martes, 24 de setembro de 2019

O pesadelo de preparar as oposicións á Xunta: OPE do 2014 e pendentes de elexir destino

A raíz da última reunión da comisión de seguimento do acordo de concertación social, déronlle aos sindicatos asinates diferente información dos procesos selectivos "vivos" desde a OPE de 2014. Nós queremos aproveitar esta información que nos chega de rebote para volver a denunciar o pesadelo que supón preparar as oposicións na Xunta.

Neste cadro que envían atopamos un proceso da OPE de 2014 que aínda está pendente de elección de destino, trátase de 7 prazas de enxeñería técnica industrial (A2). Podería parecer algo anecdótico pero é que en 2015 relatan outros 6 procesos selectivos (86 prazas) que aínda están pendentes de algún exercicio. E da OPE de 2016 pois xa relatan ata 14 procesos  (388 prazas) onde en boa parte nin se convocou o primeiro exercicio.

Semella algo habitual no desenvolvemento dos procesos selectivos na Xunta e que dificulta a súa preparación e conciliación coa vida persoal, familiar e laboral. Xa non é que tarden, é que nunca se sabe cando van ser os exames ou as tomas de posesión, e cando se saben, sempre se fallan nas previsión. O problema é que se normalice esta actitude no lugar de denunciala.

Para nós, esto é intolerable e choca directamente co artigo 70 do EBEP e do 48 da LEPG, onde se establece que "En todo caso, a execución da oferta de emprego público ou instrumento similar deberá desenvolverse dentro do prazo improrrogable de tres anos". A xurisprudencia soe considerar este prazo como declarativo máis que impositivo. Porén, os xulgados deberían tomar máis en serio a necesaria motivación de incumprimento deste prazo máis aló da clásica "potestade organizativa" pois está claro que prexuízos está causando e moitos (tamén económicos).

Na Adminsitración xeral do Estado procuran levalo con algo máis de seriedade e xa as OPEs obrigan a que as convocatorias se fagan nos 4 seguintes meses e nestas figuran as datas de realización dos exercicios, que se cumpren, canto menos, no mes da súa realización.

Tendo en conta o anterior, cómo imos crernos a previsión que vén noutra táboa que fala de centos de prazas das OPES de 2018 e 2019 que van convocarse en outono deste ano!? Acabarán sendo fume. Semella que a Función Pública galega ten ou ben un problema de recursos humanos ou ben un problema de dirección, ou ambos. Cómpre poñerlle solución política ao problema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario