Axustar o déficit, controlar o gasto, austeridade... pero á hora de ter de man os medios de comunicación aparecen as partidas orzamentarias e referencias normativas que sexan necesarias.
Subvención aos medios de comunicación da Secretaría Xeral de Medios
No DOG do 22/05/2013 publícase a polémica convocatoria de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e medios de radiodifusión radicadas en Galiza para o ano 2013. Desta volta o financiamento total ascende a 1.550.000€.
Os gastos públicos en medios de comunicación xa son polémicos de por si. Porén, tórnase máis polémicos no momento actual ao ser considerado como un gasto totalmente prescindible fronte ao mantemento dos servizos públicos. Iso por non falar de que o que se está facendo é fomentar o "status quo" do actual escenario informativo, no que os grandes grupos volverán a arrasar levándose cartos das arcas públicas; algún dos cales é xa de sobra coñecido pola súa teima nos ataques á dignidade do colectivo das traballadoras e traballadores públicos e a súa desaforada defensa das políticas da Xunta de Galiza.
Ao marxe das axudas que se establecen a través desta resolución, hai que ter en conta a cantidade de diñeiro de difícil control e seguimento que supón a publicidade institucional que contratan as diferentes consellarías: anuncios e campañas que teñen pouco de informativas e moito de botarse flores sobre as políticas desenvoltas. Iso por non falar dos convenios de colaboración nos que os medios cos que se realizan reciben máis cartos a cambio de máis publicidade.
Máis convenios coa prensa nas diferentes consellerías
Desta volta tócalle a Medio Rural e Mar, se ben vai pouco denunciabamos os de Industria. Son un total de 739.000 € e o gasto desagregado por destinatario é o seguinte: 149.000 € para La Voz de Galicia, S.A., 149.000 € para El Faro de Vigo, S.A., 149.000 € para Editorial Compostela, S.A., 100.000€ para El Progreso de Lugo, S.L., 100.000€ para Medios Digitales de Galicia, S.A.U., 50.000€ La Opinión de A Coruña, S.L. , 30.000€ para o Grupo Lérez Ediciones, S.L. e 10.000 € para Rías Baixas Comunicación, S.A.
No DOG do 27/05/2013 a consellaría fai publica a listaxe de todos os convenios subscritos no segundo e terceiro cuatrimestre do ano pasado. A maiores do atraso na publicidade destes convenios, atópase a imposibilidade para a súa consulta detallada, algo que torpedea a transparencia na xestión de cartos públicos. A novidade de Medio Rural nestes convenios con entidades de comunicación para “promover campañas informativas de publicidade e comunicación institucional”, é a referencia explícita á autorización lexislativa da Lei 29/2005, do 29 de decembro, de publicidade e comunicación institucional. Porén, porque algo sexa legal, e máis nunha época de recortes brutais ás clases máis desfavorecidas, non ten porque ser xusto ou mesmo moral.
Falsa austeridade
Dentro do actual panorama económico, e particularmente dentro da Administración galega, ás empregadas e empregados públicos, como a meirande parte da cidadanía, resúltalle incomprensíbel que se recorte en servizos públicos esenciais e nos seus propios dereitos para manter outros gastos superflúos como a subvención ou os convenios cos medios privados.
Debemos continuar denunciando estes casos de falsa austeridade onde comprobamos que si hai cartos para o que se quere. Canto máis tendo en conta a finalidade de autopromoción deste gasto e que non está exento de sospeita sobre o condicionamento da realidade que publican os medios conveniados ou subvencionados. Non podemos consentir que parte dos esforzos que nos piden vaian destinados a esta finalidade que a sociedade entende perfectamente prescindible fronte ao mantemento dos servizos públicos.
A maiores atoparíamonos cun acto saludábel na liberdade de prensa e na contribución a facer do xornalismo non noso país unha feramenta para a información obxectiva e veraz, non sometida a presióńs políticas que compran portadas cos cartos (e os recortes) de todas e todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario