 2018

Publicadas as axudas para os traballadores e familias monoparentais que se acollan á redución de xornada para o coidado de crianzas

O prazo de solicitude permanecerá aberto até o vindeiro 1 de xullo


No DOG deste 31 de maio saen publicadas as bases das axudas económicas para os traballadores e familias monoparentais (homes ou mulleres) que se acolleran a unha redución de xornada para o coidado das crianzas. Estas axudas teñen como obxecto a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade.

martes, 29 de maio de 2018

Máis de 300.000€ da Consellaría de Medio Rural en convenios de publicidade institucional

No DOG do 29 de maio publicáronse os convenios subscritos pola Consellaría de Medio Rural no primeiro cuadrimestre deste ano. 

Do total dos 19 convenios que aparecen, 11 son con diferentes empresas de comunicación privadas "para a realización de accións divulgativas e informativas relacionadas co desenvolvemento da produción agroalimentaria de Galicia." O custo de tales convenios para as arcas públicas é de 313.000,02€. A recordar cando vos digan que "non hai cartos para..." e a recordar cando vexades (ou non) determinadas novas ou determinados editoriais nestes medios.

Aberta a inscrición nun curso sobre as ferramentas Notifica.gal e Rexel

A EGAP vén de convocar no DOG, ao abeiro do convenio subscrito con Vicepresidencia e a Amtega, unha formación práctica nas principais novidades do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia (Notifica.gal) e da Recepción electrónica do Sistema Único de Rexistro (Rexel).

O curso está dirixido a persoal empregado público que preste servizo na Administración pública da comunidade autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia, é de modalidade mixta (8h de teleformación e 4h presenciais a impartir 2h en dous días da mesma semana) e consta de 11 edicións, cuxas datas, horarios e lugares de celebración poden consultarse na resolución adxunta. Para cada edición hai un total de 25 prazas.

luns, 28 de maio de 2018

A VII Asemblea da CIG-Administración Autonómica elixe a Zeltia Burgos como responsábel nacional

Baixo o lema “Polos dereitos laborais e os servizos públicos. Pola dignidade na función pública”


O pasado sábado, día 26 de maio, tivo lugar a VII Asamblea Nacional do sector de Administración Autonómica da CIG, celebrada sob o lema “Polos dereitos laborais e os servizos públicos. Pola dignidade na función pública”. As e os delegados elixiron á nova dirección, a Zeltia Burgos como nova responsábel nacional e apostaron, tal e como reza o lema da asemblea, por sumar as forzas necesarias para enfrontar a loita pola recuperación dos dereitos roubados.

venres, 25 de maio de 2018

“A folga é a nosa moción de censura á situación de emerxencia laboral, social, política e institucional”

A CIG presentou hoxe a convocatoria no rexistro da Consellaría de Industria


A CIG rexistrou este venres, na consellaría de Economía, Emprego e Industria o preaviso de folga xeral para o 19 de xuño. O secretario xeral, Paulo Carril, asegurou que “é a nosa moción de censura” diante da situación de “emerxencia nacional” que estamos a vivir do punto de vista laboral, social, económico e político-institucional. Chamou á mobilización para recuperar os dereitos e derrogar as reformas que provocaron o empobrecemento, a precariedade e a situación de explotación laboral que padece a clase traballadora e asegurou que “un sindicato digno de tal nome, nun momento como este, ou dá un paso á fronte e convoca unha folga xeral ou, senón, entendemos que o seu papel é inútil”.

xoves, 24 de maio de 2018

Os orzamentos do Estado prolongan as políticas de recortes que afogan a clase traballadora galega

Carril chama á folga xeral para impedir que se cronifique o desemprego, a precariedade e a perda de dereitos laborais e sociais


O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que os orzamentos do Estado o único que fan é prolongar as políticas de recortes que provocaron a precarización e cada vez maior empobrecemento da clase traballadora galega. “Non se axustan ás necesidades reais da maioría social galega nin da clase traballadora, que padece unha situación dramática”, afirma. Por iso reitera a necesidade de mobilizarse e ir a unha folga xeral “para impedir que se cronifique o desemprego, a precariedade, a sobreexplotación e a perda de dereitos”.

mércores, 23 de maio de 2018

Axentes forestais e ambientais mobilizaranse este xoves para reclamar un acordo que regule as condicións laborais

Convocan unha manifestación dende a Consellaría de Medio Ambiente ás 10:30 horas até a Xunta en Santiago


Os axentes medioambientais e forestais da Galiza mobilizaranse este xoves 24 en Santiago para reclamar un acordo que regule as condicións laborais e denunciar que a dirección xeral de Función Pública pretende aumentarlles as gardas, ampliándolles a xa excesiva xornada de traballo. As centrais CIG e UGT convocan unha manifestación que arrincará da Consellaría de Medio Ambiente ás 10:30 horas e rematará diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano.