Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 6 de abril de 2022

As encomendas da Consellería de Cultura a TRAGSATEC xa son ilegais

    

A CIG foi sempre moi combativa coa externalización do traballo público, e así levamos tempo loitando. Incluso coa externalización semipública a sociedadades como TRAGSA ou TRAGSATEC a través das encomendas de xestión, onde as propias sociedades públicas contratantes non tiñan nen capacidade técnica nen persoal para desenvolver tarefas propias das empregadas e empregados públicos.

Así o pasado mes de xaneiro, fíxose xustiza e a sala do contencioso do TSXG declarou ilegais as encomendas que a Consellería de Cultura estaba a facer con TRAGSATEC para elaborar os informes arqueolóxicos de obras e intervencións na contorna dos camiños de Santiago e bens protexidos.

A sentenza, demoledora no seu fundamento, fixo por de cor ao conselleiro e á responsable de Patrimonio Cultural que saíron sinalados como verdadeiros artífices desta desfeita.

Agora a sentenza xa é firme a través dun auto do TSXG e xa sabemos que estes actos eran ilegais.

Só queda solicitar a execución inmediata por parte dos xestores de Cultura, ou sexa a paralización da actual encomenda que aínda finaliza o 1 de xullo e o cambio nas políticas de encomendas (supoñemos que non se atreveran a seguir por este camiño, pois xa sería causa de prevaricación administrativa).

Haberá agora que pedir explicacións do gasto de máis de 700.000 euros de maneira ilegal, a ver quen os vai poñer do seu peto, porque son cartos de todos os galegos e galegas.

Póñanse logo a elaborar unha reforma da RPT onde se recolla a creación dos postos de persoal arqueólogo e arquitecto necesarios para acometer as competencias asumidas no patrimonio cultural galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario