Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 11 de novembro de 2014

Non son unhas mazás podres, é o cesto que contén as mazás o que está podre

Contra os manexos dun político corrupto ou os desastres dun incompetente a mellor defensa non son os xuíces: son os empregados públicos que están capacitados para facer ben o seu traballo e dispoñen dos medios para levalo a cabo, que teñen garantida a súa independencia e polo tanto non han de someterse por conveniencia ou por obriga aos designios do que manda. A corrupción e o mérito (diario El País)

Levamos un outono negro en canto a casos de corrupción que veñen a poñerlle a enésima guinda a un pastel que parece non ter fin en canto a "tramas organizadas" se refire. Desta volta, non só no noso país, senón na nosa Administración, non quedamos alleos coa Operación Zeta, da que o seu principal imputando está cantando coma un canario. 

O círculo desta trama corrupta dos cursos de formación estaba apertándose tanto sobre o propio Feijóo que decidiu acender o ventilador e esparexer a merda ao máis puro estilo do "todos rouban". De repente, apareceron, sobre todo na Voz, diversas notas citando nomes e apelidos de determinado persoal funcionario que ocupaba xefaturas de servizo e que tramitara contratos ou subvencións de empresas da trama. De repente,  publicase tamén un informe o Consello de Contas do 2010 (non se deron moita presa) no que se fala de irregularidades (non delitos) nos cursos de formación que toca a todo tipo de entidades (fundacións, empresas, sindicatos...).
 No que respecta ao persoal funcionario imputado cómpre respectar a presunción de inocencia (mentres a Voz publicaba nomes e apelidos de persoal funcionario, puña as iniciais de traballadoras do grupo de Gerardo Crespo). Hai que recordar que este persoal, a pesar de ser de libre designación política, é persoal funcionario e debe someterse a lei; se se demostra que fixeron algo ilícito e recibiron agasallos a cambio teñen que pagar pos iso. Agora ben, resulta un tanto difícil de crer que nesta trama organizada que afecta a varias consellarías, cargos intermedios actúen de xeito aillado, sen "control" político, máis tendo en conta que quen aparecía nas fotos con Crespo era Feijóo, con quen tiña relación Crespo era cos xerifaltes do partido, a través do famoso conseguidor Pachi Lucas, e a quen probou a policía que Gerardo Crespo lle transferiu cartos en negro foi ao PP.
 
En todo caso, para loitar contra a corrupción, hai que loitar por unha Administración profesional, e iso implica reducir a presión política sobre a designación do persoal e aumentar a súa independencia. E como se consigue iso? Pois evitando pirámides invertidas dos recursos humanos na que cada día aumenta máis a relación dos postos da libre designación fronte aos postos por concurso, fuxindo da discrecionalidade exclusiva nos nomeamentos e valorando maiormente o mérito obxectivo, evitando as comisións de servizos discrecionais ou eliminando o persoal directivo de designación política. En resumidas contas, profesionalizando a Administración e respectando a figura da empregada e empregado público independente. O cargo político está para decidir se se fai unha autopista ou un hospital público, non para decidir con que empresa se contrata.

Relacionado con isto, recomendamos o seguinte capítulo do programa de radio Carne Cruda: Por que hai tanta corrupción en España?

Descargar CIG-Informa 

Ningún comentario:

Publicar un comentario