martes, 30 de xaneiro de 2018

A Xunta defende prescindir de limpadores e subalternos para "solucionar o transporte en Galicia"

Esa é a resposta oficial da Consellaría de Infraestruturas e Vivenda á nosa denuncia sobre a nova subdirección de tan só 4 postos que pretenden crear en RPT e pola que lle preguntou Galicia Confidencial.

Na nosa denuncia inicial (que tamén recolleu o mesmo medio) criticábamos a inversión xeneralizada da pirámide dos recursos humanos na Xunta de Galiza e a falta de racionalización nas estruturas que logo compensan con recortes nas RPTs por abaixo; eliminan postos base que se cubren por concurso para crear postos altos que se cubren por libre designación. E o que eliminan como prestación directa, acaba sendo subcontratado. Nada criticábamos de que for unha subirección dun só posto, como se defende a consellaría; de feito xa decíamos nós que eran só 4, número que nos parece moi pequeno para crear unha subdirección.

A nova "Subdirección de planificación técnica do transporte" deriva das “necesidades de reorganización do conxunto do transporte público por estrada en Galicia no 2019”; esa é a xustificación para ter que crear a nova subdirección. A ver, retranqueiramente, que se é por solucionar os enormes problemas do transporte terrestre no noso país, coa súa dispersión xeográfica, trazados decimonónicos, estradas en mal estado, etc... ben podían crear ata unha axencia, coa súa presidencia, consello reitor, co seu equipo directivo, xerencias, xefaturas de área e xefaturas de departamento e facer logo uns bos contratos de asesoría e informes técnicos a algunha empresa de Madrid. Por certo, para ser esta unha subdirección técnica, só aos dous postos de libre designación se lle pide titulación técnica e "coñecementos do transporte terrestre" como mérito. Non hai máis técnicos/as que o persoal de libre designación.

En calquera caso, non só é das subdireccións máis pequenas da Xunta senón tamén a máis pequena desta consellaría. Xa reflexionábamos na nota anterior sobre qué sentido ten facer subdireccións tan pequenas, que moito racionalizar as RPTs pero nada os Decretos de estrutura. Non deberían ter as subdireccións que sexan creadas de novo un límite mínimo de postos baixo a súa dependencia para desenvolver correctamente o seu traballo? O contrario leva logo a subcontratar, encomendar ou encargar o traballo a persoal externo... que llo digan senón á AMTEGA, Medio Rural ou Medio Ambiente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario