Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 24 de abril de 2019

Os concursos permanentes ou como rematar co caciquismo na Xunta

Imaxinade que queda unha vacante nun lugar que vos interesa ou hai un posto de nivel apetecible. Imaxinade que a solicitades e imaxinade que a solicitan 9 persoas máis. Ata aquí nada difícil de imaxinar. Agora ben, imaxinade que o posto llo asignan a persoa que teña máis puntos segundo o baremo do último concurso. Imaxinade tamén que se puidera actualizar ese baremo no primeiro trimestre de cada ano. Poñede ese baremo nunha disposición xeral e teríamos un concurso permanente.

Na antiga lei da Función Pública se recollía que os concursos de traslados serán anuais e nunca se cumpriu; na actual, os concursos non se enfocan como un dereito senón un sistema de xestión de recursos humanos e proba disto é que borraran calquera referencia temporal. Iso cando non o enfocan como unha ferramenta de propaganda eleitoral. O V Convenio Colectivo do Persoal laboral si chega a falar do concurso de traslados permanente pero dado o xiro da funcionarización, a Xunta non parece interesada en permitirlles tampouco a mobilidade.

A realidade diaria son moreas e moreas de comisións de servizo e adscricións temporais ditadas con absoluta arbitrariedade (salvo no persoal laboral que teñen como criterio obxectivo a antigüidade e a pertenza ao centro – e aquí si se cumpre, non como no persoal funcionario-). Só en 2018 houbo 1924 anuncios de comisións de servizo para persoal funcionario. Así pois, aínda esquecendo o concurso como dereito, sí que semella necesario un concurso como sistema de xestión ordinaria dos recursos humanos.

Pero desde a CIG reclamamos que o concurso se interprete tamén como un dereito: un dereito á mobilidade, a conciliación familiar e á carreira profesional, que a día de hoxe, é a única forma obxectiva de conseguir un posto de maior responsabilidade e retribución. E un dereito cunha frecuencia regular na súa convocatoria e para todas as traballadoras e traballadores públicos, que parece que fóra dos corpos xerais o concurso de traslados é algo aínda máis extraordinario se cabe, igual cada 10 anos, con sorte.

Anunciou o director da Función Pública que para o persoal funcionario haberá concurso para maio de 2019 mais está a cousa parada desde finais de marzo e aínda convocándose en maio serían 4 anos desde a anterior convocatoria; inasumíble.  Anunciara tamén o conselleiro en 2015 que os concursos na Xunta serían  "máis áxiles, sinxelos e con maior periodicidade" mais agora o que temos, case 4 anos despois, é un borrador dun concurso ordinario e un borrador tamén dun decreto de provisión que fala de que "poderá" haber concursos abertos e permanentes.

Nós propoñemos un concurso permanente e aberto para todas as traballadoras e traballadores públicos por dous motivos: 1) garante a cobertura baixo demanda de postos públicos por criterios obxectivos e 2) non se producen desequilibrios organizativos na Administración autonómica ao andar saltando de posto a posto ao mesmo tempo centos de persoas.

Estes dous aspectos non só son bos para a gran maioría de traballadoras e traballadores públicos que poden facer carreira administrativa sabendo ao que aterse e con certas garantías, senón tamén para a cidadanía que recibe un servizo profesional e independente. Non entendemos que a Xunta poña por diante os seus intereses de seguir controlando caciquilmente a cobertura dos postos de concurso por diante, xa non dos nosos dereitos, senón do bo funcionamento da Administración e das garantías de servizo á cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario