Desde o ano 2010 o persoal empregado público perdeu máis dun 20% de poder adquisitivo
A CIG
rexistrou esta mañá unha Proposición non de Lei para que o Parlamento
de Galiza inste á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para que
presente de inmediato unha proposta lexislativa que estableza unha
cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, de xeito
que os seus salarios se actualicen automaticamente cada ano en función
da suba do IPC real. Unha suba que debe ser independente e
complementaria dos incrementos salariais que poidan acordarse no ámbito
da negociación colectiva xeral.
Xustifícase esta demanda porque
desde o ano 2010, o persoal empregado público está a sufrir unha perda
continuada de poder adquisitivo que, supera xa o 20%. Unha situación da
que responsabilizou ás políticas económicas impulsadas polos sucesivos
gobernos do PP e do PSOE, xunto co impacto das crises económicas e a
pandemia da COVID-19, que tiveron consecuencias moi negativas nas
condicións salariais do persoal ao servizo das administracións
públicas.
Rebaixas salariais
Consideramos ademais que a suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), aínda que insuficiente, evidencia esta realidade cando os salarios dalgúns corpos e escalas básicas da administración vense igualados co SMI e soben coa suba deste, revelando así o nivel de deterioro retributivo do persoal público.
Por iso, dende a CIG reiteramos a defensa do establecemento dunha cláusula de garantía salarial, vinculada ao IPC real e blindada por lei, que permita garantir que os salarios do persoal empregado público se actualicen automaticamente en función do custo da vida. Consideramos que esta cláusula debe constituír a base sobre a que artellar os futuros acordos salariais anuais ou plurianuais, co obxectivo de recuperar progresivamente o poder adquisitivo perdido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario