Na asemblea organizada pola CIG en San Caetano o 24 de maio, bautizouse o actual anteproxecto de Lei do emprego público de Galiza como a "alfombra vermella para a corrupción" na Xunta de Galiza.
Esta asemblea chegaba pouco despois de
que a Administración puxera enriba da Mesa Xeral exactamente o mesmo
texto que antes de remitirlle as alegacións. Despois da exposición por
parte de varios compañeiros e compañeiras dos puntos máis destacados do
novo texto, a asemblea por unanimidade concluíu sobre a gravidade do
texto e o cambio que vai supoñer no modelo de Adminsitración. Non se trata dun cambio cara a modernidade, senón dunha volta ao pasado, a unha Administración politizada
con persoal directivo alleo e unhas traballadoras e traballadores
públicos completamente controlados sen que se lle garanta a súa
profesionalidade e independencia.
Precisamente destacouse a importancia da figura do traballador público actual como garante da necesaria transparencia e cumprimento escrupuloso da legalidade
que demanda a cidadanía. Somos as traballadoras e traballadores
públicos os que facemos que a Administración sexa unha ferramenta da
cidadanía e non ao servizo do partido político no poder. Se cuestións
como a mobilidade, a carreira administrativa, as retribucións e mesmo a
remoción do posto, depende en exclusiva dun informe dun superior elexido
políticamente, vaise constrinxir de xeito serio a capacidade de
denuncia das irregularidades por parte das traballadoras e
traballadores públicos por unha simple cuestión de medo.
Tras aclarar algúns aspectos concretos e
logo dun debate aberto e participativo, sacáronse as seguintes
conclusións para impulsar nos ámbitos que correspondan:
- Elaborar un calendario de mobilizacións paralelo ao proceso negociador que propón a Administración e que sexa aberto ao resto de OOSS en aras da procura da unidade sindical.
- Organizar un referendum interno, dirixido en principio a todo o noso colectivo, con respecto aos principais puntos desta lei (Persoal directivo, Avaliación do rendemento e carreira administrativa, concursos e mobilidade), similar ao que se levou en Madrid no ámbito da Sanidade Pública.
- Facer unha campaña informativa cara á cidadanía do significa esta lei, con mesas abertas á sociedade.
- Como horizonte final desta campaña, valorar a convocatoria dunha folga xeral indefinida, se algo queremos algo temos que sacrificar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario