Achegamos unha guía para non perderse nestes días coas listas de substitución da Xunta de Galiza que vendo segundo que nova na prensa xerou moitas falsas expectativas nas persoas desempregadas. O fundamental é ver o anexo de que listas "abren" e se botades un ollo veredes que son escalas ou categorías moi concretas, con titulacións ou requisitos moi concretos; se cumprides, noraboa, senón, para anotarvos ás que están pechadas só cando superedes algunha proba do último proceso selectivo.
En calquera caso, o ritmo de chamada das listas vén determinado, por desgraza, non pola necesidade do servizo público, senón polas propias limitacións orzamentarias do capítulo I que se pon a Xunta porque para contratar das listas todo é un problema pero para contratar con Tragsa non, non si? E logo veñen, ademais, as cesións ilegais de traballadoras.
Por suposto segue a manterse o cuestionado cobro por anotarse de ao redor de 19€/lista cuns motivos de exención bastante cuestionables e que non están necesariamente relacionados cos ingresos que se poida ter.
A continuación, deixámosvos toda a información detallada:
No DOG do venres 26 de febreiro publícanse duas resolucións e unha orde sobre as listas de substitución, polas que se acorda a apertura e peche dunhas listas, a actualización de méritos, e o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión.
A) ACTUALIZACIÓN PROVISIONAL DE MÉRITOS
Resolución do 17 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos correspondente ao ano 2020 das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza. Ligazón ao DOG.
Consulta da puntuación. A puntuación total poderá consultarse no web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>.
Reclamacións. As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente.
B) PECHE E APERTURA DE DETERMINADAS LISTAS
Resolución do 18 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda o peche e a apertura de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza e o nomeamento de persoal funcionario interino correspondente a determinados grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades. Ligazón ao DOG.
1º. Pechar a incorporación de novas solicitudes ás listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que se indican no anexo I.
2º. Relacionar as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que se atopan abertas e nas que as persoas interesadas poderán presentar solicitude de inclusión no período comprendido entre o 1 de marzo e o 30 de abril deste ano (anexo II).
3º. Relacionar as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades pechadas e nas que soamente se poderán inscribir aquelas persoas que, para a lista correspondente, superasen algunha proba do último proceso selectivo do grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade, ou teñan prestado servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que teñan publicadas relacións de postos de traballo para a lista correspondente a ese grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade (anexo III).
4º. O estado, aberto ou pechado para a incorporación de novas solicitudes, no que se atopa cada lista poderá consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, punto de <Listas de contratación>.
C) PROCEDEMENTO PARA A PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES DE INCLUSIÓN
ORDE do 22 de febreiro de 2021 pola que se regula o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza, e se aproba o modelo normalizado de solicitude (código de procedemento AP522T). Ligazón ao DOG.
Obxecto. Regular o procedemento de presentación de solicitudes de inclusión nas listas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.
Solicitudes
- As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) accesible na sede electrónica da Xunta de Galiza, https://sede.xunta.gal
- Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
- Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galiza, incluído o sistema de usuario e contrasinal (Chave365).
Prazo. Desde o día 1 de marzo ata o 30 de abril de cada ano, e estas elabóranse no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de decembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario