Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 25 de setembro de 2019

Barreiro, o concurso de traslados qué?

O pasado 2 de agosto, a Comisión de Persoal aprobou as bases da convocatoria do concurso de traslados de persoal funcionario de corpos xerais. Este é o derradeiro trámite que se ten que cumprir antes da súa publicación no DOG, logo de que se peche a relación de postos que ofertarán.

A previsión que fixo Función Pública, xa con tempo dabondo, era para setembro. "publicarase en setembro", iso foi o que dixo o director.

Está rematando setembro, nin unha chamada, nin un correo, xa non digamos unha convocatoria de xuntanza(*), nada de nada, os postos están tan cal como quedaron en agosto, hai RPTs pendentes de publicar que implican creación de prazas (a ver se non as queren para non sacalas) e así seguimos, ate cando? Ate que cadre un bo titular en La Voz de Galicia? en función de que lle conveña ben a non sabemos moi ben quen (ou si)?

Un pouco de seriedade de cando en vez non está mal, vennos ben a todas e todos. Estamos tan afeitas a que o responsable da Función Pública minta que xa non lle damos importancia. O espazo tempo para Barreiro non é o mesmo que para o resto das mortais: "o ano que vén", "neste trimestre", "está a punto de sair", "estamos niso", "en setembro"..., son xa de por si cousas moi pouco concretas pero cando saen da súa boca transfórmanse en mensaxes vacuas que voan no aire como cando se lle escapa un globo a un cativo e o leva o vento.

Veña, Barreiro, ponte as pilas e saca o concurso dunha vez, que xa leva anos de atraso,  que ás veces, de cando en vez, apetécenos poder optar a algunha praza dun xeito obxectivo, aportando méritos, antigüidade, cursos, etc... Que non dades nin cuberto as prazas, que levades tantos anos recortando persoal que xa temos todo o mundo unha certa idade e te coñecemos, sabemos de que vai isto. Traballa un pouco e deixa de ver o que mellor lle convén ao PP e mira, por unha vez, polo que mellor lle convén ao persoal funcionario da Xunta de Galiza, ou sexa, respéctanos un pouco.

(*) o que si houbo recentemente foi unha convocatoria dunha "reunión técnica" sobre o buzón de postos para o 1 de outubro, así sen máis información. Se a iso lle engadimos que seguen sen querer sacar nin concurso para persoal laboral nin para corpos especiais, velaquí a única resposta posible ante tanto desprezo polos nosos dereitos:

Ningún comentario:

Publicar un comentario