martes, 13 de febreiro de 2018

Reunións "secretas" entre Función Pública e os sindicatos asinantes da estabilización

Segundo a información que envían desde algún dos sindicatos asinantes do Acordo de estabilización, estes tiveron unha xuntanza con Función Pública, da que só un destes dá información, e na que distribuiu a primeira listaxe de postos de traballo que entran dentro dos requisitos do dito acordo.

Dende a CIG denunciamos este tipo de reunións "secretas" e xa puxemos en mans da nosa Asesoría Xurídica esta cuestión. Para maior conculcación dos dereitos de representación e negociación colectiva, non só non se nos convoca, nin se nos da información, senón que mesmo se nos prohibe o acceso ao buzón de postos.

Se asine ou non un acordo, a CIG, como sindicato maioritario no ámbito da Función Pública galega, ten que estar presente para que estas non sexan reunións ocultas e para que non se vulnere o establecido no Título III do EBEP, e VII da LEPG, así como o V Convenio Colectivo e toda a normativa laboral.

Queremos transparencia e publicidade e non negociacións secretas onde se ocultan os acordos e os criterios de determinación dos postos sometidos a este novo proceso de estabilización. Por que se prohibe a nosa presencia? Que pretenden ocultar?

Temos afirmado en innumerábeis ocasións que nunha Administración com máis de 4.000 persoas interinas ou con contratos temporais, onde non hai procesos selectivos, nin reposición de postos estruturais, ou se aborda este problema na súa globalidade ou estabilizar menos de 300 postos vai supoñer non querer solucionar nada no relativo á temporalidade do emprego público na Administración xeral da Xunta de Galiza.

E o que tamén teñen que ter en conta aquelas persoas que vexan o seu posto nesas listaxes, sen que se saquen todos os postos vacantes, é que a eses postos pode concorrer calquera persoa que cumpla os requisitos. Ademais que se lle vai puntuar o tempo traballado nesa categoría, corpo ou escala a toda aquelas persoas que prestaren servizos, sexa con contrato temporal, indefinido ou interinas, en calquera Administración Pública. Porén, os postos que van saír para a toma de posesión das persoas que aproben estes futuros procesos de estabilización, van ser única e exclusivamente os desta listaxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario