Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

xoves, 15 de setembro de 2016

Comisións de Servizo dos meses de xuño, xullo e agosto de 2016

Un total de 471 comisións de servizo concedéronse ou renováronse neste período estival.


Repunte curioso (ou non tanto) das comisións de servizo en postos de subdirección xusto antes das eleccións autonómicas.

Un total de 16 postos de subdirección resolvéronse por parte da Función Pública galega. Renováronse 7 (todas levan máis de seis meses) e concedéronse 9 novas comisións de servizo. Nestes postos, non ten lóxica ningunha que se provean deste xeito, dado que nin hai concurso específico nin nada que o xustifique, agás unhas eleccións autonómicas á vista que poden mudar o goberno e que fai que a xente que debería estar nomeada nestas datas, visto que as enquisas non aseguran nada, prefire amarrar o posto anterior e non ter que sufrir un cese sen rede por parte do novo goberno. 

Un total de 20 xefes/as de servizo foron nomeados en comisión nestes meses e renováronse até 35. Non sae para adiante o famoso concurso específico dos postos de xefatura de sección, así como tampouco o das habilitacións, nin están nin se lles espera, o que provoca que non quede outra que, ou ben renovar, ou ben nomear deste xeito calquera nova provisión destas prazas. En fin, aprobamos moitas leis a toda présa para que despois nin se desenvolvan nin se apliquen, todo por se acaso. Vívese moi ben no limbo, que llo digan a Rajoy...

Nestes meses chámanos a atención que a deputada do PP no parlamento español, Tristana Moraleja, teña renovada a súa comisión de servizos como subdirectora da Inspección de Servizos Sociais cando non pisa o despacho desde as eleccións do 20 de xuño. En fin, moito meter coletillas de lealdade ao rei cando xura o cargo de deputada (despois falan do resto) pero de aplicarse a normativa a ela mesma pouca cousa. Debe de ser que a inspección no eido dos Servizos Sociais galegos non é tan importante para o Partido Popular.

Noutro ámbito sensible, como é a loita contra os incendios, vemos tamén como o subdirector de Recursos Foreistais continúa en comisión de servizos dende hai máis dun ano. Outro eido no que se vé a sensibilidade do PP e a cercanía das eleccións...

Fóra do incremento xa mencionado e dalgúns casos raros de nomeamentos en postos de subdirección, non hai repuntes sinalábeis, máis ben un pequeno descenso comparado cos meses anteriores; enténdese que debido, non máis, ás épocas de vacacións que deixamos atrás.

Os datos numéricos foron os seguintes:

Meses de xuño, xullo e agosto de 2016

Nível 18
Nível 25
Nível 28
Subdirección
TOTAL(*)
Novas Comisións
24
37
14
4
152
Prórrogas
84
58
35
7
291
Adscricións
6
4
6
5
28
(*) inclúe todos os níveis.


Para rematar, insistimos nas nosas habituais reclamacións relacionadas con este alto número de persoal na situación de comisión de servizo: A necesidade dun concurso de traslados permanente que palíe esta situación e o establecemento dun sistema cuns mínimos criterios obxectivos de concesión; por antigüidade e pertenza ao centro, por exemplo, como rexe para o persoal laboral, dado que para o persoal funcionario impera, triste e principalmente, a discrecionalidade.

Neste enlace, podes descagar a lexislación aplicable ás comisións de servizo na páxina de Función Púbica e comprobar como a Xunta se pasa polo arco do trunfo a súa propia normativa con respecto ás comisións de servizo en postos de subdirección.

Ningún comentario:

Publicar un comentario