Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 31 de maio de 2016

A CIG cualifica de “vergoñenta” a proposta da Xunta de devolver un cacho da extra de 2013 en dous prazos e dous anos

Esiximos o pagamento íntegro e inmediato da débeda recoñecida por múltiples sentenzas xudiciais


Logo das múltiples sentenzas condenando a Xunta de Galiza a devolver a parte devindicada da paga extraordinaria do ano 2013, o Goberno galego acaba de presentar unha proposta ás organizacións sindicais para abonar estas cantidades en dous cómodos prazos (nos anos 2016-2017). Unha proposta que a Área Pública da CIG considera un novo engano do Executivo de Feijoo ás empregadas e empregados públicos.

venres, 27 de maio de 2016

Concurso xeral: falan xa de tomas de posesión en setembro; exames de oposicións en xullo

Comeza xa a recoñecer o director xeral da Función Pública a posibilidade de que a toma de posesión do concurso xeral sexa en setembro, algo que xa era un ruxe-ruxe dende vai case 2 meses. Argumenta que esta medida evitaría moitos problemas organizativos cos cadros de vacacións. Tamén comenta que o atraso no tema da comisión de valoración débese a que estiveron sen xefe de servizo até vai dous días... en fin. A realidade é que xa vai máis dun ano que se convocou este concurso.

Máis cachondeo hai aínda co concurso do persoal laboral (grupos IV e V) que vai agora e di que "antes do verán" van mandar as bases cando a semana pasada era "nos próximos días". Xa non digamos cos concursos doutro persoal que, ou andan atascados na resolución, como no CIXTEC, ou directamente xa non se convocan como no persoal funcionario de corpos especiais ou escalas. E que foi daquela promesa do concurso permanente? Cero responsabilidades.

mércores, 25 de maio de 2016

Publicados cursos AFD 2016: dirixidos a traballadores/as en situación de desemprego

Acaba de facerse pública a oferta formativa dirixida prioritariamente a traballadores e traballadoras en situación de desemprego para a provincia da Coruña. Na seguinte ligazón acededes á páxina da consellería, e se premes na provincia que vos interese accedese ao pdf.

Está por concellos, e en cada concello, as entidades que teñen formación, nome e telefone, e curso que teñen concedidos. A información que aparece nesta páxina é de orientación.

Na seguinte ligazón, do servizo público de emprego, que podedes filtrar segundo os vosos intereses, os cursos que aparecen son aqueles que xa iniciaron o proceso de selección polo que de estar interesado/a, tes que solicitalo xa.

O persoal farmacéutico inspector denuncia coaccións e ameazas á greve

Os funcionarios e funcionarias do corpo de farmacéuticos inspectores de saúde pública (FISP), concentraranse novamente o mércores 25 de maio diante da Consellería de Sanidade ante a falta de resposta ás súas lexítimas demandas

Denuncian diante da Inspección der Traballo as ordes “ilegais” que están remitindo os Xefes de Servizo para intentar presionar, coaccionar e ameazar aos FISP, nun claro intento de desnaturalizar o exercicio constitucional do dereito de folga.

A Xunta de Galiza ratifica a amortización de postos de traballo ocupados por persoal laboral no CGAI

O sector da Autonómica da CIG-Adminstración denuncia a destrución de emprego público e alerta das consecuencias que terá para esta institución
 
A Xunta de Galiza ratificou nunha xuntanza coas organizacións sindicais a proposta de amortización de postos de  traballo ocupados por persoal laboral no Centro Galego das Artes e a Imaxe. Ratificación que se produciu xusto un día despois de asegurar nos medios de comunicación que non faría tal.

martes, 24 de maio de 2016

Chamamento da CIG para que os nosos fillos e fillas non realicen as reválidas

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG-Ensino, realizou nas últimas semanas unha intensa campaña contra a LOMCE e as reválidas, co obxectivo de que as familias non enviasen os seus fillos e fillas a facer as probas xerais de primaria.

Máis do 80% do alumnado de 6º de Primaria non realizou a reválida. Por iso, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valora como un rotundo éxito e un estrepitoso fracaso da Consellaría esta insubmisión a unhas probas inútiles que en nada benefician o proceso ensino-aprendizaxe e a calidade do ensino.
 

Fondo solidario de libros de texto e axudas á adquisición de libros (até 23 de xuño)

A CIG informa que xa está publicada a orde que regula a participación no fondo solidario de libros de texto e xa se poden solicitar as axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar para o curso 2016/17.

As axudas están destinadas ás familias con alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial, en centros docentes de Galiza sostidos con fondos públicos.

O alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (E-DIXGAL) no curso 2016/17 está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Porén, poderá solicitar a axuda para adquirir material escolar cando reúna os requisitos establecidos nesta orde.

Accións convocadas con motivo do Día Internacional pola Paz e o Antimilitarismo

O martes 24 de maio nas cidades de Compostela, Ferrol, Ourense e Vigo

Con motivo da conmemoración este martes, 24 de Maio, do Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Antimilitarismo, a  BDS-Galiza e a Marcha Mundial das Mulleres (da que a CIG forma parte),  convocan unha serie de actos para reivindicar a fin dos conflitos e o dereito das mulleres e do pobo Palestino a recuperar a súa terra.

Horarios e lugares das accións
  • Compostela, ás 20:00 horas está convocada unha concentración e unha acción de rúa na Praza do Toural.

venres, 20 de maio de 2016

INFELIZ ANIVERSARIO: O ImPPresentable concurso xeral un ano despois

Pasou una ano (ademais bisesto, cos seus 366 días) dende que aló polo 20 de maio do 2015 se convocara o concurso de traslados dos corpos xerais da Xunta de Galiza. 

Un ano despois aínda non temos o listado definitivo de puntuacións, só un que rula por aí e que xa é tradicional de cada concurso, e o que é mais, non sabemos cando se publicará nin cando se resolverá este concurso. Se fora un neno e nacera ese día hoxe xa andaría e pode que xa escapara das gadoupas da Xunta de Galiza, quizais xa diría algunha verba como “papá”, “mamá”, “imPPresentable” ou “concurso permanente xa”. Isto último lévao prometendo este director xeral de Función Pública dende fai sete anos, día si e día tamén, cando se lle pregunta por este asunto, dicíndonos que vai ser inmediatamente, que xa se vai licitar, que si avoa fuma..., e aos traballadores da Xunta non nos queda outra que resignarnos e agardar estas promesas incumpridas. 

Oposicións de libre "antes de agosto" e segundos exercicios de promoción interna "previsiblemente" en xullo

Dixera o director da Función Pública que os exames de persoal funcionario de acceso libre ían ser en xuño. Pois ben, na última xuntanza xa nos volveu falar de "antes de agosto", o cal é unha forma sutil de dicir que máis ben en xullo, con sorte. Recordamos que nos dixera en abril que a principios de maio teríamos esas datas. Recordamos tamén que isto xa non é novo, o que non é serio.

No caso da promoción interna, as datas concretas coñecéronse con mes e medio de antelación, o cal tampouco é demasiado. As datas dos exames, canto menos o mes, debería coñecerse e respectarse na data da propia convocatoria como sucede noutras Administracións.

Na promoción interna dous tribunais xa sacaron anuncios coa data previsible do 2º exame, que apuntan a xullo. Falamos da promoción interna ao subgrupo C1 (1ª quincena) e ao subgrupo A2 (2ª quincena). Tal como anunciara o director xeral, dera este aviso, así que deberían saír tamén as previsións do resto de exercicios para o resto de subgrupos.

Que demo lle pasa á Xunta co persoal laboral?: concurso de traslados e outras

Resulta que di o director xeral da Función Pública que, agora si que si, que vai mandar "nos próximos días " as propostas das bases do concurso de persoal laboral (grupos IV e V). Tamén avanzou que, no mesmo prazo, vai mandar a proposta de refundición das categorías dos grupos IV e V e seguramente acabará caendo as do grupo III pero que "vai tardar un pouco máis de tempo" polas "dificultades que presenta".

Isto é unha vergonza e non ten outro nome. Canto tempo levamos xa escoitando falar do concurso do persoal laboral? E do concurso permanente? Se ata se pasan o convenio e os prazos polo forro, o cal xa non é de estrañar vendo os artigos que teñen suspendidos e os dereitos que nos quitaron ou nos queren quitar co das "X" ou non negociar as carteleiras.  O último concurso foi no 2010 (para grupo V) e 2011 (para o resto dos grupos) e agora veñen tarde e só co do V e do IV, que é o único que teñen previsto convocar.

xoves, 19 de maio de 2016

Listaxe provisional de admisión na escola infantil de Vite para fillas e fillos do persoal dos SSCC da Xunta

O pasado mércores 18 de maio de 2016 reuniuse a comisión de avaliación das solicitudes recibidas para a Escola Infantil de Vite, de conformidade coa Resolución do 12 de abril de 2016 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas para fillas e fillos do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís para o curso 2016/17 (DOG 20/04/2016).

Tal e como establece o artigo 9 da dita resolución, a Xunta de Persoal estivo representada nesta comisión.

Comezou a folga indefinida do persoal Inspector Farmacéutico de Saúde Pública

O persoal Inspector Farmacéutico de Saúde Pública (FISP), iniciaron este mércores 18 de maio a folga indefinida, que foi secundada polo 97% do colectivo.

A Consellería de Sanidade está intentando boicotear o dereito de folga dos Farmacéuticos Inspectores, impoñendo uns servizos mínimos claramente abusivos e desproporcionados, así como reprogramando servizos que non son nin urxentes nin esenciais.

A Xunta inicia o desmantelamento do Centro Galego das Artes da Imaxe

Propón unha redución de máis do 40% do persoal co que chegou a contar


O Centro Galego das Artes e da Imaxe (CGAI) é o único arquivo audiovisual e filmoteca de toda Galiza. Alberga todas as obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego e asume a responsabilidade do apoio á industria audiovisual. Porén corre o perigo de desaparecer, segundo denuncia o sector da Autonómica da CIG-Administración logo de analizar a proposta de modificación de postos de traballo do AGADIC, enviada pola Xunta de Galiza ás centrais sindicais.

Vindeiras actividades formativas forGA e ofertas de emprego

Información que nos trasladan desde forGA Milladoiro relativa ás accións formativas próximas a iniciarse, tanto co-financiada polo Fondo Social Europeo, como a formación non subvencionada.

Do mesmo modo, trasladan tamén información de ofertas laborais que se presentan ao seu servizo de Orientación e que pode resultar de interese. Procúranse prazas de soldador/a, e caldereiro/a para traballar na Coruña. De ser do teu interese, tes que dirixirte a nosa compañeira Madalena Oro, responsábel de Orientación Laboral, no telefone 981939434.

Competencias clave: relacion definitiva de persoas admitidas e excluídas

Está publicada na páxina web da Consellería de Economía,Emprego e Industria a relación definitiva de persoas inscritas admitidas e excluídas ás probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación, segundo o establecido na Resolución do 26 de febreiro de 2016 (DOG do 11 de marzo).

Pódese consultar toda a información relativa a esta convocatoria, incluído un buscador onde se pode consultar o número de porta que lle corresponde a cada participante admitido, no seguinte enderezo electrónico.
 
As probas terán lugar o sábado 21 de maio no pavillón nº1 da Fundación Semana Verde de Galicia en Silleda (Pontevedra).

SPDCIF: Resultados das probas físicas e de agudeza visual incorporados ás listas de contratación

A Consellería do Medio Rural comunicounos que os resultados das probas físicas e de agudeza visual do SPDCIF xa están aplicados ás correspondentes listas de contratación de Función Pública. As ditas probas físicas e agudeza visual tiveron lugar o 3 e 4 de maio. 

Así pois, as persoas integrantes das listas de cobertura temporal do Servizo de Protección e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) poderán desde esa data consultar o seu estado actualizado na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública.

mércores, 18 de maio de 2016

Conciliación na Xunta: acábase co absurdo de non poder flexibilizar os venres pola tarde e pouco máis

Recentemente a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais presentaba un escrito que motivaba as últimas convocatoria da comisión de seguimento de xornada laboral, flexibilidade e teletraballo. 

Na xuntanza da semana pasada da Comisión de seguimento da flexibilidade e do teletraballo, o director xeral de función pública comunicou dous cambios na normativa actual, de todas as peticións das organizacións sindicais feitas na xuntanza anterior. Acábase co absurdo de non poder flexibilizar os venres pola tarde pero este cambio en materia de conciliación é o único que aceptan abertamente respecto a todas as medidas postas enriba da mesa, algo que consideramos insuficiente.

Modificación das RPTs da ATRIGA e da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Achéganos a Administración as propostas de modificación das relacións de postos de ATRIGA e da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. A primeira xuntanza vai ser o mércores 18 para ATRIGA e o xoves 19 para Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (MAOT).

Para calquer observación que nos queras achegar a calquera destas propostas de RPT, estamos á túa disposición.

venres, 13 de maio de 2016

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 19: Riscos novos e emerxentes

http://www.cigsaudelaboral.org/files/documentos/Boletin%20CIG%20Saude%20Laboral%20N%C2%BA%2019.%20Version%20galego.pdf
Clica na imaxe para ver o boletín
Xa está dispoñible para descarga electrónica o número 19 da revista de Saúde Laboral da CIG. Neste número trátanse os seguintes temas:
  • A enquisa sobre os riscos novos  e  emerxentes  nas empresas europeas. Síntese global de resultados
  • Aínda sen avaliación de riscos?
  • As desigualdades na saúde e no traballo: determinantes  sociais.
  • Taboleiro

Asesoramento técnico

Está a disposición a ferramenta “Asesoramento Técnico” que che permite realizarlle consultas on line en materia de prevención de riscos e saúde laboral ao noso Gabinete Técnico. O acceso ao formulario de contacto pode atoparse na  portada da web ou premendo aquí.

Badaladas polo Plan Galego de Prevención do Suicidio ás 20:00h na Praza de Praterías (Compostela)

Concentración o vindeiro xoves, 26 de maio, ás 20:00 h. na Praza de Praterias en Compostela, organizada pola CIG.



O correo corporativo da Xunta será @xunta.gal a partir do 17 de maio

Aviso do CAU para o persoal que teña unha conta @xunta.es

A migración a .gal do correo corporativo é un dos obxectivos sinalados para 2016 no Plan para a migración dos portais e servizos da Administración pública galega ao dominio .gal.

O vindeiro martes 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas e do Día de Internet, este cambio farase efectivo para todas as contas de correo corporativo da Xunta de Galicia.

Así, a partir desta data todos os correos enviados desde contas que ata agora eran @xunta.es xa o farán como @xunta.gal.

En todo caso, seguirá funcionando a recepción dos correos que se envíen ao dominio anterior, co que se recibirán indistintamente os remitidos tanto a @xunta.gal como a @xunta.es

xoves, 12 de maio de 2016

Manifestación 17 de maio en defensa da lingua

Facémosvos un chamamento para que participedes na manifestación, convocada pola plataforma Queremos Galego, da cal forma parte a CIG, en defensa da nosa lingua, sometida a numerosos ataques e persecucións.

Sabemos que soamente coa loita, a mobilización e o uso o noso idioma terá futuro. Maniféstate na Alameda de Santiago, o día 17 de maio, ás 12 horas. Sairán buses de diferentes puntos do País.

Podes asinar o manifesto no seguinte enlace: Ligazón

Apoio á concentración fronte á LOMCE e as reválidas en San Caetano

Un grupo de compañeir@s de Servizos Centrais e Política Social acudiron, tras o acto que tivo lugar no rexistro xeral, a apoiar a concentración contra a LOMCE e as reválidas en fronte da Consellaría de Educación en San Caetano. A todas e todos nos afecta, directa ou indirectamente.

A Plataforma Galega en defensa do Ensino Publico afirmou que tanto a Consellaría como o Goberno galego deberían tomar nota do maioritario rexeitamento do conxunto da comunidade escolar á LOMCE e ás reválidas. Agradece o apoio maioritario das familias e afirma que seguirá coas mobilizacións até a derrogación desta lei antisocial, recentralizadora e discriminatoria.

mércores, 11 de maio de 2016

Informe sobre o abandono e precariedade nos centros de atención directa da Consellaría de Política social

Membros do Comité de Empresa de Política Social da Coruña, acompañados de Suso Seixo (Secretario Xeral da CIG), de  José Vázquez González (Secretario Nacional Sector Autonómica FSP-UGT Galicia) e membros doutros órganos de representación, en apoio, presentaron hoxe no rexistro xeral da Xunta de Galicia o INFORME SOBRE SITUACIÓN DOS CENTROS DE ATENCIÓN DIRECTA (Residencias de Maiores, Centros de Menores e CPAD da Coruña), de POLÍTICA SOCIAL NA PROVINCIA DA CORUÑA.

Axentes Medioambientais denuncian que dispoñen de menos medios humanos que nos anos 80

Alertan da precariedade de medios e recursos para a loita contra os incendios forestais


Axentes Medioambientais de todas as organizacións sindicais veñen de manifestar que comparten coa Xunta De Galiza o obxectivo de reducir os incendios forestais, nesta campaña de verán de 2016, a menos de 678. Porén, advirten de que será “francamente difícil” porque “non se molestan en dotar de novos medios nin renovar os existentes, dos profesionais encargados de dirixir o 99 % dos lumes galegos”.

Resultados das probas físicas e de agudeza visual das listas do SPDCIF

http://mediorural.xunta.gal/nc/areas/forestal/incendios_forestais/probas_fisicas_e_de_agudeza_visual/
A Consellería do Medio Rural comuícanos que xa se poden consultar os resultados das probas físicas e de agudeza visual celebradas os días 3 e 4 de maio de 2016. Podedes atopalos na páxina web da Consellería do Medio Rural (NO APARTADO DE AVISOS, FORESTAL) ou na seguinte ligazón.

Recordamos que os chamamentos faranse a partir do 3 e 17 de xuño, respectivamente, en función de que se traten de prazas non vacantes ou vacantes.

martes, 10 de maio de 2016

Presentan un informe que detalla o "abandono e deterioro" nos centros de atención directa de Política Social

O Comité de Empresa de Política Social da Coruña, CONVOCA ROLDA DE PRENSA, para presentar maña mércores 11 de maio de 2016 o INFORME SOBRE SITUACIÓN DOS CENTROS DE ATENCIÓN DIRECTA (Residencias de Maiores, Centros de Menores e CPAD da Coruña), DE POLÍTICA SOCIAL NA PROVINCIA DA CORUÑA.

A situación de deterioro e abandono destes centros ten chegado a unha situación alarmante e os recortes e non cobertura de postos de traballo amenazan a calidade das prestacións e o mantemento dos servizos básicos a prestar aos usuarios. Hai que ter en conta que durante os dous mandatos de Nuñez Feijoo non se abriu nengunha residencia de maiores, nengún centro de menores nin nengunha escola infantil. Nestes anos de goberno do PP, todo foron privatizacións e recortes para os orzamentos dos centros de atención directa.

luns, 9 de maio de 2016

Adianto do calendario laboral galego para 2017

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2LWVDb3VvanBaMXM/view?usp=sharing
Pica na imaxe para descargar
No 2017, ao caer o 24 e 31 de decembro en domingo,  haberá dous días moscosos adicionais.

No Consello da Xunta do 04/05/2016 informouse o calendario laboral para 2017 no que se volverá incluir como festivo propio o 17 de maio (Día das Letras galegas), desta volta en sustitución do 1 de xaneiro que caerá en domingo. Por outra banda, non se exerce a facultade de sustitución e se mantén como festivos no noso país: o 6 de xaneiro, o xoves santo (12 de abril) e, por suposto, o 25 de xullo (Día Nacional da Galiza).

A estes hai que engadir os 8 festivos na totalidade do estado español,  non sustituíbles: Venres Santo (13 de abril), 1 de maio (Día Internacional da clase obreira), 15 de  agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. Restan tamén outros 2 festivos por cada término municipal que elixen os concellos.

A Xunta segue sen querer cubrir o 100% das prazas do servizo contra incendios forestais

Comunicou Medio Rural que actualmente teñen sen cubrir 127 prazas (vacantes e non vacantes) das cales só se comprometen a cubrir de cara a temapada de alto risco de incendio o 50%... polas limitacións que lle pon Facenda, di Medio Rural, iso si, sen detallalas. 

Recordamos que a contratación de persoal temporal ou chamamento de persoal interino adscrito ao Servizo de Defensa contra Incendios Forestais está excepcionado dos límites orzamentarios aos chamamentos temporais debido ao seu carácter de servizo de emerxencias. Se nos servizos de emerxencia xa só queren cubrir o 50%, xa podedes imaxinar como está o resto.

Calendario de cobertura de prazas SPDCIF

A comisión do día da marmota das instrucións de permisos, vacacións e licenzas

A semana pasada tivo lugar a consitución da comisión de seguimento de permisos, vacacións e licenzas que xa abordou as primeiras problemáticas, relacionadas sobre todo co persoal que traballa a quendas. Ao final, queda o director xeral da Función Pública en "estudar" os temas pero como tal a comisión, aínda que paritaria na súa composición, non chega a votar ningunha proposta.

Recorda un pouco ista táctica do día da marmota de "ímolo mirar e vos diremos algo" ao que pasou recentemente coa comisión da flexibilidade e teletraballo, que dixeron tamén que ían mirar as propostas da Xunta de persoal e nos dirían algo... entendemos que antes das eleccións.

Resumo da xuntanza de pluses do convenio colectivo do persoal laboral

A semana pasada tivo lugar unha xuntanza para incorporar varios pluses salariais a varios postos de persoal laboral consonte ao convenio colectivo. Os órganos afectados eran o AGADIC e os órganos superiores da Presidencia.

A AMTEGA pasa do persoal informático da Xunta

O día 12 de febreiro houbera unha reunión coa AMTEGA na que se falou da súa RPT, do vindeiro concurso de traslados e da homologación salarial do grupo III-091. Quedaron en varias cuestións pendentes, que nos ían reunir en marzo e patatín e patatán e a día de hoxe seguimos sen resposta. Iso sí, o que lle interesaba que era a modificación puntual da RPT "ad hoc" para traer unha persoa do concello de Santiago, iso si que foi rápido e xa está finiquitado.

A semana pasada diriximos un escrito ao Xerente cos seguintes puntos:

Parar a LOMCE e as reválidas: 11 de maio concentración en San Caetano

O mércores, 11 de maio, terá lugar unha concentración diante da Consellaría de Educación, data na que se incian as probas das reválidas en primaria.
 
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG, continúa na loita contra a LOMCE e vén de pór en marcha a campaña contra as reválidas para que as familias non envíen os seus fillos ou fillas a facer as probas xerais de primaria.

Ademais, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está a distribuír entre as familias un modelo de escrito dirixido ás direccións dos centros, para amosar o seu rexeitamento ás probas (achegamos o modelo).
 

Apertura do prazo de petición de cita previa para Renda 2015

O mércores 4 de maio iniciouse o prazo de petición de cita previa para a confección de declaracións e modificación de borradores en oficinas da Axencia Tributaria e outras Administracións. Podedes solicitar cita por Internet, en calquera momento do día, ou chamando aos teléfonos 901 22 33 44 ou 91 553 00 71 de luns a venres, en horario de 9 a 19 horas.
 

Axentes medioambientais alertan de que o dispositivo contra incendios forestais non está preparado

Os e as profesionais prevén unha campaña de verán “complicada” en Galiza


A piques de cumprirse unha década do triste e fatídico verán do 2006, cando os incendios forestais arrasaron os montes galegos, as e os Axentes Medioambientais veñen de alertar dunha campaña de verán complicada porque, segundo afirman, o dispositivo non está preparado para afrontar unha vaga de incendios forestais como a de aquel ano.

venres, 6 de maio de 2016

O persoal farmacéutico inspector da Xunta irá a folga indefinida

Denuncian que nestes momentos Galiza conta só con 62 profesionais para realizar todos os controis, un 38% menos que en 2006


As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSI•F e UGT veñen de convocar folga entre o persoal Farmacéutico Inspector de Saúde Pública para reclamar medios materiais e humanos e unha mellor organización do servizo que permita garantir a correcta vixilancia sanitaria. O paro dará comezo o 18 de maio, e desenvolverase todos os luns, martes e mércores de xeito indefinido.

mércores, 4 de maio de 2016

A Xunta convoca oposicións para 33 prazas ofertadas en 2014 e 2015

Nunha nova nota de prensa a Xunta volve buscar tallada electoral cos procesos selectivos.


Entre onte e hoxe publicáronse no DOG as convocatorias de procesos selectivos de varias escalas: enxeñería industrial, enxeñaría técnica industrial, bioloxía, química, estatística e letrados/as. Estas convocatorias derivan das ofertas de emprego público sen executar do 2014 e 2015 e con sorte rematarán os procesos no 2017. Desde logo, o sistema de reforzo dos recursos humanos non semella moi eficiente con semellante marxe temporal.

Moita variedade pero pouca praza por escala ou especialidade, para as cales se require titulación universitaria específica salvo para estatística que vale a de calquera rama. Para acceso libre son 21 prazas e as 12 restantes para a quenda de promoción interna. As prazas reservadas ao sistema de promoción interna que non se cubran acumularanse á quenda de acceso libre. En calquera caso, tendo en conta a elevada privatización de traballos técnicos na Xunta, estes números quédanse pequenos respectos as verdadeiras necesidades que, como dicimos, son cubertas habitualmente con contratas con empresas privadas ou encomendas de xestión.

Acreditación da experiencia profesional: publicada a relacion provisional de persoas admitidas e excluidas probas competencia clave

O prazo para presentar alegacións a listaxe provisional remata o 10 de maio.


Con data de 4 de maio, publicouse na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria a relación provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas ás probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación, segundo o establecido na Resolución do 26 de febreiro de 2016 (DOG núm. 41 do 11 de marzo de 2016).

martes, 3 de maio de 2016

RPT persoal funcionario non docente destinado en centros de ensino: aprobada na Comisión de Persoal co voto en contra dos sindicatos

O venres 29 de abril houbo Mesa Xeral onde se levou a RPT de centros de ensino. A Administración presentou unha proposta con moi poucas modificacións con relación ás ultimas xuntanzas: a do 23 de febreiro e a do 1 de marzo. Para a Comisión de Persoal do 2 de maio a documentación foi a mesma que a da Mesa Xeral, aínda que comunican algúns cambios(*)

Antes de iniciar a votación, a CIG solicitoulle ao director xeral a retirada deste punto da orde do día a través dun escrito rexistrado no que se denuncia a pretensión de amortizar 42 postos por, según os responsables da consellería, non ter dotación orzamentaria ao ser utilizada esta dotación para outros fins, sen que pasase por ningunha mesa de negociación. Apróbase co voto en contra das catro organizacións sindicais.

luns, 2 de maio de 2016

Regreso ao pasado: nómina do mes de abril (voltamos a 2012 e 2013 na Xunta de Galiza)

Coa nómina deste mes (para as persoas que aínda seguen traballando na Xunta) pagouse un 25% da paga extra de Nadal de 2012 e xa imos polo 75% recuperado (mentres ás compas do Estado xa lle devolven con esta nómina a totalidade do 100%). Ademais, deuse a circunstancia de que algún persoal funcionario que foi á Xustiza respecto da eliminación dos complementos específicos das extras de 2013 tamén lle abonaron estes nunha nómina adicional. Porén, outra xente aínda segue agardando pola execución da sentenza pois os xuros de demora non saen dos petos dos irresponsables políticos que causaron a desfeita.

Si, o impacto de recibir unha nómina máis alta do habitual, así sen esperalo, causa alegría, e dúas xa nin contamos, pero non nos esquezamos: 1) de que o diñeiro era noso, que llo prestamos á forza sen xuros e 2) de como chegamos aquí, do que houbo que pelexar, e aínda se está a pelexar con estes temas, e canto tempo pasou desde entón.

Convocatoria Bono Concilia: axudas económicas para cubrir a falta de escolas infantís públicas

Tralas convocatorias en marzo, convócase agora as axudas económicas para as nais e pais que non obtivera praza en calquera tipo de escola sostida con fondos públicos (e marcase a opción Bono Concilia) ou en sitios onde nin sequera haxa estas escolas infantís.

Isto de quedar sen praza na pública (ou na concertada) é algo habitual e que se repite ano tras ano; este ano son 3.300 nenas e nenos segundo os datos que sairán publicados o martes 3 de maio. E iso, a pesar da baixa taxa de natalidade que temos; a falta de servizos públicos e de medidas de conciliación ten moito que ver.

Demóstrase necesario reforzar a rede galega pública de escolas infantís (e de persoal público) e implementar medidas de conciliación en serio, senón iremos camiño de ser un país de persoas maiores. O contrario é apostar pola subvención dos servizos privados, no canto de potenciar os servizos públicos, camiño que está levando tamén a sanidade e a ensinaza.