Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 13 de agosto de 2018

Para setembro a negociación do acordo de mellora no emprego e carreira profesional

Despois de que a CIG puxera enriba da mesa que non se poden negociar incrementos ridículos como os derivados dos acordos de Madrid e obviar a necesidade de establecer unha carreira profesional, Función Pública ponnos un borrador desta enriba da mesa. Isto, que nun principio pode parecer razoábel, deixou de selo en canto Función Pública amosou a súa intención de negociar e pechar o asunto en poucos días, en pleno mes de agosto.

Función Pública teima en ligar o acordo de mellora do emprego público e o acordo da carreira profesional, sen negociación real e cunhas condicións inaceptábeis. Pola súa importancia e transcendencia para o conxunto de empregadas e empregados públicos, a carreira profesional precisa dunha negociación propia e exclusiva á marxe de calquera outra materia.


Varios sindicatos xa estaban dispostos a asinar hai semanas o acordo de mellora de emprego e condicións de traballo tal e como estaba redactado, mais despois de que lles afearamos a conduta tan pouco reivindicativa e de que deixaramos en evidencia á Función Pública lembrándolles que no Estado xa recuperaron o 100% do complemento no caso de IT, a Administración acepta comprometerse a restaurar o complemento do 100% asumindo así a nosa reivindicación. 

Pasamos así duns textos iniciais aceptados por outros sindicatos nos que a Xunta simplemente se comprometía a negociar no futuro os casos en que se pagaría o 100% por Incapacidade Temporal, a termos enriba da mesa unha proposta de compensar o 100% para todos os casos de IT.

Pero non abonda. Aínda que quedemos en solitario a CIG mantén o pulso:
  • Non estamos dispostos a aceptar incrementos retributivos que non garantan o mantemento e incremento do poder adquisitivo. Por exemplo, no ano 2018 a suba vai ser inferior ao IPC. Demandamos por tanto unha cláusula de revisión salarial.
  • Está moi ben discutir os colectivos para os que se pode establecer unha xornada inferior a 37,5 horas semanais. A CIG está conforme en estudar todos os casos, pero partindo da xornada máxima de 35 horas para todos e todas.
  • Esiximos a derrogación inmediata da lei 1/2012 de medidas temporais que supuxo a suspensión de varios artigos do V Convenio colectivo, entre os que destaca o artigo 19, que castiga especialmente ao persoal que presta servizos en centros asistenciais de Política Social.
  • Queremos recuperar o Fondo de Acción Social.

En canto á carreira profesional, non podemos aceptar propostas por debaixo das doutros colectivos, o que na práctica se traduce na existencia de empregados públicos de primeira e de segunda:
  • Os fondos consignados son insuficientes e os tramos para a percepción do complemento non son os acaídos, a parte de que todo está supeditado á dispoñibilidade orzamentaria, polo que a carreira profesional non está plenamente garantida.
  • Non estamos conformes coa calendarización proposta. O período de carencia e incremento paulatino é ridícula. Agardar ao ano 2027 para o cobro do 100% da cantidade do grao asignado é unha tomadura de cabelo.
  • O período para acadar o grao 4 vai ser imposíbel de conseguir para moitos dos traballadores/as a pesares de contar coa antigüidade necesaria.
  • O persoal laboral queda fóra da carreira profesional.
  • A súa concesión está vinculada a factores totalmente subxectivos (podería ser un informe favorábel do superior xerárquico) e fóra do control sindical.
 
Finalmente, diante da presión e da negativa da CIG, a negociación do acordo de mellora de emprego e condicións de traballo queda para setembro. E con elo tamén a negociación da carreira profesional. Non podía ser doutro xeito, non era aceptábel meter con calzador e ás agachadas un acordo de tanta repercusión nas condicións de traballo do persoal funcionario e laboral.

Por agora a cousa fica parada, mais Función Pública xa amosou a chantaxe á que quere someter aos sindicatos. Nunha actitude claramente mafiosa, Función Pública ameaza aos sindicatos que non asinen con quedar fóra do acceso a unha chea de información e negociacións. Pero aínda que nos implique custes como sindicato, a CIG non vai tragar con migallas. Só asinaremos se o acordo é netamente positivo. E cada quen que asuma a responsabilidade dos seus actos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario