O Tribunal Supremo lémbralle á Xunta que non hai nada que casar porque a xurisprudencia é clara: a carreira profesional ten que ser para todo o persoal
A sentenza gañada pola CIG contra a orde que regula o grao I do sistema extraordinario da carreira profesional xa é firme ao inadmitir o Tribunal Supremo o recurso da Xunta e por tanto se confirma a obriga que a sentenza gañada no TSXG establece para a Xunta de “reconocer el derecho de estos colectivos a participar en el procedimiento de reconocimiento del grado I de carrera profesional, y condenar a la Administración a estar y pasar por tal declaración.”
Fundaméntase a providencia na “carencia no recurso de interese casacional obxectivo para a formación de xurisprudencia.” E isto é así porque o Tribunal Supremo xa se pronunciou en innumerábeis ocasións no sentido de que a carreira profesional ten que ser universal.
A Xunta ten agora dous meses para executar a sentenza e incluír a todo o persoal que cumpra os requisitos (sexa funcionario de carreira ou persoal interino ou laboral) no ámbito subxectivo do primeiro grao extraordinario.
Aínda que algunhas compañeiras e compañeiros xa o comezachedes a cobrar (incluídos os atrasos) porque as sentenzas individuais foron mais adiantadas, este pronunciamento o fai xa con carácter xeral para quen cumpra os requisitos que xa se estableceran para o persoal funcionario de carreira.
Coas sentenzas gañadas na man, na CIG estamos dispostas/os para negociar con Función Pública as modificacións necesarias para dar este dereito a quen ata o de agora se lle negou.
E non esquecemos tampouco que a Xunta suspendeu unilateralmente o dereito ao cobro do grao II, polo que non imos admitir que se negocie unha cousa sen poñer en marcha a outra.
Que se poñan a traballar e se senten a negociar sen esgotar o prazo que nos obrigue a solicitar a execución de sentenza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario