martes, 6 de xuño de 2017

Resumo da xuntanza co director de Función Pública sobre o baremo de concursos de traslados e outros. 5/6/2017

O día 5 de xuño asistimos a unha xuntanza onde o Director Xeral da Función Pública nos achega un borrador sobre o baremo dos futuros concursos de traslados (ao final desta nova) aínda que tamén informaron sobre outros asuntos como as vindeiras tomas de posesión, procesos selectivos en marcha ou seguimento de acordos.

Asistimos á xuntanza sen documentación previa, polo que basicamente nos limitamos a recibir as ideas expostas polo director xeral da Función Pública, facer unha intervención moi xenérica sobre o asunto, e tratar algunha cuestión máis. Na xuntanza fan entrega dun documento que posteriormente enviaron en arquivo dixital.

O director comeza afirmando que a súa proposta é totalmente flexíbel, coas seguintes dúas únicas limitacións: 1) Calquera cambio debe ir na liña de simplificar e axilizar os concursos, 2) Os cambios deben ser conformes ás normas legais (lei de emprego público, decreto de provisión e convenio colectivo).

O escenario final sería:
1. Chegarmos a un acordo que establecese as bases dos futuros concursos para moitos anos.
2. Un ou dous concursos de traslados anuais, tanto para funcionarios como para laborais.

Segundo o director, estarían a preparar un novo decreto de provisión de postos de traballo, pero tal norma tería a suficiente flexibilidade como para permitir a posterior negociación dos diferentes procesos e, xa que logo, nada impide abordar este asunto sen necesidade de agardar á publicación do novo decreto.

A CIG fai a seguinte intervención:

1. Chámanos a atención de que os títulos do documento entregado refírense a persoal laboral e a persoal funcionario non adscrito a escalas. Por tanto estaríamos ante un documento de aplicación ao persoal laboral e funcionario de corpos xerais. Pedimos explicación de porque non se aplicaría ás escalas e á administración especial. Resposta o director que non ve ningún problema para a súa aplicación a estes persoal funcionario, comprometéndose a revisar o texto.

2. Aínda que o documento foi entregado na propia xuntanza e sen poder valoralo en profundidade, xa observamos que en persoal funcionario a proposta inicial desequilibraría en contra dos postos base (aumento de puntuación de méritos específicos, diminución da puntuación de incremento de grao, e diminución do peso da antigüidade). Para o persoal laboral non podemos aínda valorar pois as bases do concurso anterior valoraban os apartados por meses cando aquí o fan por anos, o que non nos permite facernos unha idea sobre a marcha.

3. Chama a atención os cambios propostos na formación:
  • Conformes con que permitan valorar calquera curso. Tamén conformes con que valoren por horas reais, non por tramos.
  • Que incrementen o mínimo dos cursos de 12 a 20 horas vai deixar moitos cursos fora. Por exemplo, nalgún colectivo que reciben cursos de formación especializada moitos cursos son inferiores a 12 horas.
  • Se limitan os cursos aos realizados nos dous últimos anos tamén deixarán moita formación fora. Anticipamos conflito pois tanto nós como o persoal ímolo rexeitar.

Insiste o directro que é unha proposta aberta. Dan de prazo para presentar as primeiras alegacións ata o día 19 de xuño. Teñen intención de se é posíbel chegar a acordo antes do verán.

Outros asuntos


Procesos selectivos de persoal laboral por promoción interna-OEP 2016. O próximo luns ou martes remitirán o borrador das bases das sete convocatorias (382 prazas).


Tomas de posesión de procesos selectivos de persoal funcionario. O director desminte que teñan intención de adiar para setembro as tomas de posesión do persoal funcionario. Asegura que van ser todas (libre e promoción interna) antes de agosto, e a maioría en xuño (menciona a A1-P.I. como unha das que quedarían para xullo). A relación de prazas que lles ofertarán está por ver. Adianta que ofertarán todas as prazas ofertadas no concurso de traslados que estean sen ocupación e que non foran collidas independentemente do seu nivel. O resto de prazas estaría por discutir. Escollerán primeiro promoción interna.

Proceso selectivo bioloxía e química. Preguntamos polos motivos de que non se convoquen os tribunais. Aseguran que teñen problemas para atopar xente para o tribunal.

Persoal do Consorcio non pode ser integrado. Con respecto á interpretación que fai Función Pública do artigo da Lei de orzamentos do estado que indica que o persoal de fundacións, consorcios, etc, non pode adquirir a condición de empregados públicos. Informa o director que fixeron alegacións e estas terían sido admitidas, polo que non habería problemas.

Comisión de seguimento Consorcio. Convocarán a semana que vén.

Comisión de seguimento persoal veterinario. Convocarán a semana que ven. Solicitamos a inclusión na orde do día da situación xa xudicializada do matadoiro Frigolouro. Comprométese o director a solicitar aos sindicatos puntos para a orde do día.

---

CONCURSOS DE TRASLADOS
DOCUMENTO DE TRABALLO SOBRE UNHA PROPOSTA DE BAREMO PARA PERSOAL FUNCIONARIO E PERSOAL LABORAL

OBXECTIVOS
Simplificar os trámites e procesos propios da xestión dos concursos.
Reducir tempos de resolución.
Adxudicación de prazas máis xusta agrupando nun único proceso de asignación de postos as fases inicial e de resultas.
Diminuír o número de reclamacións.
Potenciar a automatización dos procesos de cálculo.
Facilitar a emisión de certificados de experiencia.


PERSOAL FUNCIONARIO
 PROPOSTA DE BAREMO ADMINISTRACIÓN XERAL PARA POSTOS NON ADSCRITOS A ESCALAS

1. Antigüidade (servizos prestados nas Administracións públicas):

Por cada ano de servizos ou fracción superior a 6 meses como funcionario/a: 0,15 puntos.

A puntuación máxima da base XXX.1 será de 5 puntos.

Para estes efectos computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

2. Méritos específicos adecuados ás características do posto de traballo:

2.1. Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de experiencia que se especifique adquirida coa condición de funcionario/a en postos de traballo pertencentes á mesma área funcional ca do posto solicitado: 0,25 puntos.
2.2. Por estar en posesión da titulación académica que especificamente se mencione na RPT para o posto de traballo: 1 punto. No caso de que se mencione máis dunha titulación só se valorará unha.
2.3. Por estar en posesión do nivel de coñecementos da lingua estranxeira que se especifique para o posto de traballo, acreditado segundo o Marco Europeo Común de Referencia para as linguas (MECR): 1 punto. No caso de que se mencione máis dun idioma só se valorará un.
2.4. Por estar en posesión do permiso de conducir valorable para o desempeño do posto de traballo: 0,75 puntos.

Para o suposto de coñecementos de idiomas acreditados por medio de títulos expedidos por centros oficiais ou homologados as equivalencias deberán ser aportadas polas persoas interesadas para os efectos de que este apartado sexa obxecto de valoración.

A puntuación máxima da base XXX.2 será de 3,5 puntos.

3. Grao persoal.

Polo nivel 10 de grao consolidado e formalizado recoñecido: 1 punto.

Por cada unidade de nivel que exceda de 10: 0,15 puntos

A puntuación máxima da base XXX.3 será de 4 puntos.

No suposto en que os/as funcionarios/as non teñan recoñecido ningún grao persoal ou este sexa inferior a 10 computarase, para os efectos de puntuación nesta epígrafe, o nivel mínimo correspondente ao intervalo de niveis do grupo ao que pertenza o funcionario.

4. Traballo desenvolvido, tempo transcorrido dende o último posto de traballo obtido con carácter definitivo e medidas de conciliación laboral e igualdade de xénero.

4.1. Traballo desenvolvido.

4.1.1. Só se computará o traballo desenvolvido coa condición de funcionario/a  nos distintos grupos.

4.1.2. A determinación da puntuación realizarase a partir do cálculo do nivel de destino medio dos postos de traballo desempeñados como persoal funcionario durante a totalidade dos períodos de traballo desenvolvidos. Para os efectos de determinar o nivel de destino medio a contabilización dos períodos de traballo desempeñado realizarase en días.

Se o nivel medio de destino obtido consecuencia do cálculo tivese un valor decimal superior a 0,5 este redondearase ao alza.

Polo nivel 10 de destino medio: 1 punto.

Por cada unidade de nivel que exceda de 10: 0,10 puntos

A puntuación do traballo desenvolvido realizarase atendendo ao posto ou postos de traballo efectivamente desempeñados, computándose, para estes efectos, o traballo desenvolvido na situación de comisión de servizos ou adscrición provisional.

4.2. Tempo transcorrido dende a última adxudicación dun posto con carácter definitivo:

Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de tempo transcorrido dende a última adxudicación dun posto con carácter definitivo do corpo ou escala dende o que participa: 0,15 puntos. 

Exclúense da puntuación os dous anos de permanencia obrigatoria se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de concurso, e os dous primeiros anos se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de libre designación.

4.3.  Medidas de conciliación e de igualdade de xénero

4.3.1. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o posto de traballo do cónxuxe ou parella de feito sempre que o solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade. Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base XXX.5

4.3.2. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o centro de estudos en que estea matriculado un/unha ou máis fillos/as menores de doce anos, sempre que o/a solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade.

Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base XXX.6.

A puntuación das alíneas 4.3.1 e 4.3.2 outorgarase con carácter alternativo e nunca acumulativo.

4.3.3. Outorgaranse 0,01 puntos por mes ou fracción de mes aos/ás funcionarios/as que estean gozando ou gozasen nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes unha excedencia para o coidado de fillos/as ou familiares. Esta circunstancia, de ser o/a participante funcionario/a da Administración da Xunta de Galicia incluído no ámbito de competencias da Dirección Xeral da Función Pública, apreciarase de oficio.

A puntuación da alínea 4.3.3 non poderá superar os 0,6 puntos

A puntuación máxima da base XXX.4  será de 5,5 puntos.

5. Cursos de formación e perfeccionamento.

Valorarase a asistencia durante os últimos dous anos a cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, e cursos impartidos no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP). 

Para cada curso de duración igual ou superior a 20 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1 punto por curso.

Para os efectos de puntuación deste apartado estimaranse como valorables as probas de avaliación de carácter libre organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non se valorará:
A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.
Os módulos ou partes integrantes dun curso.

A puntuación máxima da base XXX.5. será de 4 puntos.

6. Grao de coñecemento do idioma galego

a) Curso de CELGA 3 ou equivalente: 0,75 puntos.

b) Curso de CELGA 4 ou equivalente: 1,50 puntos.

c) Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou CELGA 5: 2,25 puntos

d) Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se lle concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións homologadas polo órgano competente en materia de Política Lingüística.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.

A puntuación máxima da base XXX.6 será de 3 puntos.

7. Polo grupo á que pertence o funcionario e desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos:
- Subgrupo A1: 5 puntos
- Subgrupo A2: 4 puntos
- Subgrupo C1: 3 puntos
- Subgrupo C2: 2 punto
- Agrupación profesional de persoal subalterno: 1 punto.

8. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.
Todos os méritos recollidos na base III computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.
En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes desta base.
De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido, e de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día XXXX (DOG nº XX, do XXXX). En último lugar o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

9. A puntuación mínima para poder adxudicar os postos que se ofertan nesta convocatoria é a que para cada un deles se especifica no anexo I.


PERSOAL LABORAL
PROPOSTA DE BAREMO

1. Antigüidade (servizos prestados nas Administracións públicas):

Por cada ano de servizos ou fracción superior a 6 meses como persoal laboral: 0,15 puntos.

A puntuación máxima da base XX.1 será de 5 puntos.

Para estes efectos computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

2. Méritos específicos adecuados ás características do posto de traballo:

2.1. Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia que se especifique na RPT como mérito para desempeñar o posto de traballo: 0,20 puntos.
2.2. Por estar en posesión da titulación académica que especificamente se mencione na RPT para o posto de traballo: 1 punto. No caso de que se mencione máis dunha titulación só se valorará unha.
2.3. Por posuír os coñecementos que se especifiquen, acreditados mediante a asistencia a cursos durante os últimos 2 anos, por cada curso de duración igual ou superior a 20 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1 punto por curso.

Para o suposto de coñecementos de idiomas acreditados por medio de títulos expedidos por centros oficiais ou homologados as equivalencias deberán ser aportadas polas persoas interesadas para os efectos de que este apartado sexa obxecto de valoración.

De non especificarse o curso en concreto no anexo I, só se terán en conta aqueles cursos organizados e impartidos directamente polos organismos relacionados na base XX.4

Os coñecementos non se valorarán como mérito cando figuren no anexo I como requisito imprescindible para acceder ao posto.

A puntuación máxima da base XX.2 será de 3,5 puntos

3. Traballo desenvolvido, tempo transcorrido dende o último posto de traballo obtido con carácter definitivo e medidas de conciliación laboral e igualdade de xénero.

3.1. Traballo desenvolvido.

3.1.1. Por cada ano de servizos ou fracción superior a 6 meses como persoal laboral en idéntica categoría profesional: 0,50 puntos.

3.1.2. Por cada ano de servizos ou fracción superior a 6 meses como persoal laboral en distinta categoría profesional: 0,25 puntos.

A puntuación máxima da base XX.3.1 será de 15 puntos.

3.2. Tempo transcorrido dende a última adxudicación dun posto con carácter definitivo.

Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de tempo transcorrido dende a última adxudicación dun posto con carácter definitivo no grupo e categoría dende o que participa: 0,20 puntos 

Exclúense da puntuación os dous anos de permanencia obrigatoria se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de concurso, e os dous primeiros anos se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de libre designación.

A puntuación máxima da base XX.3.2 será de 5 puntos

3.3.  Medidas de conciliación e de igualdade de xénero

3.3.1. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o posto de traballo do cónxuxe ou parella de feito sempre que o solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade. Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base XX.5

3.3.2. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o centro de estudos en que estea matriculado un/unha ou máis fillos/as menores de doce anos, sempre que o/a solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade.

Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base XX.6.

A puntuación das alíneas 3.3.1 e 3.3.2 outorgarase con carácter alternativo e nunca acumulativo.

3.3.3. Outorgaranse 0,01 puntos por mes ou fracción de mes persoal laboral que estea gozando ou gozase nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes unha excedencia para o coidado de fillos/as ou familiares. Esta circunstancia de ser o/a participante persoal laboral da Administración da Xunta de Galicia incluído no ámbito de competencias da Dirección Xeral da Función Pública, apreciarase de oficio.

A puntuación da alínea 3.3.3 non poderá superar os 1,1 puntos

A puntuación máxima da base XX.3  será de 21,1 puntos.

4. Cursos de formación e perfeccionamento.

Valorarase a asistencia durante os últimos dous anos a cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, e cursos impartidos no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP).

Para cada curso de duración igual ou superior a 20 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1 punto por curso.

Para os efectos de puntuación deste apartado estimaranse como valorables as probas de avaliación de carácter libre organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non se valorará:
A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.
Os módulos ou partes integrantes dun curso.
Os cursos valorados na base XX.2. Se non fosen valorados por ter acadada a puntuación máxima da dita base aumentarán a puntuación da base XX.4 sempre que reunisen os requisitos ao efecto.

A puntuación máxima da base XX.4. será de 4 puntos.

5. Grao de coñecemento do idioma galego

a) Curso de CELGA 3 ou equivalente: 0,75 puntos.

b) Curso de CELGA 4 ou equivalente: 1,50 puntos.

c) Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou CELGA 5: 2,25 puntos

d) Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se lle concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións homologadas polo órgano competente en materia de Política Lingüística.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.

6. Xornada inferior á ordinaria en cómputo anual.

Pola ocupación dun posto a tempo parcial ou fixo descontinuo cando se opte a un posto con xornada completa doce meses ao ano: 3 puntos

7. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.
Todos os méritos recollidos na base XX computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.
En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes desta base.
De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido, e de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día XXXX (DOG nº XX, do XXXX). En último lugar o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

Nos concursos de traslados abertos a persoal laboral estes se resolverán mediante a aplicación aos aspirantes do baremo de méritos e tendo en conta a preferencia ou preferencias establecidas no Convenio colectivo.

O persoal laboral poderá concursar a todas as categorías do mesmo grupo sempre que o/a interesado/a posúa a titulación e demais requisitos para poder participar

Ningún comentario:

Publicar un comentario