Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 14 de outubro de 2026

O BAILE DAS COMISIÓNS DE SERVIZOS

 

Dende o día 1 de setembro de 2026 publicáronse unhas 2500 ofertas de postos de traballo para cubrirse en comisión de servizo na Xunta. Unhas comisións que, como todos sabemos, danse pechando o puño, erguendo o dedo índice e sinalando á afortunada ou afortunado elixida/o, que pode ser calquera de nós. Moitas veces aténdese ao currículo de cada un ou unha, outras, porén, ás simpatías persoais da xefa ou xefe de quenda. En calquera caso, nunca se rexe por un procedemento regulamentariamente establecido.

Deste xeito a Xunta pretende varias cousas:

- Que se ocupen os postos que interesa cubrir á administración cando eles estimen axeitado, sexa necesario ou non facelo.

- Que as persoas que acceden á comisión renuncien a parte dos seus dereitos non vaia ser que os xefes non queden contentos.

- Que a inamovibilidade dos/as funcionarios/as públicos/as que aparece na nosa lexislación sexa unha quimera que só importa nos papeis.

- Que a neutralidade, imparcialidade e obxectividade sexan conceptos tan bonitos como alleos á realidade. Lembremos o que pasou con ALTRI.

En definitiva, que as comisión de servizos veñen sendo utilizadas pola Xunta de Galicia para ter atado e ben atado (a que me sona isto) o traballo dos/as compañeiros e compañeiras durante o tempo que duran as mesmas.

Iluso de min, pensei que isto repetíase en todas as CCAA como se foran entidades clónicas, pero resulta que non. Nalgunhas o procedemento é moi distinto e moito máis xusto. Poñamos como exemplo a Euskadi, que é moi diferente a como é aquí:

- As comisións de servizos obtense por méritos. Se estás interesado ou interesada, preséntaste e a concederán ou non segundo os puntos que teñas.

-Non hai un límite temporal para a ocupar a comisión. A única maneira en que te poden remover dela é porque a praza vaia a concurso de traslados e a ocupe outra persoa, por causas disciplinarias e, por suposto, se non fas o traballo.

A utilización das comisións de servizos como unha forma de provisión de postos ordinaria é absolutamente ilegal. Como di a propia lei de emprego público, as comisións de servizos SON UN PROCEDEMENTO EXCEPCIONAL.

A solución é sinxela: se como vén reclamando a CIG dende tempos inmemoriais houbera un concurso permanente ou, polo menos, un concurso anual que se resolvera en prazos adecuados este problema deixaría de existir. O asunto é que non parece interesar moito á administración.

Por outra banda, a existencia de milleiras de prazas que se ofrecen en comisión de servizos da que pensar que xa hai máis que suficientes para CONVOCAR OUTRO CONCURSO DE TRASLADOS.

En calquera caso, BASTA XA de utilizar as comisións de servizos como unha maneira de controlar a independencia dos/as traballadores/as públicos/as. Debe de repensarse canto antes outro xeito de acceder a elas para garantir a citada independencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario