Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

xoves, 16 de febreiro de 2017

A nova lei de emprego público de Galiza dispara as comisións de servizo na Xunta

Os datos son esmagadores: móvese máis xente a través das comisión de servizo que nos escasos concursos de traslados; ao final o extraordinario convértese en ordinario e viceversa.

As causas de tal distopía atopámola nunha mala regulamentación das comisións de servizo, na escasa convocatoria de concursos de traslados e na aplicación da nova lei de emprego público.

Da mala regulamentación das comisións de servizo xa temos falado extensamente; unhas instrucións de 2006 (modificadas posteriormente no 2008) que o único criterio obxectivo que establece é a prioridade para cubrir os postos temporalmente polas persoas que pertenzan á mesma unidade. En calquera caso, a ausencia dunha boa regulamentación, ou a burla desta coas míticas comisións cruzadas, non xustifica que se aplique a arbitrariedade no caso da discrecionalidade e que non se motiven as resolucións, non se fagan públicos os baremos nin as adxudicacións, provocando unha enorme indefensión nas persoas participantes, por non falar da vulneración de importantes principios do acceso aos postos públicos.

Por outro lado, temos que as convocatorias dos concursos de traslados son irregulares e maiormente escasas, algo do que saben ben, sobre todo, entre o persoal laboral e o persoal de escalas e/ou corpos especiais. A antiga lei falaba de convocatorias anuais, e o pasaban polo arco do triunfo; o convenio colectivo fala de concurso permanente e o pasan polo arco do triunfo. Xurídicamente o seu arco do triunfo é disimulado detrás da "potestade autorganizativa" da Administración, lesionando sen xustificación motivada concreta os nosos dereitos de mobilidade e promoción profesional. E o peor é que logo sacan a lingua a pacer e falan dos moitos concursos que fan ou dos moitos máis que van facer.

Dende logo, os concursos permanentes solucionaría moitos dos problemas de recursos humanos desta Administración dun xeito obxectivo e en condicións de mérito e igualdade, como debera ser nunha "Administración moderna" da que tanto lles gusta presumir, pero na que siguen instaladas as mesmas prácticas caciquís de toda a vida.

A nova lei de emprego público veu a enquistar aínda máis o problema e a engordar os milleiros de comisións de servizo por ano, tamén entre os postos de máis alto nivel. Antigamente era habitual o nomeamento en comisión de servizo durante máis do tempo necesario para convocar e resolver as libres designacións (LD). Isto facíase porque así a persoa en comisión non perdía a propiedade do seu posto de orixe (habitualmente unha sección), posto que non saía a concurso e que acababa tamén dentro do mercado negro das comisións de servizo.

Co novo texto de lei de emprego público esto xa non é necesario. A Disposición  Transitoria Terceira vén de reservar con carácter xeral o seu posto de orixe a todas as persoas que sexan nomeadas en  postos directivos, entendendo como tales, as vicesecretarías, subdireccións, secretarías provinciais e mesmo xefaturas territoriais. Loxicamente esto non ten efecto retroactivo e a reserva só opera para os nomeamentos en LD posteriores a entrada en vigor da lei. Co que non é de estrañar que en algúns casos perviva a práctica nociva da "reserva encuberta" mediante o nomeamento en comisión de servizos neses postos no lugar do seu nomeamento, como correspondería de acordo á lei, en LD.

Por outra banda, aumentou tamén a bolsa de comisións de servizos entre as xefaturas de servizo pois xeneralizouse en RPTs o uso do "concurso específico" como sistema de provisión destes postos (artigo 91 da lei), que tamén analizamos no seu momento. Ao converter un posto de LD en concurso específico, a persoa pasa a estar en comisión de servizos nese posto, pendente dun concurso específico que nin está nin se lle agarda... bastante crítico polo alto peso de criterios subxectivos para a súa cobertura (ata o 45%) pero que non teñen vontade de levar a cabo. 

Esta paralización ten dous efectos: 1) as persoas en comisións de servizo neses postos LD non van acabar consolidando o grao mentras non cheguen a ocupalo de forma definitiva e 2) quedan bloqueados, no caso de habelos, os seus postos de orixe, que non saen a concurso pero entran, igual que no caso anterior, nese mercado negro sen fin das comsións de servizo encadeadas.

A lei en si xa é máis difícil de cambiar pero o que si poden facer desde a propia Administración e de xeito inmedidato é aplicala: 1) nomeando a quen están nun posto en LD en LD, 2) levando a cabo o concurso específico, 3) respectando o dereito á mobilidade e convocando os concursos ordinarios precisos para cubrir as vacantes; nós apostamos polo concurso permanente, o caso é o que o director de Función Pública tamén, e non sabemos por que non o fai e 4) regulamentando a concesión das comisións de servizo para que respecten os principios de dereito administrativo máis elementais como son a igualdade, obxectividade, transparencia e publicidade (tamén da resolución e non só da convocatoria).

Ningún comentario:

Publicar un comentario