Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 7 de febreiro de 2025

Angeles Vázquez coloca ao raposo a coidar do galiñeiro

 

A CIG denuncia publicamente o nomeamento de María José Echevarría como directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

O pasado mes de setembro na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tomou posesión como directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade María José Echevarría, tras a dimisión do antigo director xeral, Ramón Martínez Boga.

Dentro das funcións desa dirección xeral están todas aquelas que teñen que ver coa avaliación e control da incidencia que sobre o medio ambiente provoque a actividade humana, ou a avaliación dos efectos que determinados plans ou programas teñen sobre o medio ambiente, entre outras.

Se a isto lle engadimos o feito de que María José Echevarría resulta ser a parella de Antonio Casal Lago, director territorial de ENCE para Galicia, lévanos como CIG a denunciar publicamente un nomeamento que consideramos cando menos dubidoso, ao poder existir un conflito de intereses.

Toda a cidadanía é sabedora das polémicas sociais que provocan algúns proxectos relacionados co eucalipto e coa produción de pasta de papel. Aí están os conflitos do proxecto de ALTRI ou as polémicas xeradas no seu día pola prórroga que Mariano Rajoy concedeu a ENCE a beira da ría de Pontevedra. 

A ninguén se lle  scapa que é moi desconcertante e  estraño que  o antigo  director  xeral

soamente ocupase o cargo durante catro meses tras o seu nomeamento. Iso lévanos na CIG a facernos as seguintes reflexións: Cales son os motivos que o levaron a dimitir? Podería haber presións dalgúns grupos de poder para condicionar as tomas de posesión de determinados postos? Acaso non existe en Galicia outra persoa para ocupar esa dirección xeral? Certamente resulta imposible de xustificar ante a cidadanía galega esta decisión do executivo galego.

Resulta acaído lembrar os grandes vínculos do Partido Popular coa pasteira de ENCE, en cuxo consello de administración chegaron a sentarse destacados militantes e ex-altos cargos da Xunta de Galicia e do propio goberno español como Isabel Tocino, ministra de Medio Ambiente na era Aznar, ou Carlos del Álamo, conselleiro de Medio Ambiente na presidencia de Manuel Fraga, entre outros, sendo estes uns claros exemplos de portas xiratorias.

Na CIG lamentamos e cuestionamos este tipo de nomeamentos, e como o Partido Popular obriga a Administración galega a pregarse diante de certos lobbies económicos e de poder para beneficiar a uns poucos e prexudicar a maioría, denigrando a Función Pública.

Libres designacións mediante comisións de servizo para evitar a publicación no DOG

Na estrutura organizativa desa mesma dirección xeral podemos observar o xeito de proceder para o nomeamento de cargos de libre designación como o caso da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental ou a Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular, mediante comisións de servizo.

Cómpre recordar que no nomeamento de postos de libre designación o razoable e o máis transparente é que se faga mediante un anuncio no DOG, pero ao facer a cobertura destes postos mediante comisións de servizo, a cidadanía non ten acceso a esa información.

Para rematar, subliñar que valoraremos cos nosos servizos xurídicos a legalidade do nomeamento da nova directora xeral por un posible conflito de intereses, e poñemos en coñecemento da Fiscalía de Medio Ambiente estas tropelias que fai o Partido Pupular, que intereses ocultos terá para facer estas falcatruadas?, actuando na administración Galega como si fora o seu pazo, e no territorio deste Pais como si fora o seu cortello. DEFENDER A TERRRA NON E DELITO. CONTAMINALA SI!.

Ningún comentario:

Publicar un comentario