Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 4 de maio de 2017

Mobilizacións contra o bus da xenreira de HazteOír

A CIG rexeita o paso do “bus da xenreira” da organización ultracatólica Hazte Oír polas rúas de Galiza

 

A central sindical anima a participar nas concentracións convocadas a prol da diversidade sexual e dos dereitos das persoas LGTBI

A CIG denuncia a hipocrisía do goberno do Partido Popular, quen aprobou hai un ano o Protocolo educativo para garantir a Igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de Identidade de xénero dxs menores trans", mais permite e consinte que a organización ultracatólica Hazte Oír pasee o bus polas rúas de Compostela e en vindeiras datas noutros lugares de Galiza.

Convocan Mesa Xeral para modificación da Orde de elaboración das relacións de postos de traballo

O principal cambio vén motivado pola inclusión nas relacións de postos de traballo (RPT) das "Áreas funcionais". Descargar modificación.

A convocatoria vai de xoves para martes e xa vén tamén a convocatoria da Comisión de Persoal, para 15 minutos despois, onde se votará, e vén coa mesma documentación da Mesa Xeral. Vemos que non teñen moitas ganas de negociar nin cambiar nada. Tendo en conta esto, o luns convocaron unha reunión informal para que non fora tan evidente.

En calquera caso, das áreas funcionais xa o meteron coa modificación da RPT de Medio Ambiente e non tiveron en conta as alegacións da CIG, nin de facer unha negociación real e sosegada, nin de garantir o acceso aos postos a través da formación equivalente á experiencia.

mércores, 3 de maio de 2017

A Xunta aumenta en 500.000€ a axuda a medios privados para que sexan "máis plurais e independientes"

Serán 1.675.000 € os que de partida destinará o Goberno galego a subvencionar o funcionamento das empresas xornalísticas e de radiodifusión privadas e que, ano tras ano, recaen nos grupos de sempre.


A convocatoria destas subvencións de concorrencia non competitiva foi publicada no DOG do 3 de maio. A gran diferenza respecto ao ano pasado son 540.000€ de orzamento que aumentan de inicio. Ben é certo que nos anos anteriores esta dispoisicón incial de 1.135.000€ sempre chegaba aos 1.675.000 cunha máxica ampliación de crédito poucos meses despois.

O curioso é a motivación desta subvención sen concurrencia competitiva nos tempos que corren: a liberdade de expresión e fomentar uns medios "máis plurais e independentes". Para mexar e non botar gota. Por suposto, e como todos os anos, seguindo coa fina ironía da convocatoria, tamén se busca a potenciación da lingua e cultura galega, "a galeguidade". 

Previsión de publicación do que queda do Fondo de Acción Social 2016

Comunican desde Función Pública que o 8 de maio é a data prevista para a publicación no DOG dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) 2016 para a axuda para a atención de persoas con discapacidade, a única que existe desde 2011.

O FAS veuse recortado na súa maioría pola Lei de medidas de 2012, que en principio era para 2 anos, e aí quedou o recorte por moita "recuperación económica" que anuncien, cunha asignación "social" que só ten en conta á atención de persoas con discapacidade. Anteriormente se tiñan en conta outras circunstancias como fillos/as menores, persoas maiores a cargo, estudos, adquisición de viveda, gastos sanitarios ou xubilación.

martes, 2 de maio de 2017

A Xunta de Persoal maniféstase en contra da creación da escala de persoal de servizos xerais (PSX)

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia manifestou a súa desconformidade coa creación da escala de Persoal de Servizos Xerais (PSX) no actual corpo auxiliar, pola Lei 2/2017, de 8 de febrero, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, ante a Dirección Xeral da Función Pública.

Por unha parte, entende esta xunta de persoal  que  non se pode crear novas escalas cando as funcións encomendadas están asignadas a outras xa existentes nas diferentes escalas e especialidades dos corpos de Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Por outra banda, esta escala creouse coa oposición de todas as organizacións sindicais.

Dúbidas sobre a implantación do programa Morfeo entre o persoal da Xunta

O programa Morfeo é unha aplicación telemática que emprega a Xunta de Galiza para a xestión de permisos, vacacións e licenzas. Inicialmente tiña que estar en funcionamento en 2014 pero non o fixo ata comezos deste ano. De momento pódese elixir entre a solicitude en papel e electrónica pero non permite anexar os xustificantes electrónicamente e teñen que ser remitidos en papel coma sempre aos servizos de persoal.

A polémica do programa é quen ten permisos de acceso e a que datos. Tal e como está configurado actualmente non só as persoas que asinan os permisos, senón bastantes máis poden ver o histórico de permisos e ata de fichaxes do Kronos, non só desde que o persoal está no centro actual senón en centros anteriores. Na xestión destes permisos atópanse cuestións de especial protección en materia de datos persoais como a protección da saúde ou violencia de xénero.

luns, 1 de maio de 2017

Miles de persoas claman na rúa pola recuperación de dereitos no 1º de Maio

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na manifestación de Vigo, insistiu en que hai "condicións obxectivas" para convocar folga xeral