MANIFESTACIÓNS
A Coruña: 12h desde a Praza de Vigo
Cee: 12h na Praza Concha Blanco.
Compostela: 12h desde a Praza Roxa
Ribeira: 12h desde a Praza do Peixe
Ferrol: 12h desde o local da CIG (Avda. de Esteiro)
As Pontes: 12h na Praza do Hospital
Lugo: 12h desde o Edificio Sindical (Ronda da Muralla)
Foz: 12h na Delegación de Facenda
Ourense: 11.30h desde a Praza Maior
Verín: 12h na Praza do Concello
O Barco: 12h na Praza do Concello
Pontevedra: 11.30h desde a Ferreiría
Vilagarcía: 12h desde a Casa do Mar
A Estrada: 12h desde a Praza do Mercado
Vigo: 12h desde a Dobrada
Cangas: 18h na Praza do Concello
Neste ano o Primeiro de Maio ten lugar no medio da crítica situación económica e social pola carestía da vida na que xa viviamos, agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína. A CIG propón un paquete de medida urxentes para atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre as clases populares. Estas propostas, na liña das que xa se trasladaron aos Gobernos español e galego para avanzar nunha saída galega xusta da crise, requiren dunha decidida intervención pública e inciden en varios ámbitos para poder garantir unhas condicións de vida dignas. Entre as medidas destacan:
Electricidade
1.- Creación dunha Tarifa eléctrica especial que, durante 24 meses, fixe o prezo de referencia entre os 10 €/MWh e os 60 €/MWh para quen teña potencia contratada igual ou inferior a 15 kW.
2.- Implantar a Tarifa Eléctrica Galega mediante a eliminación do pagamento da peaxe de transporte e aplicando unha redución do 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio en Galiza, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país.
3.- Limpar a factura dos cargos sen relación directa co funcionamento do sistema (fomento das enerxías renovábeis, custos extrapeninsulares e déficit de tarifa, etc.) e que sexan asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado.
4.- Retirar do mercado maiorista (pool) para fixar o prezo da electricidade as centrais hidráulicas, as nucleares e gas para conseguir unha baixada xeneralizada no prezo da electricidade.
5.- Controlar e fixar límite ao beneficio obtido polas empresas eléctricas.
6.- Crear unha Empresa Pública Galega de Electricidade.
7.- Fiscalizar as concesións hidroeléctricas. Reverter as instalacións hidroeléctricas ao sector público, destinado os beneficios da produción a abaratar o custo da electricidade.
8.- Aplicar na tarifa o tipo mínimo do IVE (4%) e eliminar do imposto á xeración (7%) que as empresas produtoras repercuten nos recibos.
9.- Esixir compromisos industriais, de emprego e de participación pública para as empresas que opten á concesión de instalacións de produción de enerxía renovábeis.
10.- Crear e pór en funcionamento en Galiza (As Pontes) o Centro para a Competitividade e a I+D+i no Almacenamento de Enerxía.
Salarios
1.- Os incrementos salariais deberanse situar nos 1.226 euros/ano lineais (87 euros/mes 14 pagas) e incremento salarial do 4,50%.
2.- Incluír en todos os convenios a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme ao IPC interanual acumulado.
3.- Aprobar as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade conteñan medidas reais e eficaces para rematar coa fenda salarial e outras desigualdades.
4.- Fixar o salario mínimo interprofesional en 1.167 euros ao mes, que é o 60% do salario medio do Estado español, tal como recomenda a Carta Social Europea.
Emprego
1.- Prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas de recorte: descolgues, modificación das condicións de traballo, mobilidade xeográfica, desregulación da xornada, etc.
2.- As empresas para podérense acoller ao ERTE estarán ao día na actualización das revisións salariais, completar até o 100% os salarios, e manter a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas.
Combustibles
Fixación polo Goberno dun prezo máximo de gasolina e diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022.
Mobilidade
Reforzar os servizos de mobilidade aumentando frecuencias e ampliando horarios para facilitar os desprazamentos, así como reducir as esixencias para o acceso a maiores descontos.
Alugueiro
Conxelación das cláusulas de actualización das rendas de alugueiro en todos os conceptos durante o ano 2022.
Ningún comentario:
Publicar un comentario