Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 20 de maio de 2016

Que demo lle pasa á Xunta co persoal laboral?: concurso de traslados e outras

Resulta que di o director xeral da Función Pública que, agora si que si, que vai mandar "nos próximos días " as propostas das bases do concurso de persoal laboral (grupos IV e V). Tamén avanzou que, no mesmo prazo, vai mandar a proposta de refundición das categorías dos grupos IV e V e seguramente acabará caendo as do grupo III pero que "vai tardar un pouco máis de tempo" polas "dificultades que presenta".

Isto é unha vergonza e non ten outro nome. Canto tempo levamos xa escoitando falar do concurso do persoal laboral? E do concurso permanente? Se ata se pasan o convenio e os prazos polo forro, o cal xa non é de estrañar vendo os artigos que teñen suspendidos e os dereitos que nos quitaron ou nos queren quitar co das "X" ou non negociar as carteleiras.  O último concurso foi no 2010 (para grupo V) e 2011 (para o resto dos grupos) e agora veñen tarde e só co do V e do IV, que é o único que teñen previsto convocar.

Do da refundición, que miramos con certa desconfianza tendo en conta o enfoque privatizador deste Goberno, fala de que "van tardar un pouco máis de tempo". Recordamos que disto das "refundicións" mandaran xa a primeira proposta... a finais do 2014!

Do que xa non fala é de cando vai convocar a OPE 2016, que diante dos medios dixo que ía mandar borradores antes do verán e convocar á volta, jajaja, xa vemos, xa. Iso por non falar de que non hai oposicións de persoal laboral (nin promoción interna) desde vai 10 anos e van agora e ofertan só para grupos IV e V de acceso libre e... promoción interna! Isto é como se nas vindeiras probas de promoción interna de persoal funcionario só houbera probas desde persoal subalterno ao subgrupo C2. Un escándalo.

Total, que que demo lle pasa a Xunta co persoal laboral? Pois seguramente igual que co persoal funcionario, que aos poucos, aínda que de xeito máis descarado, quere acabar con todo o que non sexa de designación política e que o fagan empresas privadas, cobrando menos o persoal, e levando os cartos o cuñado. Contra a imposición e o pasotismo, mobilización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario