Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 7 de xaneiro de 2019

Calendario laboral 2019: Compostela

https://drive.google.com/open?id=110UVqD_SJ9ZoZrbS-xDm_teK-aXkNmwC
Xa dispoñible para descarga o noso calendario laboral 2019 (inclúe festivos en Compostela)

A Xunta aprobou no DOG 24/10/2018 o calendario laboral do 2019, con datas festivas habituais como o Día Nacional de Galiza ou o Día das Letras.

Posteriormente, no DOG 21/12/2018 publicáronse os festivos locais de toda Galiza para 2018. Entroido, San Roque ou San Martiño volven ser algunhas das máis elixidas para engadir aos festivos de carácter estatal ou autonómico. En Compostela, coma sempre, serán festivos o xoves,  30 de maio (Ascensión) e o venres, 16 de agosto (San Roque).

Por último, recordar que consonte á organización interna  (DOG 04/03/2016) os días 24 e 31 de decembro permanencerán pechadas as oficinas públicas da Xunta de Galiza salvo as de Rexistro e Información. Non obstante, o persoal que traballe os días 24 e 31 de decembro poderá gozar dun día adicional de asuntos particulares por cada día traballado. Ademais, en virtude da mesma norma,  ao cadrar o 12 de outubro en sábado engádese un día adicional de permiso por asuntos particulares.

luns, 13 de agosto de 2018

Para setembro a negociación do acordo de mellora no emprego e carreira profesional

Despois de que a CIG puxera enriba da mesa que non se poden negociar incrementos ridículos como os derivados dos acordos de Madrid e obviar a necesidade de establecer unha carreira profesional, Función Pública ponnos un borrador desta enriba da mesa. Isto, que nun principio pode parecer razoábel, deixou de selo en canto Función Pública amosou a súa intención de negociar e pechar o asunto en poucos días, en pleno mes de agosto.

Función Pública teima en ligar o acordo de mellora do emprego público e o acordo da carreira profesional, sen negociación real e cunhas condicións inaceptábeis. Pola súa importancia e transcendencia para o conxunto de empregadas e empregados públicos, a carreira profesional precisa dunha negociación propia e exclusiva á marxe de calquera outra materia.

mércores, 1 de agosto de 2018

Carreira profesional e acordo de mellora no emprego: pretenden ventilalo nunhas semanas en plenas vacacións

O que no Sergas durou meses de negociacións


Na tarde do venres 27 recibimos un correo no que por orde do director de Función Pública daban traslado ás organizacións sindicais dous documentos, con indicación de que podiamos presentar alegacións antes do martes 31:
  • Unha nova versión dunha proposta de ampliación do mal chamado acordo de estabilización.
  • Unha primeira versión dun futuro plan de carreira profesional.

A existencia dunha carreira profesional, ou sen utilizar ese nome o establecemento dun sistema de promoción real, tanto ascendente a un grupo superior como horizontal dentro do mesmo grupo, foi unha reivindicación de sempre da CIG, sen conseguir receptividade algunha por parte dos nosos interlocutores. O goberno, o director de función pública, sábeo de sobra.

venres, 20 de xullo de 2018

Nin 35 horas, nin o 100% das baixas. O que non recolle a nova proposta de acordo da Xunta

No novo texto do acordo galego de mellora de emprego público, a Administración e os sindicatos que asinaron o de Madrid vense obrigados a introducir melloras estéticas de cara a vendelo ao persoal despois de que dende a CIG destaparamos que se estaba a argallar un novo acordo onde non se recollía ningunha mellora máis que a ridícula suba salarial por debaixo do IPC.

xoves, 12 de xullo de 2018

Manifesto de apoio da Xunta de Persoal dos SSCC á folga de axentes medioambientais

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza aprobou por unanimidade das organizacións sindicais presentes na súa Comisión Permanente (voto a favor da CIG, UXT e CCOO) e ausencia do CSIF o seguinte manifesto:

O persoal que desenvolve as súas tarefas como axente medioambiental na Xunta de Galicia está a sufrir unha serie de eivas e carencias no desenvolvemento do seu traballo que se veñen a agravar co intenso traballo das campañas de verán no referente a extinción de lumes.

venres, 6 de xullo de 2018

Solicitan a revisión dos criterios da Mútua no caso de accidente in itinere

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais presenta un escrito no que solicita a revión dos criteiros da Mútua Gallega no caso de accidente in itineri. Recordamos que na pasada xuntanza do CSSL do mes de xuño a Mútua comunicou os criterios unilateriais que aplica que en moitos casos nin respectan a xurisprudencia actual ante o que a Xunta nin abriu a boca. 

O escrito vai dirixido ao órgano con competencias na materia e pide que se revisen e adapten a xurisprudencia os ditos criterios e senón que se rescate o servizo de xestión de riscos laborais e sexa asumido polos medios propios da Xunta.

xoves, 5 de xullo de 2018

A Audiencia Nacional conclúe que só conten os días laborabéis nos permisos "curtos"

Xa non nos chama a atención pero non vai moito na Xunta de Galiza tamén tiñamos a interpretación restrictiva de dereitos laborais de que os permisoscontaban por días naturais, logo contáronos por días hábiles e finalmente, desde 2015, por días laborabéis.

Aínda así, en boa parte das empresas, até o de agora os permisos por nacemento ou ben por morte ou accidente ou enfermidade grave eran concedidos por días naturais. Coas recentes sentenzas no Tribunal Supremo (TS) e tamén na Audiencia Nacional (AN) comeza o camiño do fin desta inxustiza.