Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 5 de xullo de 2018

CCOO e UGT contribúen a perpetuar a reforma laboral e as políticas neoliberais máis duras co asinamento do IV AENC

O documento final dá vixencia aos aspectos máis negativos do III Acordo, dificultando así a recuperación dos dereitos


Coa sinatura este xoves do IV Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva, CCOO e UGT escenifican o seu papel máis derrotista e a súa renuncia expresa a loitar pola recuperación dos dereitos laborais, salariais e sociais roubados á clase traballadora. Os termos do acordo asinado hoxe son basicamente os mesmos que xa valoramos o 25 de xuño, mais cun agravante que non figuraba no preacordo: a prórroga do III Acordo (2015-2016-2017). Esta incorporación na acta final supón o entreguismo absoluto por parte dos sindicatos españois ao marco de relacións laborais creado a raíz da reforma laboral do PP de 2012 e á política económica neoliberal máis dura.
 
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, resulta especialmente grave que se reviva o III AENC en pleno ano 2018, cando "existe un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora, o deterioro dos dereitos laborais é enorme, e a pobreza laboral e as novas formas de explotación están moi asentadas".

Carril denuncia que CCOO e UGT lexitiman e perpetúan no IV Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva a reforma laboral do PP, dándolle vixencia a aspectos do anterior pacto tan negativos para a clase obreira como:


  • Fomento da precariedade, a temporalidade e a subcontratación.
  • Promoción da explotación xuvenil sobre a base de validar os plans e políticas de emprego xuvenil actualmente en vigor e que fan da nosa mocidade man de obra barata e sen dereitos.
  • Fomento das suspensións colectivas de emprego e reducións de xornada.
  • Apoio e promoción dos plans privados de pensións.
  • Establecemento de instrumentos de flexibilidade da condicións de traballo en cuestións clave como mobilidade funcional, xornada de traballo e inaplicación de condicións laborais.
  • Desmantelamento das coberturas nos convenios colectivos por incapacidade temporal, vinculándoas á perversidade dos pluses de absentismo. Ao tempo neste novo acordo non se contempla ningunha medida para facer fronte á política de acoso das mutuas ou ás altas indebidas á traballadores e traballadoras doentes de enfermidades profesionais, accidentes laborais ou enfermidade común.
  • Seguindo o camiño marcado no III AENC, a sinatura do novo acordo afonda no desmantelamento da negociación colectiva, aceptando a dinámica da ultraactividade aprobada na reforma laboral do PP, así como chamando a acordos parciais que rachan a unidade e integridade dos convenios colectivos.

Renuncia de CCOO e UGT á loita pola recuperación dos dereitos


En definitiva, subliña Paulo Carril, coa sinatura do IV Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva, CCOO e UGT lexitiman e consolidan a reforma laboral na súa peor versión. "Fronte á propaganda que fan en público, estas centrais sindicais demostran a súa inutilidade para a clase traballadora, pois co seu entreguismo están avalando os intentos de facer permanente a reforma laboral do PP e aceptan as lóxicas neoliberais que xa vimos no acordo de función pública, cando, por exemplo, se liga salarios a produtividade e resultados do absentismo".
    Estas centrais sindicais demostran a súa inutilidade para a clase traballadora, pois co seu entreguismo están avalando os intentos de facer permanente a reforma laboral do PP

Renuncian expresamente a loitar pola recuperación de dereitos laborais, salariais e sociais da clase traballadora afondando no empobrecemento xeneralizado e a precariedade, ao pactar unha suba de arredor do 2%, cando a perda de poder adquisitivo, desde 2009, foi de preto do 16%. Ademais, mentres continúan a desligar os incrementos salariais do IPC e se elimina as cláusulas de revisión, CCOO e UGT validan un sistema mixto de suba dos salarios, no que se marca un 1% variábel ligado á produtividade e ao absentismo. Polo tanto, as melloras retributivas das que tanta propaganda fan na realidade traduciranse nunha perda maior do poder adquisitivo dos salarios.

A estas centrais sindicais estatais tampouco lles treme á man á hora de dar carta branca á patronal para fomentar a subcontratación, os descolgues de convenio, os EREs e a flexibilidade; consolidar a centralización da negociación colectiva, non establecer mecanismos automáticos para garantir a ultraactividade dos convenios; e non se toman medidas reais para promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

O Acordo afonda na precarización


Neste senso, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, destaca que outro  aspecto importante do acordo é que afonda nos contratos a tempo parcial como mecanismo de axuste das empresas. "Mecanismo este, engade, que durante estes anos de crise acrecentou os baixos salarios, a fraude nas horas extras e na Seguridade Social. Algo que demostra que non hai ningunha intención de loitar contra a economía somerxida, senón de someter a clase traballadora nun modelo económico baseado no escravismo laboral e o aumento das e dos traballadores pobres".

"Coa sinatura deste acordo, o único que fan CCOO e UGT é renunciar a mobilización social e someterse aos intereses da patronal", sentenza Carril. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario