Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 14 de novembro de 2014

Vindeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral dos Servizos Centrais

Achegamos a proposta que nos remite a Xunta para a reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral dos Servizos Centrais por se alguén quere facer algunha alegación ou propor algo máis.

A convocatoria está prevista para o martes 25 de novembro (ás 10:00) e a proposta de puntos para orde do día que existe actualmente é a seguinte:

1) Avaliacións de riscos que foron tratadas nas últimas reunións do Comité de Seguridade e Saúde de Servizos Centrais para engadir na orde do día:

xoves, 13 de novembro de 2014

Montoro devolverá en xaneiro de 2015 o 25% da paga extra de Nadal do 2012... e na Xunta?

Onte anunciou Montoro ás organizacións sindicais que este venres, 14 de novembro, van aprobar no Consello de Ministros a devolución do 25% da paga extra de Nadal do 2012. Esta devolución farase efectiva no mes de xaneiro.

Este 25% recordamos que é o recorte na extra que a Xustiza recoñecía como recorte ilegal xa que se fixo con carácter retroactivo. O Real Decreto entrou en vigor o 15 de xullo, pero xa levabamos xerado o dereito desde o 1 de xuño; así pois corresponde a 44 días de paga extra. O atraco era tan evidente que ata os xuíces máis conservadores fallaban en contra do Goberno.

A ninguén se lle escapa que esta devolución, neste preciso intre, ten que ver cun guiño de cara ás próximas citas electorais.  Pero ollo, porque este detalliño será só para as traballadoras e traballadores públicos da Administración Xeral do Estado, no resto de Administracións "dependerá da súa situación de déficit". 

mércores, 12 de novembro de 2014

Taxa de reposición 0: unha xubilación, unha amortización de posto público

Recentemente nos achegaron unha proposta de modificación da RPT (Relación de Postos de Traballo) da EGAP (Escola Galega de Administracións Públicas) que consistía na amortización dun posto por xubilación da persoa titular. Una proposta sinxela desde o punto de vista técnico pero que resulta un exemplo da consecuencia dunha taxa de resposición 0, que a súa vez é a causa das privatizacións.

Tal e como está agora mesmo a taxa de reposición limitada a 0 en Administración xeral*, implica que cada xubilación leve a non cubrir postos por valor do que custaba o da persoa que se xubilou. Outra cousa moi distinta é que a Administración aproveite, xa que esta vacante, para eliminalo.

Por outra banda, tampouco quere dicir necesariamente que se teña que amortizar ese posto, aínda que a tendencia é a amortizar postos base ou de oficios. Tendo en conta o envellecemento do cadro de persoal da nosa Administración, a perspectiva é realmente nefasta para os servizos públicos pero moi atrativa para as empresas que viven das privatizacións, porque alguén vai ter que facer ese traballo.

De feito, nos recentes informes que remite o Estado español a Bruxelas, informa que a capacidade de axuste do cadro de persoal público está esgotándose xa que comeza a perigar o que eles entenden como "servizos públicos esenciais". Respecto ao cadro de persoal público, no Estado español temos 4 veces menos que os países nórdicos pero tamén temos moitísimos máis casos de corrupción, unha consecuencia lóxica do anterior, por outra parte.

*Nos proxectos de  Orzamentos do Estado e máis da Xunta a taxa de reposición volve a ser cero salvo en determinados sectores (sanidade, educación, prevención incendios, loita contra a fraude fiscal...) que o soben ata o 50%. Chama a atención que deixan fóra os servizos sociais como prioritarios e inclúen as “prazas de asesoramento xurídico e para a xestión dos recursos públicos." como servizos públicos esenciais...



martes, 11 de novembro de 2014

Non son unhas mazás podres, é o cesto que contén as mazás o que está podre

Contra os manexos dun político corrupto ou os desastres dun incompetente a mellor defensa non son os xuíces: son os empregados públicos que están capacitados para facer ben o seu traballo e dispoñen dos medios para levalo a cabo, que teñen garantida a súa independencia e polo tanto non han de someterse por conveniencia ou por obriga aos designios do que manda. A corrupción e o mérito (diario El País)

Levamos un outono negro en canto a casos de corrupción que veñen a poñerlle a enésima guinda a un pastel que parece non ter fin en canto a "tramas organizadas" se refire. Desta volta, non só no noso país, senón na nosa Administración, non quedamos alleos coa Operación Zeta, da que o seu principal imputando está cantando coma un canario. 

O círculo desta trama corrupta dos cursos de formación estaba apertándose tanto sobre o propio Feijóo que decidiu acender o ventilador e esparexer a merda ao máis puro estilo do "todos rouban". De repente, apareceron, sobre todo na Voz, diversas notas citando nomes e apelidos de determinado persoal funcionario que ocupaba xefaturas de servizo e que tramitara contratos ou subvencións de empresas da trama. De repente,  publicase tamén un informe o Consello de Contas do 2010 (non se deron moita presa) no que se fala de irregularidades (non delitos) nos cursos de formación que toca a todo tipo de entidades (fundacións, empresas, sindicatos...).
 No que respecta ao persoal funcionario imputado cómpre respectar a presunción de inocencia (mentres a Voz publicaba nomes e apelidos de persoal funcionario, puña as iniciais de traballadoras do grupo de Gerardo Crespo). Hai que recordar que este persoal, a pesar de ser de libre designación política, é persoal funcionario e debe someterse a lei; se se demostra que fixeron algo ilícito e recibiron agasallos a cambio teñen que pagar pos iso. Agora ben, resulta un tanto difícil de crer que nesta trama organizada que afecta a varias consellarías, cargos intermedios actúen de xeito aillado, sen "control" político, máis tendo en conta que quen aparecía nas fotos con Crespo era Feijóo, con quen tiña relación Crespo era cos xerifaltes do partido, a través do famoso conseguidor Pachi Lucas, e a quen probou a policía que Gerardo Crespo lle transferiu cartos en negro foi ao PP.

A privatización do AMTEGA e a pasta que hai polo medio para repartir entre as empresas

Comunica a AMTEGA (Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galiza) que en breve haberá unha nova xuntanza co tema da súa RPT (relación de postos de traballo). A AMTEGA é un macrochiringuito que xestiona todo o que ten que ver coa informática e as telecomunicacións na Xunta e no que cada vez queda menos persoal funcionario e hai máis persoal de empresas dentro, persoal directivo das cales, leva unhas boas talladas.

Despois de varios anos en marcha, e tras o concurso de informática resolto en marzo deste ano, puxeron en riba da mesa unha proposta de cadro de persoal que abonda na privatización dos servizos informáticos na Xunta: máis persoal de dirección e menos currelas. A amortización de postos chega a tal punto que mesmo se cargan postos ocupados, ou sexa que son necesarios. E non é que o digamos nós, senón os continuos contratos de AMTEGA de asistencias técnicas para subcontratar traballos "porque non hai suficiente persoal propio".

O modelo de Administración para os servizos informáticos é un paradigma do que deseña este Goberno da Xunta: a desprofesionalización total da Administración e a aposta pola privatización dos servizos públicos e as subcontratas para realizar o traballo do persoal propio. Na situación actual, custa pouco darse conta de que non é unha cuestión ideolóxica, nin de eficiencia ou racionalización, senón simplemente de control político da Administración, de sembrar un campo de cultivo para as súas corruptelas. E é que se moven moitos millóns de euros entre tanto contrato informático.

luns, 10 de novembro de 2014

Protocolo fronte ao acoso laboral e discriminación na Xunta

O acoso laboral comezou a prestárselle a debida atención a partir das leis de igualdade no ano 2004. Nestas leis impulsábanse este tipo de protocolos pero tardaron en implementearse. 

Na Xunta, levamos desde o 2011 pelexando por este tema e solicitando que aplicaran subsidiariamente, mentres non existira un propio, o da Administración Xeral do Estado  Despois de 3 anos, ao fin, achegan un borrador, cun protocolo que resulta moi insuficiente co que agora mesmo hai na Administración Xeral do Estado.

Descargar proposta da Xunta

Enchufando á xente sen oposición en postos directivos

O de que o PP busca racionalizar as Administracións é algo que os que estamos dentro sabemos que resulta mentira. O que pretenden é desprofesionalizalas, ou seña, reducir o persoal que entra por oposición ou concurso-oposición, e aumentar o persoal que entra a dedo.

Para máis inri, dese persoal que entra a dedo, aproveitan agora a figura do "persoal directivo" creado no artigo 13 do EBEP e que aparece desenvolto na nova lei de emprego público. Pero o peor é que chegan mesmo a extendelo de xeito ilegal para cubrir postos que nin a lei lles permite. Estes é o caso, aquí en Compostela, do posto de Dirección do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero (CRI), tamén de dirección, do Centro Galego de Arte Contemporanea (CGAC).

Ambos centros veñen definidos no seu Decreto de estrutura como Administración xeral e polo tanto aquí non cabe persoal alleo á Administración. Sí poderían metelos nunha Axencia, nun Consorcio, nun ente público... pero non en Administración Xeral, tal e como recolle  o artigo 60 da LOFAXGA.

A CIG denunciou no seu momento, cando se creou o CRI, e presentou o correpondente recurso contencioso-administrativo. Desta volta, e a raíz da publicación da convocatoria do posto de Dirección do CGAC presentou tamén o oportuno recurso fundamentado nos mesmos aspectos xurídicos.