Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

luns, 5 de decembro de 2016

Como serán as retribucións públicas na Xunta para 2017? As de Feijóo excelentes

Feijóo e as persoas titulares das consellarías subiranse o soldo o 7 e 7,5%. 


O pasado xoves houbo un paripé de Mesa Xeral previa á aprobación do anteproxecto de Lei dos Orzamentos da Xunta para 2017. A esta Mesa Xeral acudiu o director xeral da Función Pública sen facilitarlle á parte social nin un mísero documento nin negociar nada do relativo ao punto que alí se levaba: a masa salarial do capítulo I. 

Limitouse a informar de palabra que no 2017 volveríamos cobrar os complementos específicos nas pagas extras (ou equivalente para persoal laboral). Logo comentou un par obviedades como que a taxa de reposición, así como a suba das retribucións básicas, de habela, sería a que marque o Estado cando aproben os seus novos orzamentos (a saber se por xaneiro ou febreiro). Iso sí, que na taxa de reposición irían "ao máximo" que lles permitiran desde Madrid.

Que si liña de negociación aberta, que si "nova senda de diálogo" e patatín e patatán... pero nada de derrogar a lei de medidas de 2012, recuperar todos os postos de emprego público destruídos, rematar coas privatizacións ou recuperar os complementos específicos roubados nas pagas extras do 2013, 2014, 2015 e 2016 cos que nos sacaron a tallada de 485 millóns de euros (datos do propio director xeral) que nun alarde de morosidade afirman que non pensan devolver. 

Que por certo, todo esto aderezado con algunha brincadeira que tanta "boa nova" pode truncarse pola "inestabilidade internacional" e a "incertidume da chegada de Trump" (sic). En fin, xa sabedes, cando as cousas van ben é cousa de aquí, se van mal é cousa de fóra... tras tanto cachondeo e facenos perder o tempo, as organizacións sindicais levantáronse da Mesa e a CIG en particular valora a posibilidade de demandar a Xunta por vulnerar o dereito a negociación colectiva.

Feijóo súbese o salario un 7,5%


Como nós volveremos percibir o complemento específico nas pagas extras en 2017, se Trump nos deixa, as persoas que máis cobran na Xunta deciden que non van ser menos e apúntanse tamén unha suba salarial dun 7 ou 7,5%. E desta volta, por sorte, isa foi a nova que correu coma a pólvora polos medios. O caso é que a suba anunciada da masa salarial para o capítulo I é dun 4%, logo depende do posto que ocupes, as traballadoras e traballadores públicos podemos notar unha suba relativa anual de entre un 2 ou un 7%.

Certo que en 2013 cando nos quitaron a nós ese 4% de media, decidiron as persoas representantes políticas rebaixarse solidariamente unha cantidade similar ao noso complemento específico nas pagas extras. Agora que nós o recuperamos, pois a clase dirixente non ía ser menos, que ten moitos gastos... 

Pero o importante non é a suba relativa senón a suba absoluta. De feito, Feijóo peribirá unha subida bruta de soldo de 5.500€/ano respecto ao 2016. Vennos agora á cabeza o recente anuncio de subida do salario mínimo interprofesinal (SMI) nun 8% ata chegar á estratosférica cifra de 707,60 €/mes. A nós particularmente gustaríanos ver a estas persoas que se suben un 7% aproveitando a devolución dun concepto salarial roubando desde o 2013 ao seu persoal, sobrevivindo con 707,60 € ao mes... antes de que acabara o mes xa estaba aprobada de urxencia unha suba salarial do SMI ata convertelo nunha salario digno.

Novas relacionadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario