Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 25 de setembro de 2014

Tres encomendas de xestión da Subdirección Xeral de Metereoloxía a Tragsatec en 6 meses para suplir a falta de persoal público

O sector da Autonómica da CIG de Compostela denuncia o abuso deste mecanismo e asegura que son prazas estruturais


O sector da Autonómica da CIG-Administración de Compostela vén de denunciar o “abuso” das encomendas de xestión nas consellarías. Sinala que se vén de publicar unha nova da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Medio Ambiente con Tragsatec para apoiar á Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Investigación. Denuncia que esta sería a terceira encomenda de xestión coa mesma empresa en menos de 3 meses e que se recorre a este mecanismo para suplir a falta de empregadas e empregados públicos.
Segundo explican, esta subdirección xeral conta só con 5 persoas (incluído o subdirector e secretaria) e recentemente se retocou a relación de postos de traballo sen engadir máis persoal. Engaden que outras encomendas con esta empresa xa derivaron nesta consellaría na creación de até 14 prazas por sentenza xudicial só nos servizos centrais, o que entenden que demostra que “este tipo de traballos son estruturais e polo tanto son necesarios máis empregados e empregadas públicas”.


xoves, 18 de setembro de 2014

Grazas, Montoro!



No BOE do 17/09/2014 publícase a "Lei de racionalización do Sector Público e outras medidas de Reforma Administrativa". Con esta linguaxe mentirosa que se emprega desde o goberno quere dicer "de restricións", "de control" e "de contrareforma" das Administracións públicas.


En calquera caso, como guinda do pastel trae un carameliño hipócrita (un moscoso máis, despois de roubarnos un lote deles). Xa que logo, a cousa para este ano e para os seguintes (mentres non volva a cambiar) queda tal como sigue: 5 por lexislación estatal e 2 polas instrucións de permisos, vacacións e licenzas (DOG 20/03/2013), facendo un total de 7. 


Ollo porque xunto con este caramelo veñen modificacións substanciais no EBEP: regulamentación do persoal interino, a introdución do persoal militar na administración ou sobre a mobilidade do persoal entre Administracións.


Xa que logo, parece que agora interesa estar a ben coas empregadas e empregados públicos porque a semana pasada saltaba tamén a seguinte nova, a raíz da preparación da Lei de Orzamentos do Estado:


martes, 19 de agosto de 2014

Aumenta o lucro privado na atención ás persoas maiores

A CIG denuncia que se dedican 2,7 millóns de € para a xestión privada de residencias de maiores, mentres os centros públicos sufren continuos recortes.

Beatriz Mato publica hoxe no DOG os convenios con residencias privadas mentres manten en ceo o incremento de prazas en residencias públicas da Xunta de Galiza.



O DOG do LUNS 18 DE AGOSTO DE 2014, publica o anuncio de contratación de xestión de servizos públicos para a reserva e ocupación de prazas residencias para persoas maiores en centros privados en diversos concellos de Galicia. O orzamento da licitación é de 690.044 euros que supon a ampliación dos concertos con residencias privadas e supón un desembolso do erario público, isto é dos cartos de todos os cidadans, de 2,7 millons de euros no ano 2014.


Beatriz Mato, esta finalizando durante este verano de 2014,  a folla de ruta de traspaso ás empresas privadas da atención ás persoas maiores en situación de dependencia e que necesitan o seu ingreso nunha residencia de maiores. En pleno mes de agosto a consellería de Traballo e Benestar pública unha resolución pola que se engorda a subvención para prazas en residencias privadas, de tal xeito que queda no olvido a creación de prazas en residencias públicas, nas que dende o 16/11/2007 que se inaugurou a Residencia de Maiores de Volta do Castro en Santiago non se levou adiante nengún incremento de vacantes, co que se consolida durante todo o mandato de Beatriz Mato a política de incremento cero en prazas para persoas maiores en residencias da Xunta de Galicia. Engordandose o lucro e beneficio de empresas privadas no negocio de atención ás persoas maiores e facendo imposible que as residencias públicas poidan atender a demanda de miles de persoas dependentes que reclaman ser atendidos en centros públicos. 

xoves, 31 de xullo de 2014

O Servizo Galego de Saúde coloca a persoal da súa confianza sen ter a categoría esixida

A Consellaría de Sanidade utiliza de xeito perverso a figura da comisión de servizos para colocar a amigos e amigas en postos de responsabilidade, moi ben remunerados e sen ter a titulación requirida para exercer esas funcións.

Xa en xuño de 2011, a CIG-Autonómica, denunciara os trapicheos que, naquel momento, manexaba a Consellaría de Sanidade con respecto á colocación de persoal en postos, sen cumprir a normativa de Función Pública. Naquel momento, denunciárase que tanto a daquela vicexerenta do Sergas, Mª Eugenia Lado Lago, como a subdirectora de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial, Mercedes Carreras Viñas, non cumprían cos requisitos necesarios para ocupar estes postos. Na actualidade aparecen “cesadas” das súas funcións, segundo o directorio telefónico da Xunta.

luns, 28 de xullo de 2014

Boletin da CIG San Caetano: Feijoo abdica

Xuntamos unha nova edición do boletín de Servizos Centrais.
Neste número, aínda máis fresco e retranqueiro que nunca pero reivindicativo e transgresor coma sempre, temos:



- Editorial. Crise en San Caetano: Feijóo abdica.
- Novas e denuncias en destaque:


* Poderían, poderían... pero non queren


* Entrevista con José María Barreiro (director xeral da Función Pública)
- A contra: A Xunta regálache un chiringuito





Tamén para difundir en Calameo.

xoves, 17 de xullo de 2014

Por unha promoción interna real na Xunta de Galiza

Despois de todo os "puteos" que nos ten sometido a Xunta, agora veñen cunhas convocatorias de promoción interna que son de coña. Semella máis fácil entrar na Xunta a través dun chiringuito que promocionar internamente cando xa estás dentro. Cómpre lembrar tamén que o resto do persoal da Xunta non funcionario de corpos xerais (persoal laboral ou persoal funcionario de escalas) ten procesos de promoción interna que son tan de "promoción interna" como o que agora botou enriba da mesa Función Pública para os corpos xerais.
Hai que mobilizarse, estamos recollendo apoios na plataforma Change.org; con cada sinatura mándaselle un correo co texto da petición ao Presidente da Xunta, á Conselleira de Facenda e ao Director xeral de Función Pública. 

Falamos do dereito a promoción profesional real de todo o persoal na Xunta de Galiza pero poden asinar tamén familiares, amigos ou compañeiras e compañeiros doutras Administracións, nas que si que hai OPEs de promo interna todos os anos e estas convocatorias son de promoción interna de verdade.

Tamén te facilitaremos varios cartaces diferentes (ou podes crear o teu propio e mandárnolo tamén) para que empapeles o teu centro, nos xa o fixemos por San Caetano.  


A volta de verán preparamos concentración. 

Saúde e a loitar polo noso dereito á promoción profesional!

mércores, 2 de xullo de 2014

A Xunta tarda 3 anos en resolver o posto de subdirector/a xeral de Urbanismo

Unha das últimas actuacións do exconselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández,  antes de marchar da Xunta.

No 2011 foi anunciada publicamente a cobertura do posto de subdirector/a xeral de Urbanismo pero non foi ata o 26 de xuño de 2014 cando se resolveu. Resulta bastante chirriante cando a normativa de cobertura de postos da Xunta establece expresamente que o prazo máximo para resolver este tipo de convocatorias (libre designación) será dun máximo de 2 meses.

Hai que ter en conta, ademais, que esta praza leva todos estes anos ocupada de xeito temporal e irregular polo mesmo funcionario provinte do concello da Coruña e que foi finalmente nomeado para o posto. Deste xeito, prodúcese tamén un reiterado incumprimento das instrucións de Función Pública para a cobertura temporal deste tipo de postos (6 meses ampliables por outros 6).

Máis aló do atraso evidente e da pouca seriedade coa que a Xunta de Galiza se toma a súa propia normativa, chama a atención a falta de racionalización do gasto público para os postos de libre designación, engordando nunha nómina máis que vén doutra Administración. En determinadas situación, esta sección sindical advertiulle á Xunta que na cobertura deste tipo de postos estimase a preferencia do persoal funcionario autonómico diante de traer máis persoal doutras Administracións.