Na Comisión de Persoal de 24/04/2026 voltamos a esixir que nos convoquen xa á reunión á que se comprometeron. Na Mesa Xeral do 21/04/2026 comprometéronse a convocarnos a unha xuntanza de carácter técnico para solventar o problema dos actos de elección de destino. Nin nos enviaron datos, nin a listaxe de postos. Non podemos saber cantos postos quedaron vacantes da fase de resultas se non nos facilitan os datos.
O que si podemos saber, por exemplo, é que do subgrupo A1 na primeira fase só quedaron 180 postos abertos a ese subgrupo sen adxudicar. E só contando coas persoas aprobadas de libre, promoción interna, concurso de estabilización e concurso-oposición suman 297 persoas. Onde están os 117 postos que faltan? Sobran 117 postos de resultas? E así sucesivamente. E todo isto sen computar as persoas aprobadas de libre e da promoción interna pendente (que a ver se sacan a lista de aprobadas XA!), posterior á estabilización. ACHEGUEN OS DATOS, porque sen telos non podemos saber se é posible evitar a idea da DXEP dos “bloques”.
E como, ademais, temos constancia de que en moitas xefaturas territoriais se está avisando a persoas que están en comisión de servizos en postos vacantes XERADOS DESPOIS DO CONCURSO, é dicir, que non pasaron polo concurso, e que teñen nivel, todo isto nos fai sospeitar de que hai unha falla de previsión absoluta na convocatoria de ofertas de emprego público e provisión de postos. NON PODE HABER MENOS POSTOS QUE PERSOAS.
E como é evidente que os postos que non pasaron polo concurso non se deberían ofrecer, só queda facer excepcións, como en casos extremos, ofertar postos base, abrir postos a outros subgrupos ou tal e como se fixo no concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias, CREAR POSTOS BASE NOVOS.
As persoas teñen dereito a saber que é o que realmente sucede. FACILITEN OS DATOS E CONVOQUEN A REUNIÓN XA!
Da resposta da directora xeral deducimos que TEÑEN MONTADA UNHA LEA MONUMENTAL. Todo o que nos dixeron con anterioridade eran "previsións" e todo está condicionado a unha análise que resulta que "non está rematada". E cando rematen e antes de publicar os actos de elección de destino convocarannos e aí explicarannos por que elixiron a opción dos 2 bloques, que segundo ela "non hai outra opción", e tamén nos explicarán a orde de convocatorias e subgrupos, ou viceversa.
E o dato de máis relevancia é que a publicación das eleccións de destino será nas "vindeiras semanas" (sic). Un nivel de concreción indignantemente pouco preciso como para NON ACLARAR NADA cando foi ela mesma a que anunciara que se publicarían entre os días 20 e 24 de abril.
E da petición de que publiquen xa a lista de aprobadas da promoción interna do 2023 limítase a dicir a obviedade de que "teñen que publicar as persoas aprobadas coa proposta do tribunal e logo abrir o prazo para presentar a documentación e xa logo poderán seleccionar destino." Aclara que "...nas vindeiras semanas publicarán as listas de aprobados".
(Mentres non fan isto, avanzamos aquí o estado dos postos sobrantes do A1 só da 1ª fase e o número de persoas aprobadas simplemente a título informativo e a modo de exemplo sobre a necesidade de termos todos os datos).
| POSTOS SOBRANTES DA PRIMEIRA FASE DO CONCURSO | POSTOS ABERTOS AO A1 | APROBADAS A1 | ||||
| A1 | 172 | 180 | 2019 LIBRE | 76 | ||
| A1 A2 | 2 | 2020 PI | 3 | |||
| A1 A2 C1 | 6 | 2022 CONC | 211 | |||
| A2 | 70 | 2022 CONC OP | 7 | |||
| A2 C1 C2 | 38 | TOTAL | 297 | |||
| C1 | 80 | |||||
| C1 C2 | 174 | |||||
| C1 C2 AP | 1 | |||||
| C2 | 890 | |||||
| AP | 599 | |||||
| TOTAL | 2.032 | |||||
Cálculo feito cos postos sobrantes da 1ª fase ao non facilitarnos a DXEP os datos de resultas
Ningún comentario:
Publicar un comentario