venres, 16 de decembro de 2016

Adiantar a saída do traballo ás 18 horas para conciliar: unha medida de márqueting político irreal e insuficiente

A Secretaría da Muller denuncia a hipocrisía dun goberno que mantén medidas tan lesivas para a clase traballadora como a reforma laboral


O anuncio da Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, anunciando que buscará un Pacto de Estado para a conciliación e a racionalización dos horarios de xeito que a xornada laboral finalice ás 18 horas, pode parecer positivo e necesario, xa que é unha demanda  sostida no tempo pola nosa central sindical. Mais é insuficiente e pouco realista, tendo en conta a situación actual das relacións laborais.


Desde a CIG denúnciamos a hipocrisía e a incoherencia por parte do mesmo goberno que mantén en vigor leis tan lesivas para os dereitos das traballadoras e dos traballadores como é a reforma laboral, a reforma das pensións, a lei mordaza ou os recortes en servizos públicos, en dependencia e igualdade de oportunidades para as mulleres e os homes. 

Falar dun pacto social que adiante a saída do traballo ás 18 horas cando a meirande parte das traballadoras e dos traballadores realizan máis horas que as estipuladas na súa xornada laboral ou cando a patronal pode distribuír unilateralmente até o 10% da xornada laboral anual, semella imposibilitar o diálogo.

Xunto a isto non hai que perder de vista que en boa parte das empresas deste país persiste unha cultura empresarial que concibe como un custe económico importante o feito de aplicar políticas de conciliación e medidas flexibilizadoras do tempo do traballo e que a maior parte das solicitudes de redución de xornada por coidado son denegadas pola patronal ou obteñen como resposta unha situación de persecución e acoso laboral.

Aínda hoxe segue a ser dominante unha cultura empresarial que prima a presenza física no lugar de traballo en vez da consecución dos obxectivos e existe un mal emprego das tecnoloxías, que aínda seguen a ser empregadas ao servizo da produción e non ao servizo das persoas.

O traballo segue a ser o centro sobre o cal xiran os horarios das persoas


O traballo segue a ser o centro sobre o cal xiran os horarios das persoas, derivando todo isto nunha sensación de falta de control persoal da xestión do propio tempo, o cal leva consigo desigualdades entre mulleres e homes.

Asemade, a proposta de flexibilizar a xornada laboral para conciliar mellor o tempo destinado ao traballo asalariado e o traballo de coidados e do fogar, non parece ir conectada con medidas de corresponsabilidade dirixidas a que o peso dos coidados non siga a recaer de xeito maioritario nas mulleres.

Desde a CIG levamos anos alertando da maquillaxe que supón implantar fórmulas de flexibilidade laboral xa que, normalmente, agochan o impacto de xénero, sen ter en conta, por exemplo, que as mulleres son maioritarias no mercado laboral e no desempeño de traballos a tempo parcial, e dado que o que se flexibiliza non é a xornada senón as condicións laborais e, en definitiva, os seus dereitos.


Xornadas laborais extensivas e non intensivas


A concepción europea de traballar só até ás 17h, tendo o resto do tempo libre para gozalo na esfera persoal, contrasta coa realidade do noso país, que amosa, na práctica, xornadas laborais que comezan ás 8:30h ou as 9h, fan un parón para xantar ás 13h ou 13:30h, retoman a actividade ás 16h e rematan ás 20h ou 21h. Isto, sen entrar a valorar os horarios das grandes superficies comerciais, ou da hostalería, a apertura en festivos, etc.

As xornadas laborais que existen en Galiza son extensivas e non intensivas. Estas xornadas prolongadas prexudican a calidade de vida do persoal e non son rendíbeis para as empresas. Por iso consideramos que ás traballadoras e aos traballadores se lles debería valorar polos resultados, xa que as horas de presenza non garanten unha maior eficiencia.

A isto hai que sumarlle que as políticas de conciliación postas en marcha até o de agora non foron acompañadas dun gasto público suficiente. A pesar das melloras lexislativas, non se ten realizado un esforzo institucional serio e decidido por ires até as orixes do problema da conciliación, como son as desigualdades sociais e culturais dentro e fóra do ámbito doméstico.

A problemática da conciliación constitúe un serio problema para os traballadores e as traballadoras -fundamentalmente para estas- que se tratou de afrontar desenvolvendo estratexias diversas de carácter privado, sustentadas principalmente na rede familiar.

Unha proposta que contrasta coas políticas de recortes impostas polo PP


Estas estratexias paliaron de algún modo uns efectos que aínda así foron moi lesivos para a clase traballadora, como os derivados dos recortes realizados polo goberno do PP no investimento público, que provocaron o deterioro dos servizos e a destrución de emprego; ou a posta en marcha dunha reforma laboral aínda vixente que facilitou máis o despedimento e a redución dos salarios, que precarizou e desregulou as condicións de traballo, que fomentou o uso de contratos lixo de formación e aprendizaxe até os 30 anos, que permitiu que foran as empresas e non as persoas as que estabelezan os criterios para a concreción horaria da redución de xornada por coidado, atendendo a necesidades produtivas e organizativas, e que limitou que esta redución se realizase só na xornada diaria.

Efectos dun goberno que aprobou orzamentos que non contemplaron o acordo de ampliación a 4 semanas do permiso de paternidade (que debería de ser unha realidade dende hai anos), nin a ampliación da duración da prestación de maternidade actual ou do permiso de lactación, claramente insuficiente; que conlevou a conxelación dos salarios do sector público; ou a moratoria na posta en marcha da lei de dependencia.

O mesmo partido político que anuncia o pacto social nesta materia respondeu á folga xeral arroupada de xeito masivo polos traballadores e traballadoras, con recortes no gasto público social no ensino público (aumentando o rateo do alumnado por aula, despedindo ao profesorado e autorizando a suba das matrículas universitarias), e instaurando o re- pago ou co- pago farmacéutico cunha decisión inxusta e antisocial que afectou sobre todo ao colectivo de pensionistas, e por tanto, sobre todo ás viúvas.

Mais ningunha das medidas que puxeron en marcha daquela obtivo o preceptivo informe de impacto de xénero, cuestión que denunciamos unha e outra vez en cada un dos exercicios.

Implantar unha xornada laboral máxima de 35 horas semanais


Se realmente o goberno quere reverter a situación debe dar os pasos que sexan precisos para proceder á derrogación da reforma laboral, que vaia parello a unha nova lexislación laboral e social que nos restitúa nos dereitos perdidos como consecuencia das contrarreformas, e nos favoreza en dereitos e regulacións novas que melloren as nosas condicións de vida e de traballo e nos fortalezan como clase diante do capital.

A proposta de racionalizar os horarios de traballo debe ir parella á redución da xornada máxima laboral a 35 horas semanais, como medida de reparto do traballo, favorecendo a seguridade e a estabilidade no emprego, así como a asunción de responsabilidades familiares en igualdade.

A CIG mantén a reivindicación estratéxica de facer realidade un Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación da participación do mundo do traballo en Galiza. Nese marco, estaríamos en condicións de formular propostas ao respecto da racionalización dos horarios, algunhas das cales xa foron transmitidas pola nos central ao Parlamento Galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario