Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 4 de outubro de 2017

Cesan 436 traballadores/as do SPDCIF en época de risco de incendio e manteñen persoal privado das brigadas

A CIG reclámalle á Xunta que amplíe os contratos a 9 meses e os equipare ao resto de empregados/as


O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a Xunta vén de cesar na súa actividade a 436 traballadores/as propios/as do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) a pedar de atoparnos en plena época de risco de lumes mentres mantén contratado o persoal privado das brigadas heliotransportadas. Dende a central reclámanlle á Consellaría de Medio Rural que amplíe estes contratos a nove meses para equiparalos ao do resto de empregados/as.

Segundo sinalan dende a CIG-Administración, como cada ano coa chegada do outono e co remate do “alto risco institucional -ao parecer só haberá lumes de xullo a setembro-” Medio Rural despreza os recursos propios co cesamento de 436 traballadoras/es “unha vez retirados os focos de atención sobre a enfermidade crónica que padece Galiza cos lumes forestais”.

Lembran que con esta son xa seis campañas dende que a Consellería institucionalizou a precariedade e a sen razón coa creación das prazas de tres meses de duración, “para as que nunca sequera sacou proceso selectivo, non recollidas en convenio e condenadas, tanto prazas como persoas, ao abandono administrativo e laboral na invernía”.

Ademais, critican que mentres rematan cos empregos do persoal laboral da Xunta continúan os contratos das brigadas helitransportadas privadas, “ás que se lles aumentaron nos dous últimos anos tanto as funcións como a duración dos contratos”.

E isto a pesar de que a desestacionalización dos lumes, a nova tipoloxía destes que os converte en máis virulentos e perigosos para a poboación debido tanto aos condicionantes do medio e atmosféricos como á nova distribución das edificacións rurais -onde a combinación do abandono do territorio e a irrupción das urbanizacións en terreos ó pé dos montes- aumentou a perigosidade dos lumes de xeito alarmante. “A Consellaría do Medio Rural opta pola infrautilización do dispositivo propio, ao que manda para a casa nun tempo onde ao baixar a presión dos lumes estivais se poden facer os traballos imprescindíbeis de prevención para os que sequera ten un plan”.


As emerxencias non entenden de horarios


Sosteñen que como parte do servizo de emerxencias que é o SPDCIF, a posibilidade de atender emerxencias amplíase a todo o ano, dado que estas non entenden de horarios laborais. “Non entendemos nin compartimos a figura do reforzo, e como dispositivo de emerxencias reivindicamos e esiximos a maior cobertura posíbel nun servizo que conta con todos os medios para realizar estas tarefas ao longo do país, servizo para o que son imprescindíbeis estes traballadores/as que veñen de ser despedidos/as”.

Ademais, lamentan que Medio Rural sitúe ao persoal do reforzo do verán nun camiño sen saída, nunhas prazas creadas con eventualidade para converterse nun mal crónico, “deixando a estes/as 436 compañeiros/as nunha situación de alegalidade ao non figurar sequera no convenio colectivo, fomentando neste caso a propia Administración unhas condicións salariais de absoluta precariedade”.

Diante disto, dende a CIG esixen que se amplíen estes contratos a un mínimo de nove meses e que estes/as empregados/as sexan equiparados/as a todos os efectos ao resto de persoal do SPDCIF, “xa que economicamente é viábel e operativamente necesario”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario