Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 19 de xullo de 2019

Concurso corpos xerais: segundo borrador de postos vacantes

Recibimos o segundo borrador de postos vacantes para o concurso de traslados de corpos xerais. Nesta nova listaxe xa están incluidas todas as consellerías.
 
Temos de prazo ata o 29 de xullo para facer alegacións. Se queres comunicarnos algo, podes contactar coa CIG. Xa que logo, que o concurso saia en xullo (como dixera o director xeral da Función Pública) vai ser imposíbel, así que a convocatoria vai quedar para setembro (con sorte) e continúa acumulando atrasos e incumprimentos nos prazos.

mércores, 17 de xullo de 2019

Novo pau do TSXG á Xunta de Galiza pola concesión arbitraria das comisións de servizo

Nas comisións de servizo non basta só con que a persoa adxudicataria cumpra os requisitos de idoneidade, senón que, cando sexan varias as persoas solicitantes, é necesario que se exterioricen as razóns polas que se elixe a unha das persoas peticionarias e se lles notifique a todas elas a decisión final para darlle posibilidade de impugnación. Iso vén a decirlle por segunda vez o TSXG á Xunta de Galiza.

A nova sentenza do TSXG 341/2019, do 3 de xullo, incide nos mesmos aspectos que a anterior sentenza 87/2018 que demos a coñecer o ano pasado capitaneada tamén desde os servizos xurídicos da CIG en Compostela.

venres, 12 de xullo de 2019

Retribucións 2019: folleto resumo

https://drive.google.com/file/d/1eO0qS7xnP6zNh_k3vldmfUnLn_6DmBa-/view?usp=sharing
Ante varias solicitudes, achegamos para descarga electrónica o folleto resumo das retribucións 2019 para o persoal público da Administración Xeral da Xunta de Galiza, representado polo noso sector da CIG-Autonómica; así pois, non se inclúe persoal docente nin do Sergas.

mércores, 10 de xullo de 2019

A Xunta, ao contrario co Estado, négase á xornada de verán ampliada para persoas con crianzas menores de 12 anos

Mentres na Administración Xeral do Estado o seu persoal con crianzas menores de 12 anos goza de xornada de verán ampliada (desde 2012!), aquí só recollen nun borrador de acordo (en 2019!) o mesmo para quenes teñan persoas discapacitadas ao seu cargo. Como se as crianzas non precisaran de coidados.

Son moitos os agravios que como persoal público da Xunta sufrimos fronte ao persoal doutras Administracións: peor carreira profesional, concursos e promocións internas sen periodicidade determinada, continúos cambios nas súas convocatorias, períodos de resolución extremadamente longos e por suposto tamén na conciliación.

E ten delito porque as traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza fomos das que antes e máis duros sufrimos os recortes nas nosas condicións de traballo: a lei de medidas de 2012 que ía ser temporal e cuxos artigos aínda seguen en vigor na súa maior parte ou os recortes nos complementos específicos das pagas extras de 2013 a 2016.

luns, 8 de xullo de 2019

Concurso corpos xerais: primeiro borrador de postos vacantes

A Dirección Xeral de Función Pública comunícanos parte da relación de postos vacantes entre os que sairá a listaxe dos que finalmente se ofertarán no concurso de traslados de corpos xerais. É a correspondente ás vacantes das seguintes consellerías (agardamos polas que faltan):
  • Consellería do mar
  • Consellería de política social
  • Consellería de sanidade
  • Consellería de cultura e turismo
  • Consellería de educación
  • Consellería de economía, emprego e industria
  • Consellería de infraestruturas e mobilidade
Función Pública fai anos que non nos facilita datos dos postos que están vacantes, así que a CIG non ten maneira de verificar se nesta relación están todos os que teñen que estar ou hai algún tapado. Temos prazo ata o venres 12 para facer alegacións, así que se ves algunha cousa que está mal, ou botas en falta algunha praza, contacta coa CIG canto antes.

venres, 5 de xullo de 2019

Concurso de traslados: xuntanza con Función Pública 04/07/19

O xoves 4 de xullo acudimos a agardada xuntanza convocada polo director xeral de Función Pública para tratar basicamente o concurso de corpos xerais. Tamén se tratou algunha cuestión máis como RPTs en negocación pero imos centrarnos nesta nova en contarvos como está o tema dos concursos, si, que polo resto tamén preguntamos. Na xuntanza falouse principalemnte das bases, das que pode haber algún que outro cambio e de prazos, que os creeremos cando os vexamos; o dos postos virá máis adiante.

Queremos reivindicar tamén a necesidade de convocar concursos anuais cos postos vacantes que vaian acumulándose. Non chega só con convocar agora ou en setembro e logo "adeus, moi boas" ata saber cando. Moitos dos problemas da xestión do persoal e vulneracións de dereitos de mobilidade, conciliación e promoción profesional, radican en non saber moi ben cando vai haber outro concurso de traslados.

mércores, 3 de xullo de 2019

Zarpa o concurso... a que porto chegará?

O concurso botándose a zarpar. ¿Cando atracará?
Onte xoves 4 de xullo estabamos citadas as organizacións sindicais a unha reunión sobre a baremación do concurso da Administración xeral. O sr. director xeral da Función Pública anuncianos, por fin, a negociación do baremo do concurso da administración xeral e a convocatoria do mesmo para setembro.


Por fin, despois de máis dun ano da primeira reunión sobre o baremo, parece que a cousa se move. Queda xa no recordo lonxano as negociacións do decreto de provisión de postos, ou mesmo as promesas e promesas de unha convocatoria inminente.