Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 15 de febreiro de 2018

Miles de traballadores/as de xustiza maniféstanse nas sete cidades galegas

A pesar do seu compromiso, a Xunta aínda non convocou unha nova xuntanza para seguir negociando. Ao remate das manifestacións deuse lectura ao comunicado de apoio á folga emitido pola xunta de Persoal funcionario dos servizos centrais da Xunta


Miles de traballadoras e traballadoras da xustiza participaron este xoves nas sete manifestacións convocadas por todo o país para esixir á fin das discriminacións laborais e salariais. As marchas realízanse xusto cando se cumpre unha semana do inicio da folga indefinida que segue a rexistrar un seguimento masivo e ten paralizado o sector.

As manifestacións partiron dos xulgados das sete cidades e, ao berro de "Rueda escoita, xustiza está en loita","Alfonso Rueda mentireiriño maior, como sigas troleando vas ser peor que Feijoo" ou "onde están que non se ven, os cartos roubados das ITs", marcharon polas rúas baixo a choiva até rematar diante dos edificios administrativos da Xunta, agás en Compostela, onde a protesta finalizou diante da EGAP.

Nesta nova xornada de folga mantense a tónica dos días anteriores e hai un seguimento do paro indefinido de arredor do 90%. Porén, a última hora da mañá do xoves non se tiñan noticias da Consellaría de Xustiza, a pesares do compromiso de convocar unha nova reunión ao longo desta semana para seguir negociando e das afirmacións que a Xunta fai a través da prensa sobre a súa disposición ao diálogo.

"A este paso imos ter que convocar nós outra vez á Xunta, o nunca visto nun conflito destas características. Isto demostra cal é vontade real de negociación que teñen", aseveraba o secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez.

Neste senso, lembrou que a pesar dos intentos da Xunta de terxiversar as informacións sobre os motivos que levaron ao persoal de xustiza a ir á folga indefinida e pretender centrar o conflito na cuestión económica, "a nosa plataforma leva cinco puntos reivindicativos". Alén da subida do CAT (Complemento Autonómico Transitorio) que foi duramente recortado entre os anos 2013 e 2016, entre as demandas do conxunto dos traballadores e traballadoras están as referidas ás amortizacións e a consolidación de prazas, xa que nos últimos anos esta administración sufriu unha severa redución de persoal, sendo a xustiza galega unha das máis colapsadas do estado.

Entre as reivindicacións tamén se atopa rematar cos descontos que sofre o persoal da xustiza cando está de baixa por enfermidade común, e que non se lle aplican a outro persoal dos xulgados (como maxistrados/as, letrados/as ou fiscais) ou que se pague o 100% das coberturas.


Apoio do comité de servizos centrais da Xunta


Ao remate das manifestacións deuse lectura ao comunicado de apoio á folga emitido pola xunta de Persoal funcionario dos servizos centrais da Xunta, a través do que queren amosar a solidariedade e fraternidade co persoal de xustiza e ao tempo facer un chamado ao funcionariado da administración galega a participar nas accións que se leven adiante.

Neste senso, declaran a loita do persoal de xustiza "como unha loita propia" de todas as empregadas e empregados públicos contra os recortes laborais, salariais e sociais aplicados polo Goberno galego nestes últimos anos. Por iso, dende o órgano de representación do persoal funcionario reclaman da Xunta que recupere "todos e cada un dos dereitos perdidos e que se abra canto antes unha mesa de negociación a este respecto".

E de non atenderse estas demandas, a xunta de persoal non descarta iniciar un calendario de mobilizacións "co obxectivo de recuperar os nosos dereitos laborais, un por un, sen esquecernos de ningún, porque estamos fartos e fartas de escoitar que xa non hai crise e seguir padecendo recortes que non fan máis que socavar a nosa dignidade como traballadores e traballadoras dos servizos públicos", e engaden, "de tantos anos de insultos por parte desta Xunta de Galiza mentireira e privatizadora, fartos/as de políticas de desmantelamento dos Servizos Públicos Galegos".

Fonte

Ningún comentario:

Publicar un comentario