Os motivos son a manifesta incompetencia na xestión dos concursos de traslados e dos procesos selectivos.
Levamos xa varios anos nos que se amorean unha serie de despropósitos por parte de Función Pública que teñen un denominador común: o prexuízo dos dereitos das persoas empregadas públicas que desenvolven o seu labor na Xunta de Galiza.
A xestión do persoal pola Dirección Xeral da Función Publica da Xunta está sendo nefasta. Éo tanto na xestión dos procesos selectivos como na adxudicación de postos por concursos de traslados. A tramitación dos procesos selectivos, especialmente os de promoción interna, xa é máis unha carreira de obstáculos que un proceso de promoción dun persoal que xa conta con coñecementos e experiencia acreditada coa súa antigüidade.
O paradigma destes despropósitos foi o proceso de acceso ao grupo C2, tanto en promoción interna como en libre, no que no canto de facerse un exame equilibrado dos coñecementos que deberían ter as persoas que optaba a eses postos converteuse nunha competición sobre quen sabía máis exclusivamente sobre unha parte do temario: as follas de cálculo.
No proceso de promoción interna deixáronse vacantes moitas máis da metade das prazas convocadas e no libre foi o cénit do desatino. O exame, composto de 40 preguntas sobre o paquete ofimático LibreOffice (composto de folla de cálculo, procesador de texto, base de dados, ...) tivo 32 preguntas sobre folla de cálculo e só 8 sobre o resto, sobre procesador de texto. Por riba as preguntas da folla de cálculo tiñan un enunciado excesivamente complexo para o grupo C2, con formulas con funcións ligadas cun nivel de dificultades moi superior ao traballo a desenvolver polo grupo C2. Parece que só se buscasen candidatos especialistas en follas de cálculo. Algo semellante a isto aconteceu noutros procesos selectivos.
A incompetencia do director xeral da Función Pública, José María Barreiro é clara desde que foi nomeado, e deixase ver nas súas actitudes nas mesas de negociación. Son doce anos de incapacidade na xestión de persoal, cuns interminábeis concursos de traslados que ou levan décadas de retraso ou unha vez convocados se prolongan case permanentemente.
O “último” exemplo, que esgotou a paciencia das persoas traballadoras é o acontecido na semana pasada co concurso de traslados de corpos xerais, que vai cumprir proximamente dous (2, si 2) anos desde a súa convocatoria e ante a imposibilidade de concluílo publicaron unha ampliación do prazo para resolver, amparándose nun artigo que fala da falta de persoal para resolver os procedementos e sen indicar o período durante o cal se fai a prórroga. Todo isto despois de uns días antes non dicir nada sobre esa prórroga nunha reunión negociadora.
A parálise do concurso de traslados prexudica económica e profesionalmente ás persoas que solicitaron participar, e ás persoas usuarias dos servizos públicos (que somos todas) xa que a interinidade a que ese xeito de actuar condena ao persoal (desde por exemplo o persoal que se encarga de materias tan sensibles como a valoración de discapacidade, dependencia ou menores como as xefaturas de servizo xa que nunca se convocou o concurso específico recollido na lei) incide nunha deficiente prestación dos servizos, xa que unha esaxerada rotación do persoal impide que o traballo sexa xestionado coa necesaria perspectiva por parte do persoal asignado, o que se une ás amortizacións sistemáticas de prazas co conseguinte aumento da carga de traballo do persoal que vai quedando...
Durante todo o período que ocupou a DXFP os asuntos sen resolver, ou mal resoltos, van aumentando, desde a consolidación prevista na disposición transitoria décima do V Convenio do Persoal laboral, os concursos de traslados do persoal laboral e do persoal de corpos especiais, de veterinaria, a RPT do persoal do Consorcio do Benestar. Asuntos que van todos para cumprir unha década, ou máis, sen convocarse ou resolverse, sumados a outras decisións que foron rectificadas polos tribunais mostran claramente a incompetencia como xestor da Función Pública do señor Barreiro. Por todo isto, e coas queixas que nos fixeron chegar as compañeiras e compañeiros, a totalidade das cinco Xuntas de Persoal do funcionariado da Xunta de Galiza acordaron solicitar a súa dimisión, ou alternativamente a destitución, do actual director Xeral da Función Pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario