Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 29 de agosto de 2016

Comunicado conxunto sobre o acordo de bombeiros forestais e segunda actividade

Convocadas as catro centrais sindicais, CIG, UXT, CCOO e CSIF a unha reunión no dia de hoxe, 29 de agosto de 2016 as 13:00 hs, coa Dirección Xeral da Función Pública e a Consellería do Medio rural sobre o documento proposto do Acordo, presentan as seguintes modificacións sobre o documento da Comisión de Persoal do día 9 de agosto de 2016:

venres, 26 de agosto de 2016

Axudas económicas para a atención de nenas/os menores de 3 anos

Escolas infantís públicas con listas de agarda quilométricas nun país avenllentado e falta de dereitos laborais que faciliten a conciliación. Ante isto, e antes das eleccións a Xunta saca da manga a subvención eleitoral de vez para contratar no noso domicilio a alguén que coide das nosas crianzas, atención, cun máximo de 80 horas ao ano. O de abrir máis escolas infantís publicas ou propoñer modificacións que vaian na mellora dos dereitos laborais, "ya tal"...

No DOG do 26 de agosto de 2016 publícase a Orde do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención a domicilio de nenas e nenos menores de 3 anos a través do programa Bono coidado e se procederá á súa convocatoria.

mércores, 24 de agosto de 2016

Os cronogramas do director xeral da Función Pública "ya tal" como diría Rajoy

Son moitas as queixas que nos chegan con relación a dúas cuestións: a falta de previsión dos procesos selectivos e dos concursos de traslados. E iso dá igual que estea a Xunta "pechada por vacacións" ou non, nunca cambia. O persoal anda cabreado e con razón e o director escurríndose sempre ao estilo Rajoy.

Nos procesos selectivos chégannos queixas da: 1) falta dun cronograma dos exercicios pendentes dos procesos selectivos xa convocados, especialmente, os de persoal funcionario de acceso libre que xa fixeron o primeiro exercicio e non saben cando terán o segundo 2) falta de previsión das notas dos procesos de promoción interna, especialmente os tipo test e 3) non saber se o que fica nas OPEs sen convocar vai ser convocado, nomeadamente que vai pasar coas prazas desta úlitma OPE de 2016, esas que ían convocar antes do verán.

A modificación da Orde de xornada laboral, flexibilidade e teletraballo: xogando eleitoralmente cos nosos dereitos.

En maio, coa reunión da comisión de seguimento, parecía que ían cambiar a Orde de xornada laboral, flexibilidade e teletraballo cunhas pequenas concesións preelectorais que ían rematar con algunhas cuestións irracionais como son: non poder flexibilizar o venres pola tarde ou igualar o horario de referencia para todos os centros ata as 20.00h.

Logo entrou en funcionamento o horario de verán, do que seguen sen compensación a maior parte do persoal da Xunta, precisamente o que tampouco pode gozar de flexibilidade nin teletraballo; actualmente a modificación da orde fica no ar, sen data fixa de publicación, como tantas outras cousas. Se o queren utilizar como arma propagandística, farano antes do 25 de setembro; senón moi probablemente quedará no esquecemento das promesas preleitorais.

1 de setembro: manifestación en defensa dun servizo público único e de calidade de prevención e defensa contra incendios foretais

Achégannos @s compas de incedios o seguinte cartaz e nota de prensa para que lle demos difusión. Están pelexando non só pola dignificación dos seus postos de traballo senón porque estes non desaparezan e que non se fragmente o operativo de incendios. 

Podemos quedarnos quietas ata que veñan a por nós ou acaben con todo, o que chegue antes, ou podemos unirnos e protestar xuntas. Son moitos os colectivos da Xunta con esta tendencia actual na gran parte dos servizos públicos que prestan: recortes e privatización. E todo para que a débeda pública siga polas nubes e a calidade dos servizos públicos polo chan.

NOTA DE PRENSA DO SPDCIF

luns, 22 de agosto de 2016

Varias unidades de extinción de lumes traballan sen motobombas polos fallos detectados nos vehículos

A CIG-Autonómica alerta dos riscos para o persoal do SPDCIF e exixe a convocatoria do Comité de Prevención de Riscos Laborais para que Medio Rural aclare a situación

O sector da Autonómica da CIG-Administración vén de denunciar que varias unidades dos servizos de extinción de incendios teñen que facer o seu traballo sen poder contar con motobomba debido aos fallos detectados na última remesa entregada á Xunta de Galiza. Alertan da mingua do dispositivo en época de máximo risco e máxima carga de traballo pola inmobilización dos vehículos sen aportar outra solución.

venres, 19 de agosto de 2016

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios do Celga

No DOG do 19 de agosto publicouse a ORDE do 4 de agosto de 2016 pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega (presenciais/telemáticos) e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o día seguinte á data de publicación ata o 9 de setembro para os cursos de outubro a xaneiro; desde 12 de decembro ao 2 de xaneiro para os cursos de febreiro a maio.

En Compostela están programados os seguintes cursos:

mércores, 17 de agosto de 2016

Publicada no DOG a corrección de erros do concurso de traslados de corpos xerais

No DOG do 17 de agosto publican unha relación de corrección de erros da resolución do concurso de corpos xerais, tal e como xa anunciáramos. Trátase da retirada dun posto por amortización, da inclusión doutro nas resultas e da rebaremación dos méritos de dúas persoas (estas últimas sen alteración do posto obtido).

Novas relacionadas:

venres, 12 de agosto de 2016

A CIG denuncia que a actual vaga de lumes é resultado do fracaso da política medioambiental da Xunta

Dende a central critican a visión produtivista e especulativa da Lei de Montes e reclaman un novo Plan Forestal de Galiza

A CIG denuncia que a vaga de incendios que está a padecer o noso país é consecuencia do fracaso da política medioambiental da Xunta, que teima en “aplicar medidas que xa se teñen demostrado ineficaces no pasado e afonda na estratexia de converter Galiza nun deserto sen futuro”. Dende a central critican a visión produtivista e especulativa que introduce a Lei de Montes e reclaman un novo Plan Forestal de Galiza elaborado coa participación de todas as entidades que viven, traballan ou xestionan o medio rural.

martes, 9 de agosto de 2016

Iso é o que deu de si numericamente o concurso de traslados de corpos xerais

Achéganos Función Pública un resumo máis detallado cos datos do último concurso de traslados de corpos xerais no que se adxudicaron 1.127 postos dun total de 1.853 ofertados e ante 2.921 solicitudes. Achegan tamén o que lle pedíramos dos postos concretos retirados da fase de resultas que afecta maiormente á Consellaría de Educación. En breve, haberá tamén unha publicación dunha corrección de erros referida a estes postos onde se retira 1 menos dos 14 anunciados. Descargar resumo.

A previsión de apertura do prazo para cesamento e toma de posesión é a partir do 15 de setembro (probablemente na última semana dese mes) segundo informou o director xeral da Función Pública na Mesa Xeral do 4 de agosto. Porén, na resolución do concurso publicada no DOG do 26 de xullo non se fai referencia a data algunha.

Novas relacionadas: 

A CIG denuncia que a Xunta adianta o pago de parte das extras de 2012 e 2013 para beneficiar electoralmente o PP

O Diario Oficial de Galiza recolle a devolución das pagas adebedadas ao persoal público

 
O Diario Oficial de Galiza recolle este venres o abono das pagas extraordinarias do persoal que traballa para a Xunta, tanto o último prazo da extra de decembro de 2012 como a devolución de 1/6 do específico da paga de verán de 2013. Dende a Área Pública da CIG (federacións de Administración, Ensino e Saúde) denuncian que se trata dun acto electoralista que busca beneficiar o PP.
 

luns, 8 de agosto de 2016

Denuncian o desmantelamento do servizo público contra incendios forestais e o uso privado das bases helitransportadas

A CIG advirte que o persoal das brigadas está a ser contratado en precario por empresas privadas


O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que o Goberno de Feijóo segue a avanzar no desmantelamento do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) e critica o uso das bases helitransportadas da Xunta polas empresas privadas. Dende a central advirten que o persoal público das brigadas “con experiencia e preparación” está a ser substituído por outro de empresas privadas sen que haxa ningunha garantía da profesionalidade e que está a ser contratado nunhas condicións de absoluta precariedade laboral, incluída a seguridade.

venres, 5 de agosto de 2016

Así sanea as contas a Xunta ás costas do seu persoal

Que hai que sanear as contas, pois recorta en persoal público. Que non hai xente, chama alguén de TRAGSA.

A Xunta recortou, unha e outra vez, primeiro e máis que calquera outra Administración: velaí o "milagre galego", non se trata de maior eficiencia no gasto, trátase directamente de menos e peores servizos e de maiores recortes sobre seu persoal. E de milagre non ten nada pois a débeda pública multiplicouse por máis de 2 durante estes anos, subindo e subindo, ata rozar os 11.000 millóns de euros.

Dicía Feijóo en 2012 que non podía pedirnos máis e desde 2013 ficamos sen complemento específico (ou equivalente para o persoal laboral) nas nosas extras, medida coa que están quitándonos preto de 200 millóns de euros ao ano e que temos pouca confianza en volver recuperar algún día por moito acordo que haxa asinado de volver cobralo en 2017, pois os acordos ante as imposicións de máis arriba son sempre papel mollado. Sen esquecer todos aqueles dereitos que aínda nos deben, que ían ser temporais e se convertiron en permanentes.

Paga eleitoral: apertura do prazo para solicitar a devolución de varios cachos das pagas extras 2012 e 2013

No DOG do 5 de agosto publícase un anuncio polo que se lle dá publicidade á apertura do prazo para solicitar a retribución de carácter extraordinario prevista na Lei 7/2016 e o importe pendente de percibir establecido na disposición adicional décimo cuarta da Lei 12/2015. 

Ou sexa: apertura do prazo para solicitar a devolución do último cuarto da paga extra secuestrada en 2012 e máis da devolución da parte devengada do complemento específico da paga extra de 2013 gañada nos xulgados. Para as persoas que estean en servizo activo se lle abonaría de oficio estas dúas cantidades coa nómina do mes de agosto segundo as instrucións de 1 de agosto.

xoves, 4 de agosto de 2016

Devolución en agosto do cacho da paga extra de xuño de 2013 gañado nos xulgados

Con data de 1 de agosto, a Consellaría de Facenda ditou instruccións para a devolución da parte devengada (xaneiro e febreiro) do complemento específico (ou equivalente para persoal laboral) da paga extra de xuño de 2013. O dito importe será devolto de oficio coa próxima nómina do mes de agosto; de oficio pero non tras pouco esforzo.

O procedemento para a devolución será similar ao da devolución dos diversos cachos da paga extra de decembro de 2012 e só o persoal que non estea en servizo activo ten que solicitar expresamente a súa devolución mediante o modelo anexo ás instrucións. Descargar instrucións.

mércores, 3 de agosto de 2016

Isto sí é unha promoción interna: oferta de emprego público da Universidade da Coruña

No DOG do 3 de agosto de 2016 publicase a Oferta de Emprego Público da Universidade da Coruña para este ano 2016; si, a verdade é que non apuraron moito. Son un total de 228 prazas. O caso é que se mirades a distribución de prazas atoparedes que desas 228, a práctica totalidade (224) son para a quenda de promoción interna

Comparade co que temos na Xunta con ese mínimo ridículo do 25% en caso de persoal funcionario, co tivemos na Xunta estes últimos anos, onde por primeira vez sacan algo de persoal laboral (aínda que non de grupos superiores), onde sempre primaron o acceso libre (mesmo en época de vacas fracas) pois dá máis portadas nos xornais e causa máis interese público; onde aínda están desenvolvendo no 2016 as convocatorias de prazas que foron ofertadas no 2009.

O Goberno en funcións e os concursos e oposicións en suspensión

Despexouse a incógnita e as eleccións autonómicas fican convocadas para o 25 de setembro segundo publica o DOG do 2 de agosto. Porén o  Goberno da Xunta non entrará en funcións ata depois dese día, cando se celebran as eleccións. Escoitánse moitos ruxe-ruxes de que agora vai quedar todo paralizado e mesmo que vai afectar a toma de posesión do concurso de traslados de corpos xerais que quedou adiado para despois do 15 de setembro segundo dixo o director xeral. Porén, na resolución publicada no DOG non se recolle ningunha data fixa nin sequera un miserábel "a partir de", o cal xa é a repanocha, como pouco, e andar xogando coas nosas vidas e os nosos dereitos. Será por non collerse os dedos.

En primeiro lugar, a Administración non nos ten comunicado ningún cambio no xa de por si lento transcorrer das cuestións que nos afectan como traballadoras e traballadoras públicas. Máis ben, todo o contrario, na última Mesa Xeral insisten en que a toma de posesión será en setembro (non antes do 15, probablemente na última semana). En segundo lugar, e consonte á lei, o que se lle prohibe ao Goberno cando entre en funcións, e salvo excepcións xustificadas, son, entre outras:  aprobar convocatorias de probas de acceso ou de provisión de postos de traballo para calquera categoría de persoal empregado público e aprobar ou modificar as relacións de postos de traballo do sector público autonómico. 

Nova proposta de acordo: grupo B de axentes medioambientais

E seguimos coa tolemia de acordos para dar saída a asúntos que durante anos estiveron parados e agora queren finiquitar en acordos (ou polo menos en borradores de) que logo xa veremos onde rematan. En calquera caso, e aínda asinados, sempre lles quedará a escusa da crise económica para suspender a súa eficacia.

Desta volta trátase dunha proposta de acordo de Función Pública sobre o "cronograma" da creación da nova Escala de Axentes Técnicos en Xestión Ambiental (novo grupo B). Descargar borrador

Proposta de acordo sobre o persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas e creación de novas prazas

Continuando coa febre dos acordos previos ás eleccións autonómicas, chega agora unha proposta de acordo da Axencia Galega de Infraestruturas con relación á restruturación do persoal laboral que presta servizos na dita axencia: refundición de categorías, definición de funcións e a dotación de 30 novas prazas de "Técnico/a práctico en control e vixilancia de obras, explotación e conservación de estradas" para o ano 2017, entre outras cuestións.

martes, 2 de agosto de 2016

Incumprimento reiterado da Xunta de Galiza de non cubrir os postos de traballo que ten vacantes

Nota da Sección sindical da CIG na Consellaría de Medio Ambiente na Coruña

Dende a CIG Administración denunciamos de novo o incumprimento reiterado da Xunta de Galiza de non cubrir os postos de traballo que ten vacantes, xerados por xubilacións, baixas, excedencias e, o máis escandaloso, a non cobertura de baixa por maternidade.

Na Xefatura Territorial da Consellaría de Medio Ambiente da Coruña levamos moito tempo reclamando a cobertura das baixas por maternidade, cousa que xa sucedeu en máis  Xefaturas Territoriais da Coruña.  Esta non cobertura supón que o incremento de expedientes do departamento de espazos naturais de medio ambiente teña que ser asumido polo resto de traballadores/as do departamento, provocando un considerable aumento de traballo e impedindo axilidade na tramitación dos mesmos.

A CIG reclama medidas para recuperar os niveis de emprego público e rematar coa precarización laboral nas administracións

A Área Pública remitiu as propostas e reivindicacións ante a “futura” Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017


A Área Pública da CIG vén de remitir as súas propostas ante a “futura” lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017, que o executivo en funcións está a utilizar como arma propagandística en plenas negociacións para a formación de goberno. En calquera caso, con independencia da cor do próximo executivo ou de que finalmente se prorroguen os orzamentos deste ano, as demandas da central teñen un obxectivo claro: a recuperación dos servizos públicos de calidade e con carácter universal e a reposición dos dereitos e condicións laborais das traballadoras/es das administracións.

luns, 1 de agosto de 2016

Postos que foron retirados do concurso de traslados de corpos xerais e outros datos

Á clásica retirada de postos vacantes dos concursos por "vindeira amortización" ou "modificación substancial" previa á convocatoria, uniuse desta volta un par de ocasións de amortizacións adicionais unha vez xa convocado o concurso. Agora, trala resolución, a Administración fai uso da base da convocatoria que permite retirar postos das resultas que vaian ser tamén amortizados. Parece que isto non ten fin, así como outras polémicas que rodean os concursos de traslados, por non falar, dese concurso permanente que non dá chegado, ou do resto de concursos que fican na cuneta.

Informou o director xeral que na adxudicación definitiva foron liberados da fase de resultas un total de 564 postos dos que suprimiron 14 polo que cree que "usou moderadamente" a facultade de retirada de postos das resultas por vindeira amortización. Non informan dos postos concretos. Estes son os datos:

Borrador da vindeira convocatoria de 55 prazas do proceso selectivo de persoal veterinario da Xunta de Galiza

Achegounos a Dirección Xeral da Función Pública o borrador do proxecto de orde de convocatoria do vindeiro proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de persoal veterinario.

Trátase dun total de 55 prazas, das cales 41 son de acceso libre e 14 son para a quenda de promoción interna;  4 das prazas da quenda libre resérvanse para persoas con discapacidade igual ou superior ao 33%. O sistema selectivo será o concurso-oposición. Alegacións até o 5 de agosto.

ACTUALIZACIÓN (02/08/2016): amplían o prazo até o 2 de setembro, aínda que deberan dicer até o 25 de setembro ou más aló.

Descargar borrador