Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

martes, 2 de maio de 2017

Dúbidas sobre a implantación do programa Morfeo entre o persoal da Xunta

O programa Morfeo é unha aplicación telemática que emprega a Xunta de Galiza para a xestión de permisos, vacacións e licenzas. Inicialmente tiña que estar en funcionamento en 2014 pero non o fixo ata comezos deste ano. De momento pódese elixir entre a solicitude en papel e electrónica pero non permite anexar os xustificantes electrónicamente e teñen que ser remitidos en papel coma sempre aos servizos de persoal.

A polémica do programa é quen ten permisos de acceso e a que datos. Tal e como está configurado actualmente non só as persoas que asinan os permisos, senón bastantes máis poden ver o histórico de permisos e ata de fichaxes do Kronos, non só desde que o persoal está no centro actual senón en centros anteriores. Na xestión destes permisos atópanse cuestións de especial protección en materia de datos persoais como a protección da saúde ou violencia de xénero.

Porén, esta implantación estivo ausente de toda información e consulta á representación do persoal, nin aos sindicatos peresentes na Mesa Xeral, e en particular a CIG que solicitou reiteradamente información sobre este programa, nin ás Xuntas de Persoal con competencia legal para ser oídas en materia de permisos, vacacións e licenzas.

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais, tendo en conta o anterior e atendendo ás denuncias particulares recibidas sobre irregularidades no sistema de acceso á información e a falta de regulamentación básica ou complementaria que garanta a protección dos datos, solicitou unha reunión á maior brevidade coa Dirección Xeral de Avaliación para tratar estes aspectos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario