Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 21 de abril de 2022

Función Pública comeza os traballos para a OEP de 2022 sen buscar a participación e o consenso

A lei da temporalidade obriga a ter publicada a oferta de emprego público de estabilización antes do 1 de xuño deste ano. A Xunta vai con atraso e presenta uns criterios para elaborar a oferta sen listaxes de vacantes nin descrición da súa situación

Apenas quedan dous meses e Función Publica convocounos o venres 8 de abril unha reunión informativa sobre un BORRADOR DE CRITERIOS COMÚNS PARA A APLICACIÓN DO PROCESO DE ESTABILIZACIÓN DERIVADO DA LEI 20/2021, DE 28 DE DECEMBRO, DE MEDIDAS URXENTES PARA A REDUCIÓN DA TEMPORALIDADE NO EMPREGO PÚBLICO (descargar), que ven sendo a súa adaptación da resolución da Secretaria do Estado dun conxunto de recomendacións para a aplicación da lei. Temos ata o día 21 de abril para enviar alegacións

A día de hoxe aínda non enviou ás organizacións sindicais a listaxe de vacantes totais con información do estado de cobertura e data de ocupación que lle levamos pedindo dende o mes de febreiro para facernos un mapa de como están as cousas na función pública autonómica, máis cando nalgúns sectores a temporalidade supera amplamente o 50%. O que si afirmou Función Pública é que nos vai dar as listaxes para a oferta a cachos: o luns remitiran 600 e pico prazas dalgunhas escalas e máis adiante din que enviarán unhas 2.000 das 4.000 que van a ir aos procesos de estabilización.

Ten toda a pinta de que a Dirección Xeral de Función Pública non ten interese en buscar o consenso nunha cuestión tan delicada e que afecta a tantas persoas. Vaise atrever a seguir na súa tónica xa habitual de impedir a negociación colectiva e a participación dos traballadores e traballadoras dando información a contagotas e con prazos ridículos?. Non llo imos pór doado. Se queres facer as túas achegas contacta coa CIG.

As claves da proposta de Función Pública para a oferta

  • A data de referencia sen continuidade de permanencia: 30 de decembro de 2021 (o día no que entra en vigor a lei).
  • Concepto de ocupación ininterrompida: se considera ocupación ininterrompida cando entre nomeamentos de varias persoas interinas non transcorra menos de un mes. No caso de persoal fixo-descontinuo non conta o tempo de suspensión do contrato como interrupción.
  • Persoal indefinido non fixo: as prazas inclúense na OPE de estabilización para corpos e escalas de persoal funcionario, agás no caso daquelas prazas de persoal indefinido nas que a sentenza obrigue a convocalas como persoal laboral, como sería o caso das prazas da DT 10 1ª parte co V Convenio. Inclúen tamén as de sentenza posterior ao 31 de decembro de 2021.
  • Persoal sen posto en RPT que ocupa praza estrutural: saen a oferta e dáselle código antes do nomeamento. 
  • A oferta vai ser conxunta coa taxa de reposición ordinaria e adicional de estabilizacion. As ofertas de emprego anteriores quedan derrogadas e as prazas non convocadas engadense a esta nova oferta. 
  • O límite de temporalidade na Administración Xeral a Xunta fixao no 7% .
  • Ofertarán tamén as prazas a tempo parcial (laborais). 
  • Prazas a concurso de méritos (DA6 e DA8): prazas vacantes de natureza estrutural ocupadas de forma temporal ininterrompida dende antes 1/01/2016 e adiciónanse aquelas que están ocupadas por interinos/as con antigüidade anterior ao 1/01/2016, sempre que a praza non estea reservada a persoal funcionario de carreira (substitución). Identifican as prazas a 31/12/2020 pero teñen que seguir ocupadas ao 30/12/2021.

As claves da proposta para os procesos 

  • Estabilización ordinaria: acceso mediante concurso-oposición (40/60). Terase en conta maioritariamente a experiencia no corpo, escala, categoría ou equivalente de que se trate. Os exercicios serán eliminatorios.
  • Estabilización extraordinaria (DA6 e DA8): acceso mediante concurso de méritos non restrinxido baremo a negociar na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos.
  • Toma de posesión provisional: Función Pública ofrecerá as prazas en concurso de traslados previo para o persoal funcionario, pero mentres non se realice ofertará esas prazas para a toma de posesión provisional das persoas que superen eses procesos. En destino provisional previo ao concurso se ofrecerán as prazas ocupadas por persoal interino de maior a menor antigüidade na Administración.

Identificación das prazas

  • A Xunta non identificará os códigos das prazas afectadas pola lei da temporalidade na OEP. 
  • Considera que debe informar ao traballador/a de que a praza que desempeñaba vai ser ofertada cunha comunicación realizada no Diario Oficial de Galiza.

 A novidade: se cobras a compensación quedas fora das listas de agarda

As compensacións que establece a lei da temporalidade para as persoas interinas que non superen os procesos selectivos condicionará os futuros chamamentos das listas, Así indica textualmente: “a suspensión de chamamentos nas listas de contratación temporal establecidas ao abeiro do Decreto 37/2006, do 2 de marzo”.

Temos ata o día 21 para presentar alegacións. Contacta coa CIG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario