Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 1 de abril de 2022

Concursos, oposicións, RPTs e máis asuntos en xuntanzas do mércores 30/03/22

 

Discutimos o concurso de traslados de estatística (en rogos e preguntas falamos dos demáis), aprobáronse 9 convocatorias de procesos selectivos e unha modificación da RPT de Amtega. Tamén se falou doutras RPTs e doutras cuestións que poden ser do teu interese.

O mércores 30 de marzo asistimos a tres xuntanzas convocadas polo director xeral de Función Pública. Foron: a Comisión de Persoal (CP), a Mesa Xeral de negociación de empregados públicos (MX) que abandonamos, e a Mesa Sectorial de Funcionarios (MSF). Engadimos algunha cousa tratada na MSF que tivemos o venres 25.

CONCURSO DE TRASLADOS DE ESTATÍSTICA

Tratouse na Mesa Sectorial de Funcionarios. É un concurso pequeno que afecta a poucos postos. Para a CIG:

  • Que as persoas que pertenzan ás duas escalas poidan presentar duas solicitudes diferentes.
  • A Antigüidade corta o máximo en 31 anos de servizos. Tal e como está a nosa administración de avellentada, este mérito pode non ter efectos. Solicitamos incrementar a puntuación máxima mantendo a puntuación mensual, para que se recoñezan máis anos de servizos.
  • Non nos gusta que os méritos específicos por experiencia puntuen como a antigüidade. Queremos que como moito puntuen 1/3. E que tamén valoren a formación como alternativa á experiencia. 
  • Grao: como Función Pública ten os datos, abondaría que fose “consolidado”. Parécenos absurdo pedilo “formalizado”.
  • O traballo desenvolvido é excesivamente desequilibrante en beneficio dos niveis máis altos. Propuxemos que comezaran co valor do 25% da antigüidade para o nivel 16 e chegasen ao 50% para o nivel máximo.
  • Consideramos que os méritos de conciliación e igualdade deberían estar separados do traballo desenvolvido e o tempo de permanencia.
  • Na formación, botamos en falta entidades como: universidades, SEPE, DX de formación e escolas de idiomas. Non concordamos en que exista o límite de 2 puntos por curso, o que pode deixar sen valoración un montón de horas nos cursos máis longos.
  • Tamén reclamamos que se recupere a titulación que exceda do mímino, como mérito.

O DXFP non quere fedellar no baremo, segundo di, por non tocar a aplicación informática que non é moi moderna. Di que están a preparar o salto ao programa Fides (do Sergas), pero xa sería para seguintes concursos.

CONCURSOS DE TRASLADOS XERAL, ESCALAS E ESPECIAL

En rogos e preguntas tivemos ocasión de falar dalgún outro concurso de traslados.

Concurso de corpos xerais: se ata agora o DXFP falaba de que a toma de posesión sería en marzo, ou abril, dixo algo que a estas alturas a ninguén lle parece xa anormal: traballan para que sexa ao longo do mes de abril, matizando que “pode haber algún pequeno retraso” (con mención ao mes de maio).

Concurso de administración especial: nada novo. Segue a dicir que están coa RPT de Sanidade polo persoal veterinario e que en canto rematen sacarán o concurso de toda a Administración especial. Seguimos igual.

Concursos de escalas de administración xeral: lembramos ao DXFP que xa polo ano 2015 dixera que habería concurso de informática se había interese sindical, interese que reiteradamente puxemos enriba da mesa, e con persoal de novo ingreso (e promoción interna) en destino provisional, seguimos igual. Non pon data. Esa reclamación facémola estensiva ao concurso de traslados da totalidade das escalas. A única resposta que obtemos é que están a preparar o cambio de software cara ao “fides” do sergas e que comezarán con aquelas escalas que teñan persoas en destino provisional.

CONVOCATORIA DE PROCESOS SELECTIVOS

Todas elas foron discutidas na MSF do venres 25, e aprobadas na CP do mércores 30. 

Detectamos moitos erros nas prazas polo que pedimos a súa paralización ata comprobar polo miúdo que as convocatorias teñen prazas abondas non afectadas pola lei da temporalidade, non vaia ser que esteamos a xerar unha inseguridade xurídica que tumbe os procesos.

Agás a convocatoria de A1-Bibliotecas e museos por promoción interna, a forma de acceso é oposición (a CIG solicita concurso-oposición). Nos que hai dous exercicios só fixan corte no primeiro. En promoción interna fixan un corte inferior (1 x praza) a acceso libre (4 x praza). A promoción interna (mas que o hai) non chega nunca ao 50%. Nas partes específicas dos programas manteñen temas en troques de normas de dereito sen que comprometan á EGAP a elaborar manuais ou referencias bibliográficas.

Convocatoria AP-subalterno: Aprobada co voto en contra de CIG, CCOO, CSIF e UGT. Publicarase nestes días, pero a matrícula será a partires do 5 de maio.

Convocatoria C2-corpo auxiliar (D.I.): Non hai diferenzas entre acceso libre e promoción interna. O primeiro exercicio non será ata dentro de 12 meses. Non fixan corte. Aprobada co voto en contra de CIG, e CSIF, e o voto a favor de CCOO e UGT.

Convocatoria AP-subalterno (D.I.): Non fixan corte. Amplian prazo para o primeiro exercicio a 12 meses. Aprobada co voto en contra de CIG, e o voto a favor de CCOO, CSIF e UGT.

Convocatoria C2-Auxiliar de clínica: Non fan cambios. Aprobada co voto en contra de CIG, CCOO, CSIF e UGT.

Convocatoria C2-Auxiliar de coidador: Aquí detectamos unha chea de erros nas prazas. Aprobada co voto en contra de CIG, CCOO, CSIF e UGT.

Convocatoria A1-Enx. minas, arqueoloxía, arquivos-museos-bibliotecas: Non ao tipo de probas e á súa puntuación (a única proba de corrección obxectiva é a que menos puntua). Aprobada co voto en contra de CIG, CCOO, CSIF e UGT.

Convocatoria A2-Enx.tec. minas, obras públicas, axudantes de museos-bibliotecas: Non ao tipo de probas e á súa puntuación (a única proba de corrección obxectiva é a que menos putua). Aprobada co voto en contra de CIG, CCOO, CSIF e UGT.

Convocatoria A1-Museos-bibliotecas (promoción interna): Esta promoción interna é a única que será mediante concurso-oposición. Permiten a participación denden calquer escala de A2, pero só algunha desas escalas terá puntuación no mérito de traballo desenvolvido. A proba obxectiva é a que menos pesa. A materia non é eliminatoria entre probas. Só valoran 17 anos de antigüidade. Etc. Aprobada co voto en contra de CIG, CCOO, CSIF e UGT.

Convocatoria A2-Finanzas: A proba de corrección obxectiva é a que precisamente puntua menos. O 3º exercicio en realidade son 2 exercicios eliminatorios. Aprobada co voto en contra de CIG, CCOO, CSIF e UGT.

Promoción interna legoeiros: No medio da discusión pola RPT da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), o director xeral de Función Pública informou que tentarán meter esta convocatoria entre abril e maio, xa que teñen moi avanzado o programa e o tipo de exame. Traerían as bases para negociar nas vindeiras semanas. 

RELACIÓNS DE POSTOS DE TRABALLO

RPT Amtega

CIG, CCOO, CSIF e UGT mantemos a postura de non entrar a negociar nada con Amtega mentres non cumpra o compromiso do ano 2015 de sentarse a negociar unha serie de asuntos pendentes. Pasou pola MSF o venres 25. Na Comisión de Persoal do mércores 30, CIG e CSIF negámonos a votar; CCOO e UGT votan en contra.

RPT Educación

Na Mesa Xeral do mércores 30, CIG, CCOO, CSIF e UGT solicitamos a retirada do punto por falta de negociación. Non aceptamos que unha modificación tan grande da RPT a queiran liquidar cunha única xuntanza máis outra na que se limitaron a informar. Son demasiados postos creados e destruidos e require un traballo máis polo miudo, permitirnos estudalo e discutilo, con documentación abonda enriba da mesa enviada co tempo necesario. Sirva como dato para valorar isto que crea 352 prazas (en realidade, xa foron creadas fai anos) e amortizan 44.

A CIG esixe a Función Pública que non permita que Educación dote as prazas e as teña durante anos sen crear en RPT, co perxuizo que iso implica (non poden ser ofertadas en concursos nin elección de destino, e a xente non pode reclamar compensacións).

Ante a reiterada oposición do director de Función Publica a suspender a mesa en base ao escrito remitido polas 4 organizacións sindicais e a maiores as argumentación dadas por este sindicato, a CIG abandona a reunión. 

RPT Infraestruturas e RPT da AXI

A CIG recoñece que houbo negociación, tras catro xuntanzas nas que a consellería tivo en conta algunha das propostas que lle fixemos. En canto a creación dos postos de vixiante de estradas que levava aparelladas a amortización de prazas, polo que a CIG non estaba dacordo coa destrución de emprego para a creación doutro, indicar que a dirección xeral de Función Pública non autoriza polo de agora a creación desas prazas, polo que a consellería retira tamén as amortización coas que se finanza as creacións.

MÁIS CUESTIÓNS EN ROGOS E PREGUNTAS

Exames de escalas sanitarias: O director xeral comprometérase a mediados de febreiro a traer a información da data prevista para o primeiro exercicio (xa que na convocatoria, a pesares da nosa petición, non quixeron poñelo). Así que a CIG insiste en saber cales son as previsións. E unha vez máis o director adia a resposta. Nesta ocasión comprométese a preguntar e dicirnos algo para a semana que ven.

Tomas de posesión da oferta social: As baremacións provisionais dos concursos de méritos irán saindo nos vindeiros días. Aos poucos. Non pode dicir se vai ir todo antes do verán ou non.

Implantación do software “fides” (utilizado polo Sergas): As solicitudes de procesos selectivos que se fagan a finais deste semestre (menciona abril, maio, xuño) xa serían polo programa fides. Despois iríase avanzando no resto. Ten módulo de listas, de concursos, de carreira profesional, de expediente persoal, que irán implántandose paulatinamente.


Ningún comentario:

Publicar un comentario